DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa tomou posesión este mediodía como sexto reitor da Universidade de Vigo

Un novo reitor para programar a Universidade do futuro

No seu discurso de despedida, Mato asegurou marchar coa "sensación do deber cumprido"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 08/06/2018

Manuel Reigosa Roger converteuse este mediodía no sexto reitor da Universidade de Vigo co obxectivo de “que os moitos sorrisos que miro estes días polo campus os siga mirando dentro de catro anos”. Así remataba o seu discurso de toma de posesión, no que agradeceu os apoios recibidos, así como o traballo do seu equipo de goberno e mesmo a “campaña limpa e nobre realizada por Emilio Fernández”. O discurso do reitor, no que avanzou algunhas das súas liñas estratéxicas de traballo para os próximos anos, sucedeu ao pronunciado por Salustiano Mato que asegurou marchar “coa sensación do deber cumprido e coa ledicia de ver á Universidade situada nos eidos máis salientables do ámbito nacional e internacional”. Mato, que agradeceu o traballo desenvolvido polo seu equipo, polo PAS e o PDI e por diferentes institucións, ofreceuse a axudar ao seu sucesor e marchar “coa Universidade de Vigo na cabeza e no corazón”.

O acto de toma de posesión, celebrado este mediodía no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado na mesa presidencial polos reitores das universidades de Santiago, Antonio López, e A Coruña, Julio Abalde; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Feijóo referiuse á cooperación como a máxima que considera rexe entre as tres universidades galegas e que fixo posible acordos para a docencia médica ou para a creación do novo consorcio interuniversitario. O presidente da Xunta aludiu a algúns dos éxitos acadados nos últimos anos pola institución académica viguesa e rematou ofrecendo a colaboración do Goberno galego ao novo reitor, que dixo trae “experiencia, prestixio, independencia e ilusión”.

O acto de toma de posesión do novo reitor e das e dos once integrantes do seu equipo de goberno reuniu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias a unha destacada representación da comunidade universitaria, ademais de responsables de institucións políticas, económicas e sociais, como Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Milagros Otero, valedora do Pobo; José Luis Costa, presidente do Consello Consultivo de Galicia; Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social de Galicia; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Teresa Pedrosa, delegada do Estado da Zona Franca de Vigo; Luis Quinteiro, bispo da Diócese Tui-Vigo, así como deputadas e deputados, senadoras e senadores pola provincia de Pontevedra; membros da Mesa do Parlamento de Galicia e voceiras e voceiros dos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

Manuel Reigosa: "Espero que dentro de catro anos sigan os sorrisos que miro agora"

Tras prometer o seu cargo e recibir de mans do seu antecesor, Salustiano Mato, a medalla e o bastón de mando, Manuel Reigosa pronunciou un discurso que iniciou agradecendo o apoio recibido para acadar a súa elección e no que manifestou a súa intención de traballar para programar a universidade do futuro, “porque temos que alonxar a mirada e levantar a cabeza”. Reigosa retomou o seu lema de campaña con H2040 para referirse a unha universidade das persoas, “agarimosa” e á que a comunidade universitaria se sinta honrada de pertencer. O novo reitor gabou a campaña “limpa e nobre” realizada por Emilio Fernández á fronte de Ideas que suman e agradeceu o apoio do PAS, PDI e alumnado e moi especialmente o traballo desenvolvido polas e polos integrantes do seu equipo de goberno “por embarcarse nunha aventura que eu consideraba moi difícil”.

De seguido, o novo reitor da Universidade de Vigo debullou algúns dos seus principais obxectivos, que pasan por acadar, asegurou, mellores condicións de traballo para o persoal; darlle maior pulo á docencia; simplificar a burocracia; apostar polos recursos humanos; facer rexurdir o Claustro, así como negociacións máis fluídas con diversos colectivos, como o sindical. “Temos que facer un esforzo por captar alumnado nos países de fala hispana e tamén de Brasil, sen esquecer o inglés”, destacou Reigosa, que tamén incidiu na necesidade de incorporar docentes e persoal investigador para renovar, no primeiro caso un cadro de profesorado cada vez máis avellentado e para recuperar o pulo nas publicacións científicas de alto nivel, no segundo. 

Reigosa demandou do presidente da Xunta a axuda do executivo galego para que as tres universidades do SUG volvan ter presenza no ránking de Shanghai, “un logro extraordinario”, conseguido no caso de Vigo no curso 2011-2012, e manifestou a súa aspiración no caso do ránking Times Higher Education de situar á institución académica viguesa entre o grupo das 100 primeiras universidades de menos de 50 anos. Neste sentido, o novo reitor aludiu ao programa autonómico Ultreia 2020, que inclúe opcións de mellora no ámbitos da calidade e a internacionalización. Tras reiterar que as clasificacións son importantes, Reigosa rematou o seu discurso referíndose ao que sinalou como o seu primeiro obxectivo para os vindeiros catro anos, “estes dias miro moitos sorrisos polo campus e espero que dentro de catro anos sigan eses sorrisos”, dixo o reitor.

Rematado o seu discurso, as e os integrantes do seu equipo de goberno, comezando polo secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, prometeron os seus cargos. Así, a profesora titular do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo María Esther de Blas, foi nomeada vicerreitora do campus de Ourense; Jorge Soto, profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, vicerreitor do campus de Pontevedra; Consuelo Pérez, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción, vicerreitora de Transferencia; o catedrático do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos José Luis Míguez Tabarés, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; a docente do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; o docente do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Académica José María Martín Moreno, vicerreitor de Economía; a docente do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; o docente do Departamento de Enxeñaría Telemática Manuel Ramos, vicerreitor de Organización Académica; a catedrática do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; o catedrático do Departamento de Química Analítica e Alimentaria Jesús Simal, vicerreitor de Internacionalización e a docente do Departamento de Didáctica, Organización Escolar  e Métodos de Investigación, María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación.

Salustiano Mato: "Na miña cabeza e no meu corazón sempre estará a Universidade de Vigo"

“Na miña cabeza e no meu corazón sempre estará a Universidade de Vigo. Ninguén nunca se sentiu máis honrado en servila nin máis agradecido por deixarllo facer”. Con estas palabras Salustiano Mato, quinto reitor da Universidade de Vigo, puxo fin a oito anos de goberno ao fronte da institución académica viguesa, oito anos nos que, xunto a todo o seu equipo, “colocamos todo o noso coñecemento, esforzo e capacidade ao servizo de Galicia co único fin de engrandecela”, oito anos nos que, recalcou, “traballamos con acertos e con erros, sen abandonar as nosas funcións ata o último día”.

O seu discurso de despedida estivo marcado polos agradecementos, o máis especial, ao equipo de goberno que o acompañou nesta singradura, “sei que deron o mellor de si e, sen o seu traballo, tería sido imposible chegar ata onde hoxe estamos”; a todo o persoal de administración e servizos, “que en todo momento amosou o seu compromiso coa institución”; ao executivo galego, representado nas figuras do presidente, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Educación Jesús Vázquez e Román Rodríguez, “cos que sempre, a pesares dalgúns desacordos, coincidimos no fundamental”; ás corporacións municipais e ás provinciais, “coas que traballamos cóbado con cóbado”; o Real Club Celta, “o seu alento para acadar o Campus do Mar nunca se nos esquecerá”; así como institucións como o Consorcio da Zona Franca, a Autoridade Portuaria, os diferentes clústeres, centros de investigación e empresas.

“Rematamos coa sensación do deber cumprido e, chegado este momento, ímonos coa ledicia de que, quen recolle o testemuño, o fai coa ilusión de seguir situando esta Universidade nos espazos máis salientables do eido universitario, non só no ámbito estatal, senón tamén internacional”, recalcou Mato, quen fixo fincapé en que son moitos os retos que quedan por afrontar. “Queda moito traballo por facer, pero non serei eu quen o enumere. Correspóndelle ao novo reitor e ao seu equipo mergullarse nesta realidade”, recalcou o reitor saínte, quen ofreceu a súa axuda e a do resto de integrantes do seu equipo, a colaborar no que solicite o novo equipo. “Prezado Pachi, nunca dubides, nin ti nin ningún representante do teu goberno, que me manterei fiel ao que se me solicite por parte do meu reitor”, recalcou ante o seu sucesor, Manuel Reigosa, de quen dixo “el é presente e futuro”.

A Universidade de Vigo, "un éxito colectivo"

“Na Xunta de Galicia sempre atoparedes as portas abertas”. Con esta mensaxe quixo darlle a benvida o presidente da Xunta ao novo reitor, do que destacou que asume o cargo con “ilusión, experiencia, prestixio, independencia,” cualificativos que, lembrou, “foron referendados pola comunidade universitaria”, nas eleccións do mes de abril. Núñez Feijóo salientou así mesmo o “compromiso valente” que Reigosa asumiu nun discurso “ambicioso” e nese senso defendeu tamén a internacionalización como un “obxectivo estratéxico” para o sistema universitario galego, incidindo na importancia da implantación da docencia en inglés, da captación de alumnado e de lograr mellores posicións nos ránkings.

Previamente, o responsable do Goberno galego valorou a inclusión de Vigo entre as 1000 mellores universidades do mundo e as 25 mellores de España no ránking QS ou entre as 12 mellores do Estado en resultados de investigación, no informe da Fundación Conocimiento y Desarrollo. A Universidade de Vigo, sinalou, é unha “institución que desde o seu nacemento medrou en eficiencia e calidade”, a historia dun “éxito colectivo”, Neste punto, Núñez Feijóo salientou tamén o labor do reitor saínte, co que, en cooperación coa administración autonómica, xurdiron iniciativas como o retorno a Galicia do Pergamiño Vindel, o impulso da nova sede institucional no Berbés ou a especialización que supuxo o Campus da Auga en Ourense, “pioneiro en España na especialización dos campus periféricos”, o Campus Crea S2i de Pontevedra e o Vigo Tecnolóxico, “sempre baixo o liderado do Campus do Mar”.   

A cooperación foi defendida como Núñez Feijóo como “a máxima” que rexe o Sistema Universitario galego. O presidente da Xunta lembrou que fixo posible o plan de financiamento do SUG ata o ano 2020, “dotado con 2480 millóns de euros, a mellor folla económica da que se dotaron as universidades en toda a súa historia”; a constitución do Consorcio Interuniversitario de Galicia, “que nos permitirá ser máis fortes e máis efectivos”; ou a definición “dunha oferta conxunta de titulacións ata o ano 2021, algo sen precedentes na comunidade universitaria” e que suporá a creación de 14 novos títulos. “Galicia ten universidades que cooperan, universidades vinculadas á sociedade”, concluíu Núñez Feijóo, quen incidiu tamén na importancia da investigación, que motivou o investimento de 500 millóns de euros dos orzamentos autonómicos “para blindar o I+D+i das nosas universidades”; e do factor humano, “que ten un papel decisivo na definición da universidade do século XXI”.