DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola Área de Normalización Lingüística e editado polo Servizo de Publicacións

Un novo volume da colección 'No Fondo dos Espellos' recolle os artigos publicados por Méndez Ferrín no ‘Faro de Vigo’ entre 2007 e 2010

O primeiro libro compilaba os textos correspondentes ao período 2015-2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 15/03/2022

Entre 2007 e 2020 Xosé Luis Méndez Ferrín publicou cada sábado un artigo na sección No Fondo dos Espellos de Faro de Vigo. Esta produción literaria esparexida no tempo reúnese nunha colección editada pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo que leva o nome da sección do xornal. Tras un primeiro volume presentado en maio de 2021 que compilaba os textos correspondentes ao período 2015-2020, sae do prelo un novo libro no que as e os lectores poderán atopar agrupados todos os textos publicados dende 2007, cando comezou esta colaboración do escritor co diario vigués, ata 2010. 

Esta antoloxía recupera e reúne os artigos que conforman a primeira parte “dunha obra xornalística e ensaística primordial” que tivo o seu espazo semanal no Faro de Vigo, como explica no limiar do libro Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e profesor do Departamento de Tradución e Lingüística. En total, este novo volume inclúe 184 artigos do escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo: 43 publicados en 2007, 48 en 2008, outros 48 en 2009 e 45 en 2010. 

“Un fascinante percorrido sobre unha diversidade temática”

Esta compilación recolle os primeiros anos da sección No Fondo dos Espellos polo que constitúe, como destaca Fernando Ramallo, “o punto de partida dun fascinante percorrido sobre unha diversidade temática que, desde estilos divulgativos, permite acceder á excelsa sabedoría do seu autor. Toda a cultura galega, desde os inicios históricos ata a actualidade ten espazo no volume, mais tamén atoparemos unha reflexión sobre aconteceres internacionais que axudan a comprender mellor o mundo no que habitamos”.

O responsable da Área de Normalización Lingüística da UVigo apunta que as e os lectores “atoparán unha orixinal e valiosa achega a múltiples temáticas, co rigor e a capacidade divulgativa que caracteriza todo o traballo ensaístico do autor. As temáticas, ás veces, se presentan en continuidade ao longo de varios textos que foron aparecendo en semanas seguidas; outras veces, esas temáticas recupéranse meses ou anos despois”. Con todo, Ramallo recalca que existen “diversos nexos” que permiten entender este traballo de Méndez Ferrín, pero dende o seu punto de vista, “o elo que une esta inxente obra é ideolóxico: a posición emancipadora, dialéctica, crítica e científica sobre todo aquilo ao redor do que escribe”.

Proceso de elaboración

“A conversión dos textos desde a hemeroteca do xornal a este formato agora impreso”, detalla o director da ANL, “supuxo un intenso traballo de revisión formal”, un labor que realizaron o propio Méndez Ferrín e Marta Abalo Sánchez, egresada da Facultade de Filoloxía e Tradución e responsable, ademais, do índice onomástico que completa, un anexo que serve “de axuda para localizar, con certa facilidade, os nomes que neste segundo volume figuran”. Segundo Ramallo, este índice “facilitará a lectura selectiva que cal queira persoa desexe facer dun libro con centos de nomes significativos da cultura galega e universal”. Nun segundo anexo recóllense, grazas á colaboración de Xosé Manuel Salgado, catro artigos que, “por descoido”, quedaran fóra do primeiro volume, o correspondente aos textos publicados entre 2015 e 2020.

Ramallo traslada o agradecemento da Área de Normalización Lingüística a Melissa Gómez Morales, polo traballo de compilación e primeira revisión formal dos textos e a Faro de Vigo “o seu apoio a esta iniciativa”, así como ao Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo “a súa colaboración nesta edición e na súa distribución”.

O terceiro volume, en proceso de maquetación

Fernando Ramallo tamén destaca a “a entusiasta acollida do primeiro volume” desta triloxía, o que supón “un estímulo adicional para continuar coa edición de todos os textos” que o escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo publicou nesta sección do Faro de Vigo. O libro que pechará colección e dará acubillo aos artigos publicados entre 2011 e 2014 está xa en proceso de maquetación e publicarase, previsiblemente, no vindeiro mes de maio.