DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo das universidades de Vigo e Sidney e da Norwegian School of Sport Sciences

A obesidade reduce a esperanza de vida, pero non naquelas persoas fisicamente activas

A investigación parte da análise dos datos recollidos durante unha década a máis de 300.000 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/12/2020

A obesidade é un problema de saúde global, que afecta a máis de 670 millóns de persoas e que pode conducir a patoloxías crónicas como diabetes de tipo 2, enfermidades cardiovasculares ou cancro. Trátase pois dun factor de risco de morte prematura que, segundo un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Sidney e da Norwegian School of Sport Sciences, podería verse compensado pola práctica regular de actividade física. Publicado na revista Mayo Clinic Proceedings, este estudo parte da análise dos datos reunidos no UK Biobank, que realizou ao longo dunha década un seguimento a máis de 300.000 persoas, e tiña como obxectivo coñecer se a actividade física atenúa o risco de mortalidade con independencia dos niveis corporais de masa graxa.

O investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Miguel Adriano Sánchez Lastra e o investigador da Norwegian School of Sport Sciences Jakob Tarp son os autores principais dun estudo que, analizando os datos reunidos de niveis de actividade física e índice de masa corporal (IMC) de 300.000 persoas de mediana idade de Inglaterra, Gales e Escocia, conclúe que a práctica regular de actividade física pode compensar as consecuencias negativas da obesidade sobre a mortalidade prematura. “Os protocolos clínicos actuais para tratar a obesidade están moi centrados na perda de peso”, sinalan Sánchez Lastra e Tarp, que, inciden en que, pese a que “a obesidade é unha afección multifacética”, os resultados deste estudo poñen o foco na importancia de “centrarse máis en cambiar os comportamentos cara a actividade física e pór menos énfase en se se logra ou non unha perda de peso”. 

150 minutos de actividade física á semana

Xunto a Sánchez Lastra e Tarp, asinan este artigo os investigadores da Norwegian School of Sport Sciences de Oslo Ulf Ekelund e Knut-Eirik Dalene, xunto con Ding Ding, da Universidade de Sidney. Co propósito de explorar se a actividade física reducía o risco de morte prematura asociada á obesidade, analizaron os datos reunidos no UK Biobank, “unha cohorte de medio millón de persoas, creada co obxectivo de mellorar a prevención, a diagnose e o tratamento de enfermidades crónicas a través do estudo de interrelacións entre o ambiente, o estilo de vida e os xenes”, explican os autores principais do artigo. Coordinado por Ekelund, o estudo desta base de datos céntrase nas “interaccións entre elementos do estilo de vida, principalmente actividade física e sedentarismo e as súas asociacións coa saúde e a mortalidade”, como explica o investigador do campus pontevedrés, que formou parte deste proxecto no marco da estadía de investigación que realizou en Oslo o pasado ano.

Durante o período analizado, faleceron máis de 6600 das e os integrantes desta mostra e, despois de ter en conta outra serie de factores potencialmente influentes, “desde o sexo e idade ata o tabaquismo”, a obesidade asociouse neste estudo cun maior risco de mortalidade prematura, mais esta, sinalan, “eliminábase virtualmente nos individuos obesos se estes eran fisicamente activos”. Concretamente, o nivel necesario para reducir ese risco sitúase neste estudo nun mínimo de 150 minutos de actividade física moderada, “como por exemplo, camiñar con certo ritmo”, por semana, “de acordo coas actuais recomendacións da Organización Mundial da Saúde de actividade física para adultos”, sinalan.

Análise centrado nas porcentaxes de masa graxa

“Unha persoa pode presentar un peso elevado debido a unha elevada masa graxa, a unha elevada masa muscular ou a unha combinación de ambas”, sinalan Sánchez Lastra e Tarp, que explican que “os efectos negativos na saúde derivan principalmente dunha elevada graxa corporal”. Partindo de aí, a súa investigación empregaba “por primeira vez unha medida directa da adiposidade, diferenciando masa graxa de masa magra”, o que os levou a ter en conta tamén outra serie de variables, “como a idade, o sexo, a etnia, o status socioeconómico, patróns de alimentación, consumo de alcol e tabaco, tempo sedentario ou diferentes enfermidades crónicas como diabetes e hipertensión”. 

A análise desta serie de datos permitiulles confirmar que as persoas cun peso saudable, aquelas cuxo IMC se situaba entre 18.5 e o 25, e que mantiñan ao mesmo tempo un nivel elevado de actividade física tiñan o risco de mortalidade prematura máis baixo, “considerablemente menor que o daquelas persoas no mesmo rango de peso pero cun nivel de actividade baixo”. Por outra banda, empregando o IMC en lugar do porcentaxe de graxa corporal, a práctica de exercicio non se amosou como un factor capaz de compensar un maior risco de mortalidade nos individuos de maior peso, aqueles cun IMC superior a 35, pero si naqueles e aquelas que se situaban entre 25 e 35, nos que “unha alta actividade física claramente atenuaba” ese risco.

Unha valiosa experiencia de aprendizaxe

A súa selección na convocatoria de contratos predoutorais da Xunta de Galicia, permitiu a Sánchez Lastra, que centrou a súa tese, dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela e Carlos Ayán, no estudo dos efectos dun programa de exercicio de forza en persoas maiores, realizar en Noruega a estadía que fixo posible a súa participación neste estudo. De aí que poña o acento no positivo dunha experiencia que, recoñece, “supuxo unha esixencia persoal enorme”, dado que lle levou a “aprender moitas cousas novas, tanto de epidemioloxía da actividade física como de programación estatística”, pero que tamén axudou a reforza a súa “motivación de achegar o máximo posible desde o meu ámbito” á saúde pública.