DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un taller no que obxectos e situacións comúns son a base para xerar obras

Un obradoiro converte o cotián en fonte de inspiración

Aborda tamén a historia da arte desde a perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/04/2021

Converter en inspiración e recurso para a creación artística obxectos e situacións comúns e facelo tras analizar as obras dunha serie de creadoras que sustentaron no cotián a súa produción artística. Estes dous aspectos articulan as diferentes sesións do taller Enfoques sobre o cotián dende unha perspectiva de xénero, que se desenvolve na Facultade de Belas Artes dentro da programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este cuadrimestre. Impartido pola artista e mediadora cultural Iria Vázquez e pola artista e profesora da facultade Chelo Matesanz, o taller nace da “necesidade de contar a historia da arte desde unha perspectiva de xénero” e busca, partindo desta, que as e os participantes poidan experimentar “o que podemos xerar a través do que está silenciado pola rutina”, como salienta Vázquez. 

Con esa idea, cada sesión deste taller, que arrancou o pasado mes de marzo, combina teoría e práctica, de tal xeito que a presentación dos traballos realizados por diferentes artistas vese sucedida por exercicios prácticos nos que o alumnado crea as súas obras a partires dos obxectos ou temáticas propostas. “Máis aló de adquirir máis coñecementos sobre a nosa historia, a miña vontade é tamén xerar un espazo case que de xogo, que nos permita ter máis coñecemento sobre nós e, á vez, esquecer o que sabemos para deixarnos levar e sorprendernos polo que aparece”, salienta Vázquez, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e presidenta da asociación de artistas A Colectiva. Nese senso, explica que se trata dun taller “para un público non especializado” e, de feito, entre as once persoas asistentes figuran tanto alumnas da facultade como estudantes doutras titulacións e persoas alleas á comunidade universitaria. 

Achegar a arte ao cotián e o cotián á arte

Aínda que, como sinala Vázquez, o obxectivo do obradoiro é propor “unha aproximación á arte contemporánea desde unha perspectiva de xénero”, este non é “un curso de historia da arte”, senón que o seu propósito é trazar “unha aproximación a distintas problemáticas e temas a través das obras de mulleres e artistas”, o que á súa vez leva a afondar tamén nalgunhas “claves da historia do feminismo”. Nese senso, a aproximación ás creacións tanto de figuras como Mona Hatoum ou Carmen Calvo como a artistas e docentes da facultade como Almudena Fernández Fariña ou a propia Chelo Matesanz, directora do obradoiro, serve como eixo para afondar nos cinco bloques temáticos do taller, “os obxectos e espazos surrealistas, a expansión da pintura, os espazos de memoria, a beleza do residual e o estraño e o familiar”. 

Nese senso, ademais de para afondar en como enfocaron na súa obra “o cotián e o doméstico”, as creacións desta serie de artistas serviron tamén en varias das sesións como punto de partida para a proposta de exercicio que completa a sesión, na que tamén libros vellos, panos, utensilios de cociña e outra serie de obxectos domésticos foron empregados como materiais para a creación, dando lugar a unha serie de obras que está previsto dean lugar a unha exposición. “No obradoiro tamén se quere mostrar o papel que ten na práctica artística a reutilización dos recursos”, sinala Vázquez dun taller que, á vez que pon o foco na sustentabilidade, busca explorar posibles vías para “sacar do esquecemento cousas que van acabar o lixo e darlles outras vidas”.

Mais, ao mesmo tempo, con este achegamento ao cotián o taller tamén pon o foco na propia “comprensión da arte contemporánea”, que como recoñece Vázquez, moitas veces é vista como algo que responde a “códigos moi pechados e herméticos”, en lugar de como “un tipo de arte moi pegada a nosa vida”. Nese senso,  pon de relevo que “unha das aproximacións clave para penetrar na arte contemporánea é a inclusión do obxecto e da vida cotiá” como elementos para a reflexión e interpretación da realidade social.