DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taller de iniciación a WordPress completa a súa segunda edición con sesións virtuais

O obradoiro de creación de páxinas web trasládase á rede

Buscar formar, desde cero, no deseño e xestión de espazos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 26/03/2020

Aprender, sen necesidade de coñecementos previos, a deseñar e xestionar un espazo web. Isto é o que o taller de iniciación a WordPress, o xestor de contidos de código aberto co que se desenvolveron preto dun terzo das páxinas web do mundo, propón aos alumnos e alumnas que cubriron ás 16 prazas da súa segunda edición. Inserido na programación de obradoiros impulsada pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, o curso arrincou en febreiro na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e, trala suspensión da actividade docente presencial no marco das medidas para evitar a expansión do coronavirus, complétase nestas semanas con clases a través da rede.

Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e experto en WordPress Xabier Martínez Rolán, o obradoiro Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress busca formar aos e ás asistentes no manexo deste xestor e das súas múltiples aplicacións, así como achegarlles nocións sobre creación, organización e xestión de contidos, completándose nestas semanas coa abordaxe das técnicas de márketing dixital que permiten optimizar o seu posicionamento en buscadores. Xunto a Rolán, conta coa participación como docentes, apunta, de “dous dos mellores profesionais especializados en WordPress”, o desenvolvedor web Juan Hernando e o consultor SEO Wajari Velásquez, encargado de impartir, de xeito virtual, as últimas clases do obradoiro. Mantendo os seus horarios, o taller celebra as súas sesións a través do programa Zoom e os vídeos destas clases súbense a unha canle privada en Youtube para aqueles e aquelas que queiran seguilas con posterioridade. 

“A interacción co alumnado é moi boa”, recoñece Velásquez, que explica que o uso de Zoom permítelle por exemplo que o alumnado “comparta as súas pantallas”, o que nun taller de carácter práctico fai posible “corrixir fallos de forma máis áxil”. Mais, ao mesmo tempo, recoñece, existen aspectos negativos, como a necesidade dunha “boa conexión a internet” para poder seguir as clases e a imposibilidade de premiar ás “preguntas interesantes e boas respostas” coas lambetadas que adoitaba agasallar ao alumnado. 

Crear e facer visible

Estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, persoal da Universidade e persoas alleas á institución académica forman parte do alumnado dun taller que, como explica Rolán, “achégalles unha formación complementaria, nun aspecto que é ademais transversal”. O obxectivo “é que saian do taller creando as súas propias páxinas”, engade Hernando, encargado de impartir as sesións nas que se abordou a instalación e configuración da versión liberada de WordPress, os seus axustes e o engadido das “funcionalidades necesarias para que a web cumpra co que buscamos”, así como da elaboración de contidos estáticos e dinámicos. “O principal é perder o medo a lanzarse ao mundo da web”, engade Hernando, que lembra que WordPress “ofrece moitas facilidades” para a iniciación de persoas sen coñecementos previos, que ademais dispoñen na web de “infinita información, titoriais, vídeos, foros...”, que, coas bases que asenta este obradoiro, permitiranlles “experimentar, crear proxectos e ir mellorando cada día”.

Nestas semanas o obradoiro céntrase no SEO, nas estratexias para optimizar o emprazamento en buscadores. “Na actualidade, creando unha páxina web quédaste á metade do camiño”, recoñece Hernando, que destaca que “a outra metade do traballo” pasa precisamente por “posicionarnos ben para atraer o tráfico que queremos”, algo que, lembra, “non é cuestión de sorte”, senón que debe responder a unha estratexia.

Un sector que muda a gran velocidade

Ao igual que o ano anterior, o taller cubriu en poucos días a totalidade de prazas ofertadas, e mantén así mesmo os mesmos obxectivos e contidos que na súa primeira edición. “Optimizamos e actualizamos algunhas cousas”, recoñece Rolán, que subliña que o do deseño e desenvolvemento web é un ámbito “no que todo muda a gran velocidade”, especialmente en aspectos como o SEO, “que cambia completamente dun ano para outro”. Co propósito así mesmo de acadar un maior avance nunha formación fundamentalmente práctica incorporouse o desenvolvemento dun “proxecto común”, que levou ao alumnado a traballar no deseño e desenvolvemento da web dunha “academia ficticia”, nunha aprendizaxe guiada, complementada á súa vez cun tempo no que cada quen podía aplicar eses coñecementos “aos seus propios proxectos”, coa axuda dos docentes.