DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación impártese este curso por sexto ano consecutivo

O obradoiro de gaita consolídase na oferta cultural do campus

Parte do seu alumnado creou un grupo chamado Fol de Ferro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 30/10/2019

Por sexto ano consecutivo, entre a lista de obradoiros de extensión universitaria que este curso se ofertan no campus de Ourense está o dedicado á gaita galega. A formación consolídase na programación cultural contando xa cun grupo de alumnos e alumnas estable que xa ten formado o seu propio grupo para participar de xeito informal en foliadas e festas. “Estamos moi contentos coa xente que asiste a este obradoiro”, comenta Gonzalo Abelairas, gaiteiro ourensán encargado de impartir a actividade.

No marco da programación de extensión universitaria que organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, indican os seus responsables, o obradoiro de gaita xa é un dos que conta cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fiel, seguindo a dinámica de aulas como as de teatro e danza. Así, aínda que o número de prazas inicial ofertado era de dez ampliouse a trece para dar resposta á demanda existente. A formación, que consta de 30 horas de formación, desenvólvese no pavillón de estudantes do campus, onde as e os participantes se dan cita unha vez á semana. Alí afondan no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación. Durante a formación tamén se achegan a diversos aspectos da música tradicional e dun xeito específico á percusión tradicional.

Iniciación e perfeccionamento

Nesta edición, explica Gonzalo Abelairas, volve a darse unha combinación de xente que se inicia no mundo da gaita e a música tradicional e xente que repite de edicións anteriores do obradoiro, salientando o gaiteiro como este curso se incorporaron de novo ao grupo persoas que xa tiñan participado en anteriores edicións pero que logo non puideron continuar. Dada esta diversidade, os contidos e as sesións do obradoiro están deseñados para atender tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento. Así, seguindo a dinámica de anos anteriores, o curso conta cunha parte de formación común, na que os dous niveis se xuntan para coñecer temas como a preparación do instrumento, a dixitación, o repertorio ou nocións básicas de percusión, e logo se dividen en grupos en función do seu grao de coñecementos.

Con esta bagaxe e este perfil de participantes, o obradoiro, comenta o seu responsable, xa se ten convertido para moitos dos seus membros no lugar no que semanalmente poden ir a aprender a tocar mellor, a ensaiar e a compartir o gusto pola música tradicional galega con outras persoas con inquedanzas musicais afíns. Mostra do bo ambiente que hai no obradoiro e dos avances feitos na formación do seu alumnado, Gonzalo Abelarias lembra como parte das persoas que repiten cada curso teñen creado un grupo informal chamado Fol de Ferro para participar en foliadas e festas, collendo o seu nome do Edificio de Ferro do campus onde nalgunhas ocasións se teñen desenvolvido as clases do obradoiro. “Nesta edición consolídase o grupo Fol de Ferro dentro do obradoiro pero tamén o grupo da xente que continúa de anos anteriores”, indica por último o gaiteiro.