DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades arrancaron esta semana e o día grande será o xoves 14 de novembro

Obradoiros, conferencias, concursos e un espectáculo científico para celebrar San Alberte 2019

As imaxes para o certame de fotografía científica poden enviarse ata o venres día 8

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Cultura
DUVI 05/11/2019

Obradoiros, conferencias, concursos, xogos populares, magosto e mesmo un espectáculo científico. Chega unha nova edición de San Alberte e para celebralo a Facultade de Bioloxía, xunto coa de  Ciencias do Mar e Química, teñen preparada unha ampla programación cultural que encherá de actividades o edificio de Ciencias Experimentais. Como cada ano, regresa o Concurso de fotografía científica, que cada vez conta con máis participantes, e a exposición de cogomelos, que este ano vén acompañada de varios obradoiros de apañado e identificación. “Estas son dúas actividades que xa están consolidadas dentro da festa do noso patrón” explica Manuel A. Pombal, vicedecano de Relacións Externas e Actividades Culturais da Facultade de Bioloxía, ao que engade que, como é tamén habitual, regresarán as conferencias e, como novidade, vaise celebra o espectáculo científico Elemental, piano- bar periódico, unha representación teatral sobre a táboa periódica a cargo de Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández. 

Na busca da mellor fotografía científica... 

O Concurso de fotografía científica, ao que o ano pasado se presentaron máis de medio cento de propostas, chega á súa décimo sexta edición e, como cada ano, os membros da comunidade universitaria poden participar coa presentación de fotografías inéditas que estean, indispensabelmente, relacionadas co ámbito científico. As persoas que decidan presentarse ao certame deberán ter en conta que o número máximo de obras permitidas son tres por autor, as cales poderán tomarse tanto en branco e negro como a cores, coa opción de ser realizadas coa técnica que prefiran. En canto ao formato, as fotografías deben ter un  tamaño mínimo de 10x15 e un máximo de 20x30 centímetros e irán montadas sobre cartolina, cun marco de polo menos dous centímetros onde figurará o título da obra. 
O prazo de admisión das fotografías arrancou este luns e manterase aberto ata o venres día 8.  Menos dunha semana despois, o xoves 14, terá lugar a entrega de premios aos autores das  imaxes gañadoras no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais, onde o público poderá tamén botar unha ollada a todas as obras que se presentaron ao concurso nunha pequena exposición organizada con tal motivo. 

Aprendendo sobre cogomelos... tamén polo cheiro

Outro dos pratos fortes deste festexo é a VII Exposición micolóxica, coordinada pola docente Marisa Castro, directora do Laboratorio MicoUvigo e os responsables da spin-off MycoGalicia Plantae. A exposición contará ademais este ano coa presentación en sociedade dunha aplicación móbil para a identificación de cogomelos denominada Micokei-Galicia e, por outra banda, hai previstas varias actividades incluídas obradoiros de identificación, entre eles, un de  cheiros, saídas de campo e unha ducia de visitas guiadas, sobre todo de diferentes centros educativos –previa inscrición-.

O prato forte será o xoves 14

O programa de conferencias arrancará o vindeiro luns ás 12.00 horas co relatorio Os cogomelos e a súa importancia na xénese das culturas, da man de Marisa Castro, e continuará o xoves 14, coa intervención, no acto central da celebración, da investigadora e directora do Instituto Español de Oceanografía de Vigo (IEO), Victoria Besada, que impartirá a conferencia El IEO: ¿Qué se esconde detrás de esas tres letras? “Son varios os alumnos e alumnas das diferentes titulacións de Ciencias Experimentais que realizan cada ano as súas prácticas externas neste centro de investigación localizado en cabo Estai, e co que tamén mantemos unha importante relación no eido da investigación”, salienta Pombal.

Tras a intervención de Besada terá lugar o espectáculo Elemental, piano- bar periódico. Trátase dunha representación teatralizada sobre a táboa periódica a cargo dos actores Manuel Vicente, director do programa Efervescencia da Radio Galega, César Goldi e Juanjo Fernández. “A obra foi montada polo 150 aniversario da presentación da primeira táboa periódica en 1869 polo químico Dimitri Mendeléiev. Ademais, para conmemorar esta efeméride, Nacións Unidas declarou 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica” explica Manuel A. Pombal, ao que engade que o mesmo xoves a partir das 14.00 horas haberá xogos populares seguidos dun magosto previsto para as 15.30 h. Cabe sinalar, di Manuel A. Pombal, que “ a implicación do alumnado é imprescindible para o éxito das diferentes actividades. De feito, este ano xa hai cerrados varios grupos para os diferentes obradoiros e agárdase unha boa participación para as actividades programadas, especialmente para as do xoves día 14.”