DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre 42 persoas fórmanse nas aulas escénicas do campus

O obxectivo, manter a "emoción” do teatro

Un dos seus grupos está a representar 'Imperator' en diversas mostras universitarias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/04/2021

Neste segundo cuadrimestre, as aulas de teatro do campus de Ourense continúan a súa actividade no marco da programación de obradoiros de extensión universitaria. 42 persoas, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, fórmanse no eido das artes escénicas divididos en varios grupos segundo o seu nivel de coñecementos. Mesturando formación virtual e presencial e respectando as medidas de loita contra a covid-19, as e os alumnos destas aulas manteñen viva "a emoción" do teatro universitario no campus a pesar da pandemia.   

“As aulas de teatro do campus seguen tendo un gran seguimento entre o alumnado”, explica Fernando Dacosta, o seu director. Estas aulas divídense en catro grupos: a aula Rosaura, aberta ás persoas que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as que teñen coñecementos máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Geppetto, que só se imparte no primeiro cuadrimestre e cuxa actividade rematou coa representación na Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti) de Coñecendo a Pippi. No primeiro cuadrimestre foron en total 54 as persoas matriculadas nos catro grupos dispoñibles e neste segundo cuadrimestre 42 nos tres grupos ofertados, “é dicir, practicamente todas as prazas foron ocupadas”, tal e como sinala o seu responsable. Este curso académico, debido ás medidas tomadas ante a pandemia, limitouse o número de prazas dispoñibles con respecto a edicións anteriores.

Sobre o desenvolvemento da docencia semanal destas aulas, impartida por Sarabela Teatro, Fernando Dacosta explica como este cuadrimestre “houbo case un mes de clases en liña para non perder o contacto, para afondar na aprendizaxe de textos e nas intencións dos personaxes, para ter todo preparado á hora de retomar a actividade presencial”. Na actualidade, engade, xa se desenvolve tamén formación presencial seguindo as medidas de prevención da covid-19, como a ventilación dos espazos, o traballo con distancia interpersoal e o uso en todo momento de máscaras. Estas limitacións, comenta Fernando Dacosta, “é unha dificultade que procura suplirse enfatizando outros recursos expresivos, coa esperanza de que chegue o momento en que poidamos vernos de novo os rostros completos”.

Boa aceptación

Respecto á importancia da actividade teatral, o director das aulas do campus de Ourense recalca como “o teatro é emoción, é procura de sentimentos, é diálogo, é xogo físico, confrontación de pareceres, é creación, é vivir e recrear vidas diferentes desde as nosas propias vivencias e habilidades, é algo necesario e buscado en días como os que estamos a vivir, por iso hai unha grande aceptación por parte de participantes e de público”. Neste senso lembra a boa acollida, “con cheos en moitas das representacións”, que tivo a celebración da Mostra de Teatro Infantil de Ourense no Nadal, mostra que cada ano conta coa colaboración da Universidade de Vigo e coa actuación da Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto.

Os froitos do traballo que actualmente están a desenvolver os tres niveis que se forman no campus poderán verse na Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. Mestres ese momento chega, a aula Maricastaña, o terceiro nivel, representou este mércores no 27º Festival de Teatro Universitario de Lugo a obra realizada por este grupo o pasado curso académico Imperator, que debido á pandemia non puido facer a súa tradicional xira por mostras de teatro universitario estatais. Sobre esta volta aos escenarios de Maricastaña en Lugo, Fernando Dacosta destaca como “foi moi ilusionante, estabamos moi contentos. Despois de tanto traballo necesitábase poder actuar, poder contar, ver que se chega a ese obxectivo”. A xira de Imperator continuará nas mostras das universidades de Navarra (19 de abril en Pamplona) e León (24 de abril).