DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Queralt, pintor didáctico especializado en Don Quixote:

"O obxectivo é transmitir os valores que se desprenden da obra de Cervantes"

O autor presenta a súa exposición "O Quixote e os Dereitos Humanos"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 12/03/2008

O pintor didáctico especializado en Don Quixote, Juan Queralt Blanch expón durante todo este mes a súa colección de obras O Quixote e os Dereitos Humanos, que el mesmo explica nos chamados Diálogos. Estas charlas, nas que o autor se pon á disposición do público, están abertas a todos os interesados e a elas acoden numerosos institutos da cidade. Queralt procede do ámbito do deseño pero leva máis de 16 anos traballando coa xuventude sobre o personaxe máis famoso de Cervantes, especialmente en Toledo e noutras cidades de Castela- A Mancha. Agora busca abrirse a outras comunidades que, segundo el, “non sexan tradicionalmente quixotescas porque os valores que se transmiten son universais”. A exposición, que poderá ser visitada no Edificio Xurídico Empresarial ata o 28 de marzo, realízase paralelamente ás xornadas do mesmo nome que se están a desenvolver estes días no campus.

De onde xurde a idea de facer unha exposición que relaciona a figura de Don Quijote cos Dereitos Humanos?
A idea e a inspiración xurdiron de xeito casual, lendo en repetidas ocasións El Quijote e facendo anotacións sobre os valores extraordinarios que aparecen na obra e que evidentemente non son un descubrimento meu. Neste proceso de lectura e de captación da mensaxe invertín uns tres ou catro anos antes de comezar a obra pictórica que representa todo ese universo de Cervantes.

Pero cal é exactamente a relación entre Cervantes e os Dereitos Humanos?
O personaxe de don Quijote representa a loita, a acción encamiñada á defensa dos máis desfavorecidos. Esta é a mensaxe máis importante que se capta na obra de Cervantes xa que moitísimas pasaxes están centradas na defensa dos dereitos fundamentais de toda persoa. Don Quijote en teoría estaba tolo pero, na miña opinión, estaba rematadamente cordo e Cervantes necesitou representalo así para cubrirse as costas fronte á Inquisición. O autor foi moi intelixente, ademais de unha figura emblemática da lingua española, foi un sabio, non cabe dúbida.

Por que escolleu o campus de Ourense para realizar esta exposición?
A verdade é que non tiña vinculación co campus, pero si coa Universidade de Vigo. Un día, falando co profesor Montero Reguera, comentoume que podería ser boa idea traer a exposición á Facultade de Dereito. Fixen unha chamada para propoñerllo e tiven a gran sorte de que foron moi receptivos comigo e nuns meses puídose realizar o que para min é unha gran ilusión.

A idea de falar coa xente para explicar a súa obra nos chamados Diálogos, de onde nace?
Un día chegou a Toledo, onde desenvolvín a miña tarefa de artista durante máis de 12 anos, un mestre de escola con tres ou catro cativos para que lles explicara a obra. Decateime de que tal vez ese era o camiño a seguir e comecei a levalo a cabo como un xeito de tender unha ponte entre o mundo académico e o resto da poboación e, especialmente, da mocidade. O obxectivo e transmitir a mensaxe que se desprende da obra de Cervantes cun diálogo que é enriquecedor para ambas partes. Atópome moi ben entre os rapaces porque para eles todo o que sexa falar de Dereitos Humanos é imprescindible.

A acollida está sendo moi boa, non si?
Si, hai bastante interese. Á xuventude hai que saberlle falar, saber expoñer os coñecementos cunha linguaxe acertada. Tento que a charla sexa animada, amena, con toques de xocosidade. El Quijote é unha obra que non é fácil e que, polo seu rigor literario, non se pode impoñer, pero si comentarlles o seu contido e os seus valores a modo de acercamento, para que cando chegue o momento collan a obra de xeito natural. Cada cousa chega ao seu tempo, eu lin a obra aos 28 anos e segundo a ía lendo íame interesando cada vez máis e ía sacando ensinanzas que nun momento dado da vida poden servir de ferramentas.

Despois de Ourense ten previsto levar a exposición a outras universidades?
Teño xa data para este outono na Facultade de Humanidades de Burgos, tamén para o ano que vén na Universidade de Deusto en Bilbao e na Carlos III en Madrid. Ademais tamén están en trámites outras universidades polo que o horizonte se presenta optimista e seguiremos levando a idea a outros lugares.

E para rematar, destaca a técnica das súas obras. Que emprega na súa realización?
Na última etapa, que é en branco e negro e con releve, empréganse diversos materiais entre os que atopamos area, pedras, metais, madeira, cortizas ou teas, resultado dun proceso de aprendizaxe. Tampouco sabería dicir porque abandonei a cor do primeiro período pero chegou un momento no ano 2000 que o deixei de lado. Disto naceu algo novo, que resulta interesante e rechamante para o público e co que eu me atopo moi satisfeito.