DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O III Salón do Deporte e Turismo Activo celébrase este venres e sábado

A oferta de benestar, saúde e deporte da Universidade amósase en Sportur

A institución e varios equipos participan na zona de expositores e no programa de actividades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 15/11/2019

Este venres e sábado Expourense acolle a celebración do III Salón do Deporte e Turismo Activo (Sportur), evento destinado a que todo tipo de públicos contacten co deporte en todas as súas facetas. A Universidade de Vigo e varios dos seus equipos deportivos participan nesta cita con postos nos que dun xeito principalmente demostrativo e ameno intentan fomentar a práctica do exercicio físico e a vida saudable.

A terceira edición de Sportur, que ten o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, da Axencia Galega de Turismo, da Deputación de Ourense e do Concello de Ourense, conta con arredor dun centenar de participantes e representación de catro países. Neste marco, a Universidade de Vigo participa cun posto propio no que informa das actividades e servizos que ofrece a Área de Benestar, Saúde e Deporte nos tres campus. Neste espazo as persoas interesadas tamén poden facerse probas como o control do índice de masa corporal e a medición de masa graxa e muscular, coñecer o contido de azucre de bebidas usadas habitualmente por deportistas ou recibir consellos básicos de alimentación e actividade física saudable. Entre as persoas que se achegaron no primeiro día de actividade do salón ao posto da institución académica estiveron as autoridades presentes na inauguración da cita e por parte da Universidade de Vigo Alfonso Mandado, director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, e Ana María Torrado, directora de Área directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense.

Para dar a coñecer as súas actividades e captar novos membros tamén teñen postos propios en Sportur os equipos do campus de Ourense Auriense Fútbol Gaélico e Campus Universitario de Ourense Rugby Club. Completando esta presencia, a programación de actividades do salón relacionada coa Universidade tamén inclúe unha charla-coloquio sobre as rutas culturais e unha demostración de técnica de tiro a cargo de xogadores e xogadoras do Universitario Campus de Ourense de Baloncesto.