DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns está aberta a inscrición nos talleres promovidos pola Vicerreitoría do campus

Oito obradoiros para ampliar as opcións formativas de alumnado e cidadanía

Saúde vocal, visión e aprendizaxe, cogomelos e podcasts centran as novas propostas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/09/2020

Oito talleres que á vez que permiten ampliar a formación do alumnado do campus en diferentes ámbitos están tamén abertos ao conxunto da cidadanía integran o programa de obradoiros de Extensión Universitaria impulsado pola Vicerreitoría do campus para o primeiro cuadrimestre. Baixo o lema de Novas metas!, este programa formativo inclúe catro novas actividades, centradas na identificación de cogomelos, na elaboración de podcasts, na saúde vocal e nas dificultades que os problemas de visión poden supor para a aprendizaxe. Xunto a estas catro actividades, ofértanse tamén novas edicións dos talleres de iniciación na lingua de signos, escalada en rocódromo, adestramento mental no deporte e técnicas de edición e impresión risográficas. Desde este luns permanece aberta, na plataforma Campus Activo, a inscrición nestes oito obradoiros, que contan cun prezo de matrícula de 26 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para as persoas alleas á institución académica. 

“Máis aló das materias propias dos graos, a variedade de obradoiros e cursos que se organizan o que pretenden é promover o desenvolvemento de habilidades, competencias e destrezas complementarias ao currículo”, sinala o vicerreitor do campus, Jorge Soto, deste programa de actividades de Extensión Universitaria, que ofrece no seu conxunto un total de 120 prazas. De entre 20 e 33 horas de duración, os talleres realizaranse de xeito presencial entre outubro e decembro en diferentes centros do campus, aínda que, no caso de que a situación sanitaria o requirise, poderían pasar a desenvolverse por medios telemáticos, coa excepción do taller sobre podcasts, que se levará a cabo integramente de xeito virtual.

Catro novas propostas

Entre os obradoiros que se ofertan por primeira vez no campus atópase o Taller de saúde vocal. Aprender a usar correctamente a túa voz, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre o 6 de outubro e o 3 de novembro. Dirixido pola profesora Martina Ares, este taller permitirá, dunha forma dinámica e práctica, adquirir conciencia física, vocal e emocional da voz, así como coñecer pautas para o seu coidado. Ares será tamén a directora do obradoiro Interacción, visión e aprendizaxe, que se desenvolverá entre o 3 de novembro e o 1 de decembro nesta facultade. Aprender a detectar dificultades visuais en nenos e nenas ou a saber como actuar para mellorar o rendemento escolar en casos de dificultades visuais son algúns dos obxectivos dun taller que combinará as sesións presenciais con clases por videoconferencia. 

Entre o 7 de outubro e o 2 de decembro terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal Identificación práctica de cogomelos, un taller dirixido pola alumna de doutoramento de Bioloxía e integrante da spin-off MicoGalicia Plantae María Cabaleiro que amosará ao alumnado como identificar especies de cogomelos, tanto comestibles como tóxicas, apañalas e transportalas. Entre as novas propostas figura tamén o taller Introdución ao podcasting, que se levará a cabo entre o 6 e o 27 de novembro a través de Campus Remoto. Dirixido polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Rolán, trátase dun curso orientado a descubrir as potencialidades do podcast como “ferramenta transmedia”, no que as e os participantes aprenderán a elaborar, gravar, editar e distribuír o seu propio programa. 

Adestramento mental, lingua de signos, escalada e risografía

As outras catro propostas xa formaron parte da programación de obradoiros do campus en cursos previos. Ese é o caso de Adestramento mental integrado no deporte, dirixido polo consultor, coach e alumno de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Hugo Fernández. O taller, que ten como obxectivo achegar a estudantes ou adestradores ferramentas de intervención para unha mellora do rendemento deportivo, dará comezo o 5 de outubro. Para esa mesma xornada está previsto tamén o inicio, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, dunha nova edición de Comunícate coas mans, un taller de iniciación á lingua de signos e ao contexto social, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas, que dirixe a profesora Ana Fernández Soneira. 

Tamén en outubro, entre o 9 e o 23, terá lugar en Belas Artes o taller Erro al editar Error, que dá continuidade a obradoiros previos centrados no manexo da copiadora Riso da facultade. Impartido polo profesor Marcos Covelo, o taller porá o foco nesta ocasión nos procesos de preparación de ficheiros, maquetación e edición, previos á propia impresión. Xa entre o 20 de novembro e o 18 de decembro terá lugar unha nova edición de Iniciación á escalada en rocódromo, un taller dirixido polos profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, que permitirá ao alumnado coñecer as técnicas básicas de escalada e os seus materiais e medidas de seguridade para poder practicar este deporte con autonomía.