DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu a entrega dos galardóns de tres certames impulsados nos últimos meses

Oito premios para pór en valor a creatividade e capacidade de innovación do alumnado

Unha base de datos de valoración clínica e funcional obtivo o Premio CREA 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/05/2022

A creatividade e a capacidade de innovación do alumnado da Universidade de Vigo foron postas en valor este xoves na Casa das Campás, nun acto de entrega de premios nos que se outorgaron oito galardóns, resultado de tres certames promovidos pola Vicerreitoría do campus nos últimos meses. Por un lado, fíxose entrega dos II Premios CREA-Creatividade e Innovación, impulsados co apoio do Consello Social da Universidade e dirixidos a promover o traballo interdisciplinar a través de obras e proxectos que impliquen o traballo conxunto de estudantes de diferentes ámbitos. Nesta edición, o primeiro premio foi para Valoración en un click, unha base de datos de valoración clínica e funcional realizada por Karina Pitombeira, José Míguez e Irimia Mollinedo. Tamén se outorgaron neste acto os premios Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, nos que se convidaba ao alumnado a reinterpretar en diferentes disciplinas a obra de Florencio Delgado Gurriarán, así como os premios do concurso de fotografía en Instagram impulsado con motivo da Semana da Creatividade e a Innovación.

Unha base de datos e un conto ilustrado

Dirixida, como explicou o director en funcións do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, a pór en valor “o nexo de unión entre todas as titulacións” que se imparten en Pontevedra, na programación da última edición da Semana da Creatividade e a Innovación enmarcábanse tamén os segundos Premios CREA, nos que se recoñecen obras creadas por estudantes de, cando menos, dúas das áreas inseridas no proxecto de especialización Campus Crea. Nesta edición, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 1500 euros, a Valoración en un click, un proxecto realizado por Karina Pitombeira, alumna do máster de profesorado; José Míguez, estudante de Fisioterapia; e Irimia Mollinedo, alumna de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Trátase dunha base de datos para a valoración clínica e funcional que permite coñecer, unha vez introducida a información respecto da problemática dun paciente, que tipo de probas de avaliación sería apropiado realizar. Como explica Mollinedo, tamén profesora de Fisioterapia, a “idea inicial” coa que José Míguez arrancou este proxecto foi a de crear unha base de datos que servise como ferramenta de apoio ao estudantado desta facultade, “mais podería ser moi útil noutros ámbitos”, xa que, como engade Pitombeira, “é unha base de datos que permite unha consulta rápida de valoracións clínicas e físicas en xeral, que pódese utilizar en enfermaría, en deporte ou noutros ámbitos nos que se valoran persoas”.

O segundo premio deste certame, dotado con 1000 euros, foi para Andrea Guisande, alumna de Belas Artes; e Lucía Vázquez, estudante do Grao en Educación Primaria, por Larry el pingüino. Trátase, como explican, “dun conto ilustrado enfocado a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos”, no que narran “a vida dun pingüín en idade escolar que afronta varios desafíos, acadando un final feliz grazas á axuda dos seus amigos”. 

A poesía de Delgado Gurriarán trasládase a outras disciplinas

Impulsado tamén por primeira vez en 2021, o premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, ten como obxectivo promover o achegamento do alumnado á produción literaria do autor ou autora homenaxeado no Día das Letras Galegas, convidándoos a “darlle unha nova lectura" á súa obra desde múltiples disciplinas artísticas. Centrado nesta ocasión no poeta Florencio Delgado Gurriarán, este certame permitiu constatar a capacidade do alumnado “para valorar ese capital cultural e resignificalo a través doutras linguaxes e da súa capacidade creativa”, como salientou neste acto a directora en funcións da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, quen se encargou de presentar as creacións dos tres estudantes recoñecidos cuns premios de 300, 250 e 200 euros, que non puideron acudir ao acto por motivos académicos e laborais.

O primeiro premio foi para a artista e alumna do máster en profesorado Rebeca López Villar, por Versos para..., unha obra pictórica que recolle parte dun poema satírico que o poeta de Valdeorras dedicou ao ditador Francisco Franco. “As miñas últimas obras artísticas gardan relación coas pegadas da memoria histórica en Galicia e, neste senso, o traballo presentado nace da busca de elementos desta natureza na bibliografía de Florencio Delgado Gurriarán”, salienta a premiada, que creou a súa obra a partir do poema Home pequeno, fol de veleno.

Neste achegamento á obra do poeta desde múltiples disciplinas, o segundo premio foi para a musicalización para voz e piano do poema Morelia que realizou o alumno do Grao en Educación Primaria Daniel Ardao, quen presentou tanto unha copia da partitura como a gravación desta peza que realizou xunto a un grupo de nenos e nenas, alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra. O terceiro premio foi para a alumna do doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural Lucía Rodríguez, quen desde o campus de Ourense remitía ao certame unha obra titulada Os Vieiros de Florencio, unha infografía que, como explica, fai referencia á traxectoria do poeta, “especialmente nun momento da súa vida tan importante como foi o exilio a México”, na que tomou como punto de partida o poema Nomes para afondar na unión entre Galicia e México que marcou “a vida e dos versos” de Delgado Gurriarán.

A creatividade reflectida en fotografías

O acto completouse coa entrega dos tres galardón consistentes en cheques para material formativo e educativo dun concurso de fotografía en Instagram, aberto a toda a cidadanía, dirixido a recoñecer imaxes que amosasen diferentes visións da idea de creatividade. O primeiro premio foi para alumna do Grao en Educación Primaria María del Carmen Rodríguez por Aprendeharte, unha imaxe que partiu dun exercicio proposto pola profesora Iztiar Ezquieta, quen convidou ao alumnado da materia Educación artística a “xogar coa posibilidade dos obxectos, así como con conceptos como a analoxía ou a metáfora, a partir da obra do artista Chema Madoz”. No seu caso, a gañadora empregou unha cunca, rota contra o chan, para dar forma a unha obra que completou cun texto no que puña de relevo que “creatividade é romperte, sangrarte sen medo e saber que cando algo rompe tamén é válido”.

O segundo premio foi para Alberto Pérez por unha imaxe tomada no exterior da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, mentres que o terceiro foi para a fotografía Abstracción, da estudante do mestrado de profesorado Sofía Muñiz. “No momento no que realicei a fotografía pretendía captar a procura da creatividade no centro da orixe, no enraizamento”, salienta a tamén graduada en Enfermaría, que busca coas súas imaxes “transmitir as emocións e as sensacións que envolven a paisaxe, a arquitectura e a rutina dos pobos”.