DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xornalista Ana Fuentes presenta un libro dedicado á primeira doutora galega

Olimpia Valencia, unha pioneira na ciencia e na igualdade

Da o nome ao edificio que alberga o Cacti e o Cinbio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/07/2019

Olimpia Valencia entrou na Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela en 1919, tan só nove anos despois de que se aprobase o decreto que permitía ás mulleres estudar carreiras. Xusto cando se cumpren 100 do seu ingreso na USC sae do prelo o libro Olimpia Valencia: ocho décadas de historia desde los ojos de una pioneira, publicado pola redactora xefe de Atlántico Diario, Ana Fuentes. E o lugar elixido para presentalo non podía ser outro que o edificio que leva o nome da doutora no campus de Vigo e que acolle o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, e o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, Cacti.

Acompañada pola catedrática África González, directora do Cinbio; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade e Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudos Vigueses, a xornalista explicaba que para escribir este libro consultou moitos arquivos e viuse sorprendida “pola cantidade de referencias que hai sobre Valencia nas hemerotecas”. Toda esta información xunto con documentos e recordos familiares (a doutora era curmá da avoa de Fuentes) dan forma a un volume que sae á luz “coincidindo cos 100 anos do seu ingreso na universidade”.

África González, que asina o prólogo, lembraba que este libro “pecha un círculo” poñendo en valor a figura dunha “muller pioneira”, pero laiábase de que o novo hospital de Vigo non tivese levado o seu nome, como primeira médica galega. Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, remarcaba que a presentación deste libro constitúe un “acto de vitoria moral e de autorrevés da historia, estando rodeadas das novas xeracións de mulleres científicas que traballan no Cinbio e no Cacti continuando o legado de Olimpia Valencia”. Gómez destacaba a figura de Valencia como “unha muller curiosa, valente, soñadora, transgresora, vital e cosmopolita que, xunto con outras intelectuais galegas como Maruja Mallo ou Sofía Novoa, foron quen de impregnar de destellos atlánticos con sabor a mar o panorama sociocultural da época”. Destacaba que mudou o, “rumbo vital dun destino tradicional grazas á paixón polo saber, e paralelamente mudou o devir de moitas mulleres que a sucedemos; sobreviviu nun contexto hostil, sufriu o efecto Matilda que padecen as científicas destacadas, o feroz antigaleguismo e a misoxinia reaccionarias dos sectores menos intelixentes da época”. Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudos Vigueses, entidade que edita o libro, explicou que se trata dun volume moi interesante “tanto polo personaxe como polo contexto no que viviu” esta muller “dinámica, activa e con moitísimas relacións de alto nivel dende a súa época como estudante, cando se comezou a involucrar co galeguismo”.

Dúas carreiras, un doutoramento e unha vida dedicada á medicina

Olimpia Valencia, nada en Baltar e criada en Vigo, foi a primeira muller galega en licenciarse en Medicina en 1925 con premio extraordinario, 23 sobresaíntes e 18 matrículas de honra. Nese mesmo ano trasladouse a Madrid, en concreto á Residencia de Señoritas, para realizar a tese de doutoramento, dirixida por Sebastián Recasens e valorada por Juan Negrín, “secretario da Facultade de Medicina, que despois sería presidente da II República”, destacaba Fuentes. Posteriormente ampliou estudos en Francia e Suiza e en 1930 participou na fundación da Academia Médico Cirúrxica de Vigo, da que cinco anos máis tarde foi vicepresidenta. Paralelamente, en 1928 xa abrira a súa consulta de xinecoloxía na rúa do Príncipe, en Vigo. Pero ademais, Olimpia Valencia foi unha galeguista comprometida, estivo relacionada cos intelectuais da época, como Valentín Paz Andrade, e encabezou varios manifestos públicos, un en 1931 de apoio aos candidatos galeguistas da provincia de Pontevedra e outro en 1936 a favor do plebiscito polo Estatuto de Autonomía. A súa implicación política provocou que tras o golpe de estado de 1936 fose detida e presa durante varios días acusada de pertencer ao Partido Galeguista. Unha vez en liberdade, pero marcada publicamente pola súa ideoloxía, a súa consulta resentiuse pola perda de pacientes. Na década de 1940 incorporouse á Seguridade Social, onde exerceu ata que se xubilou na década de 1960, aínda que continuou traballando no seu consultorio ata os 82 anos. 

Faleceu en 1987, pero un ano antes concedía unha entrevista na que recoñecía, como relata Ana Fuentes, que “polo feito de ser muller nunca tiven problemas para exercer a miña profesión pero si atopei dificultades na sociedade viguesa pola miña afinidade co Partido Galeguista”. Con todo, as súas recomendacións ás mozas pasaban pola necesidade da “independencia profesional e persoal e a defensa dos ideais, aínda que sei moi ben que os homes de hoxe seguen sen aceptar ás mulleres que son de verdade independentes, por iso o máis importante é manterse fiel a unha mesma”.