DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publícase o catálogo do proxecto expositivo da Sala Alterarte Estado Crítico 3

Once maneiras posibles de facer arte na actualidade

A súa saída do prelo compleméntase cunha exposición de fondos en Allariz

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedin DUVI Ourense 17/01/2019

Desde o ano 2004 a programación da Sala Alterarte, a sala de arte contemporánea do campus de Ourense, desenvólvese baixo o paraugas dun proxecto expositivo denominado Estado Crítico, que reúne a artistas e comisariado escollido baixo diferentes criterios. Cando se está a celebrar a cuarta edición de Estado Crítico, acaba de saír do prelo a publicación que recolle en detalle as mostras celebradas durante a terceira edición, que tivo lugar entre finais de 2015 e primeiros meses de 2018.

Diversidade de xeracións e propostas

A publicación, que leva por título Estado Crítico 3. 11curador*s 11artistas, está coordinada polo tamén director da Sala Alterarte Xosé Manuel Buxán. “Dúas son as principais características de Estado Crítico 3 e que se poden ver na publicación. Por unha banda, os comisarios e comisarias foron todo profesores e profesoras da Universidade de Vigo e por outra as e os artistas abranguen todas as xeracións, desde catedráticos eméritos como Juan Fernando de Laiglesia ata xente nova recentemente graduada en Belas Artes, como Melania Freire”, indica o director da Sala Alterarte. Tamén apunta como a publicación, seguindo a liña do proxecto expositivo, recolle a obra de artistas moi diversos en propostas creativas, en orixes xeográficas e en traxectorias. Trátase, comenta Buxán Bran, “dunha publicación que, ao igual que a produción expositiva, coidamos sempre con moito celo”.

As mostras recollidas pola publicación, que conta con financiamento da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, corresponden ás e aos creadores Ramón Conde, Melania Freire, Eduardo Outeiro, Paz de la Calzada, Juan Fernando de Laiglesia, Mar Caldas, José Andrés Santiago, María Prada, Mónica Oliveira, Luis San Sebastián e Fernando Casás. As e os comisarios que participaron na súa realización son Yolanda Barriocanal, Lola Dopico, Alberto Ruiz de Samaniego, Almudena Fernández Fariña, Juan Luis  Moraza, o propio Xosé Manuel Buxán Bran, Ana Soler, Anne Heyvaert, Javier Blanco Sierra, Ignacio Barcia e Xosé Antón Castro, todas e todos eles docentes nalgún dos tres campus da Universidade de Vigo. O libro tamén inclúe unha lembranza a Manuel Moldes e Berta Cáccamo, artistas e docentes na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra falecidos en 2017 e 2018.

En cada edición de Estado Crítico, sinala o seu coordinador, búscase “xuntar a axentes da arte para alterar os nosos sentidos, para poñelos en alerta e contribuír coa arte a facer do mundo un lugar máis xusto e feliz”. Esta filosofía e compromiso, indica, trasládase tanto ás exposicións que teñen lugar na Sala Alterarte ao longo de cada curso académico como aos froitos que logo saen delas, como os seus catálogos. Ademais, engade Xosé Manuel Buxán, “se de algo  podemos presumir en todo este tempo é precisamente de permanencia, de programación estable e ininterrompida, máxime cando vemos ao redor tantas iniciativas artísticas de maior sona e prestancia que botan o peche” e esta continuidade, recalca, “permitiunos darlle cancha e xogo nesta pequena sala de exposicións a tantísimas xentes da arte”.

Exposición en Allariz

A publicación será presentada este sábado, día 19 de xaneiro, ás 12.00 h, na Fundación Vicente Risco, na localidade ourensá de Allariz. A presentación completarase coa inauguración na sede desta fundación dunha exposición titulada Colección Estado Crítico 3, comisariada por Xosé Manuel Buxán Bran e formada polas obras doadas á colección da Sala Alterarte polas e polos once artistas que expuxeron nesta sala no marco de Estado Crítico 3. A mostra poderá visitarse de balde ata o 17 de febreiro. “Despois de ter exposto fondos da Sala Alterarte non só no campus senón tamén no Museo Municipal de Ourense e no Centro Cultural Marcos Valcárcel quixemos levar esta exposición fóra da cidade na procura de novos espazos nos que dar a coñecer tanto o que facemos nesta sala como as obras dos creadores e creadoras que por ela pasan”, comenta por último Xosé Manuel Buxán.