DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As súas temáticas que van desde os cogomelos e o teatro ata os e-sports e a danza

Once obradoiros para abrir novos horizontes formativos

A programa de extensión universitaria está dirixida á comunidade universitaria e á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/09/2022

Co lema de Novos horizontes! a programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial, volve á palestra este primeiro cuadrimestre. Os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada poden elixir para este outono entre once propostas formativas que abranguen unha ampla diversidade de temáticas, desde os cogomelos e o teatro ata os e-sports e a danza.

Oscilando entre as 20 e as 80 horas de formación, o número de prazas dispoñibles abrangue desde as 10 ás 20. A matrícula farase de xeito virtual ata cubrir prazas en Campus Activo, estando aberto o prazo desde o 26 de setembro ata o 6 de outubro. Os obradoiros están recoñecidos con un crédito ECTS por cada 30 horas de traballo e o seu prezo é de 40 euros para o público xeral, 26 para os membros da comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vencellados á UVigo.

Educación e corpo

Boa parte da programación de extensión universitaria deste cuadrimestre xorde da Facultade de Educación e Traballo Social. Baixo a dirección da profesora Mª del Pino Díaz celebrarase do 10 de outubro ao 5 de decembro Educación a través da danza e a expresión corporal, “un obradoiro fundamentalmente práctico no que se outorgan ferramentas para abordar a educación a través do corpo”. A actividade é de especial interese para profesionais e futuros profesionais de maxisterio, aínda que está dirixida ao público xeral. A mirada sexolóxica no socio-educativo é outra das propostas que se ofertan este cuadrimestre (concretamente no mes de outubro) e que teñen un enfoque educativo. Dirixida pola docente Encarnación Sueiro, a iniciativa “ten como finalidade achegar ideas e ferramentas para a intervención socio-educativa desde unha actitude comprensiva e de cultivo, entendendo a diversidade como punto de partida e traballando pola convivencia”.

De novo volve a ofertarse, de outubro a decembro, o obradoiro Mindfulness e benestar, ofrecido polo profesor Stuart McNicholls e deseñado para “iniciar a adultos nunha proposta que combina teoría, prácticas grupais e individuais” arredor dunha “disciplina relacionada co benestar integral que está en auxe desde hai máis de tres décadas en moitos campos, desde a saúde mental ata a educación”.

Novas tecnoloxías e oturas propostas

As persoas interesadas tamén teñen á súa disposición varias propostas cun carácter tecnolóxico. Así, celebrarase unha nova edición de Habilidades maker para a educación con Escornabot, “un espazo para desenvolver habilidades maker poñendo o foco no ámbito educativo e na reflexión e construción conxunta, no que a tecnoloxía se converte nun contexto para a mellora da práctica docente”. Neste caso, o obradoiro terá lugar de outubro a novembro e estará dirixido pola profesora Almudena Alonso. Os deportes electrónicos tamén terán oco cunha actividade titulada Adestramento en e-sports: iniciándonos como futuros/as xogadores/as, dirixida polo profesor Millán Brea e que terá lugar en outubro e novembro. “Os deportes electrónicos, os e-sports, son o novo fenómeno dixital da nosa era e o seu termo fai referencia aos videoxogos competitivos arredor dos cales se organizan unha serie de torneos e equipos para determinar quen é o/a mellor”, sinalan desde a organización.

Xa centrado no eido científico, a programación inclúe un obradoiro de Identificación de cogomelos, dirixido por Paula Estévez. Nel abordaranse “conceptos teóricos e prácticos sobre a macromicoloxía e o emprego de diferentes ferramentas para a identificación de cogomelos”. Entre os seus atractivos están que as e os participantes realizarán saídas polo campus de Ourense e a súa contorna para apañar os exemplares que despois identificarán na aula.

Teatro, música e danza

Un cuadrimestre máis volverán a impartirse as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas “de xeito ameno e creativo”. O segundo nivel, Cordelia, está dirixido ás e aos que xa teñen algo de experiencia (persoas que superaron o primeiro nivel e que traballarán na creación de personaxes, a dramaturxia e todos os elementos que rodean unha obra). Por último, Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado, adentrándose o seu alumnado no universo que supón unha posta en escena.

Igualmente celebrarase unha nova edición do obradoiro de música tradicional galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas. A actividade, ata o de agora centrada principalmente na gaita, amplía a súa formación e pasa a denominarse Obradoiro de música tradicional galega: gaita e percusión. O programa inclúe nocións de música patrimonial e tradicional, técnicas de gaita, tipos de dixitación, estudo do repertorio, afinación, ornamentación, percusión e combos instrumentais tradicionais. Estes contidos están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento. Por último, tamén retoma a súa actividade a Aula de Danza Contemporánea do campus, destinada “a todas as persoas interesadas no traballo creativo a través do corpo e o movemento” e dirixida por Nuria Sotelo. Nela achegaranse ás e aos participantes “ferramentas de técnicas de danza contemporánea e traballarase a creación escénica e coreográfica”.