DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O músico Francisco Almodóvar imparte un obradoiro de Extensión Universitaria sobre este instrumento

Once semanas para aprender a tocar o ukelele

A súa sinxeleza e economía, claves para o éxito do curso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Antía R.G. DUVI 16/12/2019

O ukelele é un instrumento que se converteu nunha tendencia nos últimos anos, incluíndose cada vez máis nos repertorios de diferentes músicos e artistas como Natalia Lafourcade, Julieta Venegas, Taylor Swift, Eddie Vedder ou Will.i.am. As súas orixes remóntanse ao cavaquinho portugués, que foi levado a Hawai por inmigrantes lusos. Orixinalmente contaba con cinco cordas en lugar de catro e tocábase maioritariamente, ademais de en Hawai, en lugares como Tahití ou a illa de Pascua. Tal é a curiosidade que esperta este instrumento que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria decidiu centrar nel un dos obradoiros do primeiro cuadrimestre. O curso, de once semanas de duración, deu comezo o pasado 11 de outubro e está a ser impartido por Francisco Almodóvar, músico profesional que se encargará da actividade ata o vindeiro 27 de decembro. O obradoiro conta coa participación de nove persoas, dende xente nova ata xubilados e está dividido en dúas partes, unha teórica e outra práctica, “aínda que a meirande parte do tempo é unha aprendizaxe práctica, xa que o máis importante é que saiban tocar o instrumento”, explica o profesor Almodóvar.

Un instrumento pequeno, sinxelo e accesible

A idea de pór en marcha este curso xorde, explica o músico, “dunha conversa con Alfonso Caride, coordinador dos obradoiros de Extensión Universitaria, na que falamos de ofrecer unha actividade diferente á de guitarra, que eu mesmo impartira anos atrás e funcionara moi ben”. O obxectivo é ensinar un instrumento fácil de aprender, que estea de moda e ademais sexa “económico e fácil de transportar”. Que o ukelele se teña convertido nunha tendencia, débese, como explica Almodóvar,  “principalmente, ao seu pequeno tamaño que o converte nunha ‘guitarra de peto’ cun prezo moi barato e accesible”. A isto únese o feito de que está soamente composto por catro cordas, polo que, segundo o docente do obradoiro, é unha boa opción para iniciarse na práctica dos instrumentos de corda. 

O obradoiro superou as expectativas

A pesar de que a actividade estaba orientada a persoas sen coñecementos previos ou cunha formación inicial, algúns dos participantes xa contaban con “nocións musicais ao tocaren outros instrumentos, como a guitarra, o saxo ou o acordeón”, sinala o profesor. Por este motivo, o docente recoñece que a parte relacionada coa práctica dos ritmos e a lectura rítmica, resultoulle máis sinxela que uns que a outros. Con todo, e a falta de poucas sesións para o remate do taller, Almodóvar fai un balance moi positivo da actividade recoñecendo que “incluso superou as miñas expectativas”. O músico explica que “o alumnado é moi aplicado e en cuestión de once semanas rematará o curso sabendo tocar o instrumento dunha maneira bastante competente, aínda que sempre se necesita seguir aprendendo e practicando”.