DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle hoxe e mañá o Simposio Internacional NEOS 

Onde está, cara onde vai e cal é a repercusión do suxeito neofalante?

Os casos de Galicia, Aragón, Euskadi, Cataluña ou Bretaña/Lusatia centran o congreso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Lingua Galega
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 17/10/2019

“Levamos dez anos traballando arredor do suxeito neofalante e precisamos saber onde estamos e cara onde debemos camiñar para entender mellor a súa repercusión, relevancia e necesidade nos contextos de linguas que se atopan nunha situación comprometida, límite nalgúns casos”, explica Fernando Ramallo, docente e investigador da Universidade de Vigo e organizador xunto a Rubén Moralejo do Simposio Internacional NEOS. De neofalante potencial a falante activa dunha lingua minorizada, que hoxe e mañá se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución. Ao longo de dous días, expertas e expertos nacionais e internacionais abordarán o neofalantismo e o seu suxeito en xeral, ao tempo que dialogarán sobre o neofalante potencial e as posibilidades de converterse en falante activa destas linguas, nas que “as e os seus falantes quedaron fóra da distribución dos recursos de acceso a unha vida sociolingüística normal, entendendo por normal, o seu uso en todos os ámbitos do día a día. É dicir, dun ou doutro xeito son linguas que sufriron unha notoria estigmatización, incluído o seu desprazamento social, político, económico, educativo e cultural”, sinala Ramallo, que ata finais de ano seguirá a compaxinar as súas tarefas académicas co labor como membro do Comité de Expertos sobre Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa.

Ata o venres as e os poñentes e asistentes abordarán os resultados de diferentes proxectos de investigación e debaterán sobre cuestións epistemolóxicas e metodolóxicas, os espazos propicios para a muda/conversión sociolingüística e o propio proceso de muda/conversión a partir de experiencias favorables e desfavorables. Precisamente, a sesión de mañá abrirase cunha conferencia plenaria a cargo de Jacqueline Uria sobre a importancia etnográfica para o avance do coñecemento destes procesos de transformación. “En proxectos anteriores, dedicámonos a coñecer subxectividades, historias da vida, posturas ideolóxicas, etc. de neofalantes reais e agora estamos co pre-neofalantismo, considerado de capital importancia desde a lingüística política”, explican os organizadores do congreso.

O futuro das linguas pasa polo neofalantismo

Na inauguración do simposio, celebrada esta mañá, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu na importancia de captar e fomentar o neofalantismo “para buscar un futuro para as linguas, creo que mal chamadas minoritarias ou minorizadas, porque a apertura dun escenario onde hai que gañar falantes, onde as linguas deixan de ter unha transmisión xeracional tan forte como tiñan antes, faise imprescindible que a sociedade e os diferentes axentes actúen como motor de captación para que a cidadanía se anime, cada vez máis, a utilizar a lingua que non usa habitualmente”. Valentín García reivindicou un status de “persoa interesante” para o neofalante, considerado na lingüística ortodoxa como un falante de segunda ou terceira categoría e demandou a implicación da sociedade “para que ninguén se ría ou faga chanza de quen non fala ben algunha das nosas linguas. Creo que o futuro das nosas linguas pasa polo neofalantismo e os neofalantes”, afirmou o secretario xeral de Política Lingüística.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, avogou por darlle unha oportunidade ás linguas propias que non se utilizan e asegurou que “é imporante que te animen a lanzarte a falar con erros e eivas”. A vicerreitora tamén alentou a amosar a  cara positiva da aprendizaxe dunha lingua, aínda que non sexa ortodoxa, “convertendo esta ferramenta de comunicación en algo positivo”. Desde o grupo de investigación Grades, o seu coordinador, Antonio Rifón, destacou o carácter “homoheteroxeneo” do mesmo pola súa dedicación a diferentes ramas de estudo da lingua e tamén por enfocarse directamente na conexión da lingua na sociedade.

13 linguas minoradas no estado español 

Galicia, Aragón, Euskadi, Cataluña, País Valenciano e Bretaña/Lusatia centran os casos de estudo que se abordarán ao longo dos días que dura o simposio “porque houbo unha convocatoria aberta de comunicacións e recibimos propostas deses lugares. En parte, esas comunicacións constitúen achegas derivadas dos resultados acadados no proxecto de I+D, O suxeito neofalante. O proceso de conversión lingüística en Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano, que temos na linguas minoradas no Estado español e que remata este ano”, explica Fernando Ramallo. 

De acordo coa Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, as linguas minoradas no Estado español, alfabeticamente ordenadas, son as seguintes: amazige (Melilla), árabe ceutí (Ceuta), aragonés (Aragón), aranés (Cataluña), asturiano (Asturias), caló (lingua non territorial), catalán (Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares, Aragón, Murcia), éuscaro (País Vasco, Navarra), galego (Galicia, Asturias, Castelá e León, Estremadura), leonés (Castela e León), portugués (Estremadura). “Tamén hai que considerar como linguas minoradas a lingua de signos catalá e a lingua de signos española”, detalla Ramallo.