DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo liderado polas investigadoras Natalia Calvo e Reyes Pérez

Os baños simples con auga mineromedicinal das Burgas poden mellorar o impacto da fibromialxia

Os seus resultados foron publicados na revista 'International Journal of Biometeorology'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 14/06/2019

Baixo o título Efficacy of baths with mineral-medicinal water in patients with fibromyalgia: a randomized clinical trial, a revista International Journal of Biometeorology faise eco no seu último número do estudo sobre a eficacia das augas mineromedicinais das Burgas en pacientes con fibromialxia levado a cabo polas investigadoras Natalia Calvo e Reyes Pérez, da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense, campus especializado en temáticas da auga. A conclusión do estudo sinala que "cunha intervención de 14 baños de media hora de duración con auga mineromedicial en pacientes diagnosticados de fibromialxia mellorouse o impacto provocado pola enfermidade e esta melloría durou de forma significativa oito meses".

Ademais de Natalia Calvo e Reyes Pérez asinan o artigo Cristina Martínez e Ángel Salgado, da Unidade de Metodoloxía e Estatística do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e José Luis Muiño, do Centro de Saúde A Cuña-Mariñamansa. Un avance dos resultados do estudo, que se desenvolveu ao longo dun ano, foi presentado en 2018 coa colaboración do Concello de Ourense e agora recóllense os datos completos na International Journal of Biometeorology. Amosando a súa satisfacción por esta publicación, Reyes Pérez sinala como este estudo é pioneiro no seu eido “e moi importante porque amosa como o efecto terapéutico da auga mineromedicinal das Burgas é moi eficaz, xa que pode durar ata oito meses, e revalida que unha terma pública pode ser empregada pola cidadanía para a mellora da súa calidade de vida e da súa saúde”.

A fibromialxia, explican as autoras do estudo, é unha enfermidade de evolución crónica e causa descoñecida cuxo mecanismo non se ten discernido de maneira completa. A dor crónica, comentan as investigadoras, é o síntoma representativo dela e acompáñase de trastornos de sono e rixidez articular, entre outras manifestacións. Entre as estratexias non farmacolóxicas para o seu tratamento, os baños simples con augas mineromedicinais poden ter un importante potencial como terapia complementaria, segundo destacan Natalia Calvo e Reyes Pérez.

Dous grupos de análise

O artigo publicado en International Journal of Biometeorology recolle como neste traballo as súas autoras se propuxeron, cun ensaio clínico aleatorizado cruzado, avaliar a eficacia dunha intervención con baños de auga mineromedicinal de As Burgas, en Ourense, en pacientes con fibromialxia. Durante a investigación, na primeira fase un grupo A recibiu 14 baños con auga termal durante un mes e tratamento farmacolóxico estándar, e un grupo B só tratamento farmacolóxico estándar, cun período de lavado ou descanso de tres meses. Na segunda fase, o grupo A tivo o tratamento estándar e o B os 14 baños con auga termal durante un mes e tratamento farmacolóxico estándar. Os grupo estiveron formados por 25 pacientes cada un, concluíndo o estudo 21 no grupo A e 20 no grupo B.

Na avaliación empregáronse diferentes parámetros, entre eles o Cuestionario de Impacto de Fibromialxia (FIQ), que puntúa diferentes síntomas como a dor, insomnio ou rixidez articular. O cuestionario puntúa de 1 (mínimo) a 100 (máximo) o impacto da enfermidade, que se mediu en ambas fases antes da intervención, ao finalizar os baños, ao mes e aos tres meses. Os grupo estiveron formados por 25 pacientes cada un, concluíndo o estudo 21 no grupo A e 20 no grupo B. Sobre os resultados, o artigo recolle como “o grupo intervención unha vez finalizados os baños obtivo una media no FIQ de 60,3 (±11,8) e o grupo control de 70,8 (±13,0). Ao cabo de tres meses o grupo intervención presentaba unha media de 64,4 (±10,6) e o grupo control de 75,0 (±11,3)”. Ante estes datos, recalcan, “podemos concluír que os baños simples con auga mineromedicinal das Burgas poden mellorar o impacto causado pola fibromialxia”.