DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveranse de xeito virtual, a través de Campus Remoto, o 4, 11 e 26 de novembro

Os camiños da investigación e a innovación educativa centran un ciclo de conferencias

Presentaranse experiencias concretas en diferentes ámbitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/10/2020

No curso 2018/2019 iniciou a súa andaina o máster interuniversitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, que ten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha das súas tres sedes. Dirixido a proporcionar unha especialización nestes dous ámbitos tanto a graduados e graduadas como a profesionais da docencia, este mestrado promove por primeira vez un ciclo de conferencias dirixido a presentar “experiencias concretas de innovación e investigación relacionadas coas súas temáticas”, como explica o seu coordinador, o profesor Uxío Pérez.

Dirixido a complementar a formación do alumnado do mestrado, pero aberto a todos os interesados e interesadas, o ciclo desenvolverase de xeito virtual, a través de Campus Remoto. “Trata de cubrir aspectos que non están de todo abordados no máster”, explica o coordinador da actividade, para a que contou coa colaboración das profesoras María Álvarez Lires e Marián Fernández Villarino e do profesor Carlos Valcárcel. “A innovación e a investigación son cuestións que moitas veces van unidas na educación”, engade Pérez respecto do eixo central dun mestrado que, con todas as súas prazas cubertas, desenvólvese este curso principalmente de xeito virtual, “agás algunhas prácticas en laboratorios ou espazos deportivos”. 

Experiencias concretas na primeira sesión

O ciclo botará a andar o mércores 4 de novembro con tres relatorios que permitirán coñecer diferentes experiencias de investigación e de innovación educativa. A primeira delas, Sensociencia: ciencia con sentido, con sensores e con sensacións, correrá a cargo da profesora da Universidad de Almería María Rut Jiménez, que presentará ao alumnado o proxecto Sensociencia, dirixido a fomentar o desenvolvemento de competencias científicas e matemáticas nos diferentes niveis do ensino, a través de “sensopíldoras”, que dan resposta á preguntas relacionadas coa ciencia e as matemáticas. 

A continuación, os profesores da Universidade da Coruña Belén Toja e Miguel Ángel González impartirán o relatorio Promoción de estilos de vida saudables desde o contexto escolar. Un método de investigación. Nel, afondarán na investigación sobre estilos de vida saudables que, xunto con Fernández Villarino, desenvolven desde hai anos en centros de ensino de diferentes partes de Galicia. “O obxectivo é que poidan coñecer como se formula e se desenvolve unha investigación no contexto educativo”, neste caso, a partires da experiencia dun proxecto dirixido a “dar resposta a problemas reais dentro do contexto escolar”, salienta Fernández Villarino. A xornada pecharase co relatorio Educación física en francés: aplicación de estratexias e creación de materiais, da profesora do IES Valle-Inclán Ana Santos, que permitirá afondar nun aspecto que é o núcleo de dúas materias de mestrado, explica Pérez “a abordaxe de varias didácticas á vez, para o que son son precisas estratexias”, como as que implica a metodoloxía AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira), eixo desta conferencia.

Dous complementos á propia formación

Nunha segunda sesión, o ciclo porá o foco nun aspecto “sobre o que non temos ningunha materia especifica e que nos parecía importante abordar, a innovación en ciencias sociais”, eixo da conferencia-taller que o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Ramón López Facal impartirá o 11 de novembro. Investigar en Didáctica das Ciencias Sociais: alén da innovación educativa é o título dunha actividade que porá o foco nas tendencias e temáticas de investigación neste eido e en como estas poden dar resposta a problemáticas sociais.

Esta actividade pecharase o 26 de novembro cunha conferencia que xa formou parte das actividades do mestrado en cursos previos, un relatorio centrado “nun aspecto fundamental, como é a busca de recursos e de información”, a cargo de Marta Gutiérrez, subdirectora da Biblioteca Central do Campus.