DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O enxeñeiro Ferrán Dalmau imparte dúas conferencias nos campus de Pontevedra e Vigo

Os cortalumes verdes, unha liña de defensa fronte aos incendios “só se están ben deseñados”

A EE Forestal acolle ata este xoves unha exposición de fungos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/11/2019

Crear cortalumes verdes nos espazos que conectan ás áreas forestais cos núcleos urbanos pode constituír unha liña de defensa fronte aos lumes forestais? Esta é a pregunta á que o enxeñeiro forestal e responsable da empresa MediXXI trata de dar resposta nas dúas conferencias que nestes días imparte nos campus de Pontevedra e Vigo. “Os cortalumes verdes funcionan se se deseñan, se executan e se manteñen adecuadamente, senón son outro parche máis e un gasto innecesario de recursos”, salientou Dalmau no relatorio que este luns impartiu na Escola de Enxeñaría Forestal, que se verá continuado pola conferencia que, este martes ás 13.00 horas, ofrecerá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués, dentro das actividades do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sustentable. 

Director de proxectos de MediXXI, unha empresa de enxeñaría ambiental que traballa desde hai 14 anos no deseño e desenvolvemento de cortalumes forestais, Dalmau presenta nesta actividade o proxecto Guardian, financiado por 5,5 millóns de euros pola Comisión Europea, no marco dunha convocatoria de accións urbanísticas innovadoras. Liderado polos municipios valencianos de Riba-roja del Turia e Paterna, este proxecto ten como base a reutilización de augas residuais en masas forestais que poidan servir, precisamente, como barreiras fronte aos lumes. 

Planificar, manter... e regar

O director da EE Forestal e promotor desta actividade, Juan Picos, puxo o acento, no relatorio deste luns, inserido nas actividades da materia Planificación física, na importancia duns elementos que adoitan verse como “colaterais cando falamos de lumes ou de urbanismo”. Os cortalumes forestais, salientou Dalmau, deben entenderse como “unha ferramenta de traballo desde o punto de vista da planificación, como unha alternativa á silvicultura clásica para a defensa de zonas poboadas, do que tecnicamente se denomina interfaz urbano-forestal”. Nese senso, fronte á idea de previr a expansión do lumes a través da eliminación de arborado e vexetación, esta opción implica optar por masas arbóreas constituídas “por especies con altos contidos de humidade”, situadas en “puntos estratéxicos” e cunha estrutura acorde a este obxectivo. “A idea básica é romper a continuidade vertical, aínda que exista continuidade horizontal”, salientou Dalmau, que explicou que con estes cortalumes búscase en primeiro termo “ensombrecer o terreo ao máximo”, xerando unha zona “na que temos máis humidade, menos temperatura e menos velocidade do vento”, á vez que supoñen “unha alternativa desde o punto de vista do cambio climático, en tanto que favoreceríamos a existencia de bosques máis maduros”, nos que debería optarse por unhas especies de árbores ou outras en función da zona. “No caso de Galicia, falaríamos de especies atlánticas", engadiu Dalmau, que incidiu tamén na importancia dun factor abordado tanto no proxecto Guardian, como no sistema que o precedeu, Sideinfo; a necesidade de regar estas masas.

“Por cada litro de auga que achegou a unha zona de defensa, o lume ten que empregar 614 quilocalorías evaporar esa auga”, salientou Dalmau, que abordou algúns casos reais de cortalumes que desenvolveron na Comunidade Valenciana. A idea, explicou, e que “igual que existen as queimas prescritas” poidan existir tamén “regas prescritas” no caso de que a chuvias non acheguen a humidade suficiente a estes cortalumes. Nese senso, o conferenciante explicou como o proxecto Guardian propón o reemprego “da auga dos propios núcleos de interfaz” para estes espazos. Do mesmo xeito, este enxeñeiro forestal detívose nos diferentes eixos de traballo deste proxecto europeo, que propón “un plan integral para a defensa contra incendios”, como son a planificación, a silvicultura, as infraestruturas e a “formación da cidadanía”. 

Unha pequena ollada ao “inmenso mundos dos fungos”

Desde este luns, a Escola de Enxeñaría Forestal acolle tamén, na súa planta baixa, unha exposición que reúne unha selección de preto de 30 especies de fungos. Coordinada pola profesora da Área de Produción Vexetal Eugenia López de Sinales, esta “pequena exposición” naceu co propósito de amosar ao alumnado, a través de diferentes exemplos, que se ben os cogomelos son fungos, existen moitos outros fungos máis aló dos cogomelos. “Estamos falando dun dos grupos que están, por así dicilo, fóra do mundo animal, con maior número de especies”, salienta esta docente, que contou coa colaboración para esta iniciativa do alumnado da materia de Patoloxía e Pragas Forestais, así como da propia EE Forestal, a Vicerreitoría do campus e o PAS Luis Torres.

Ata este xoves ás 14.00 horas, poderá contemplarse neste centro unha mostra nas que as diferentes especies de liques, mofos, cogomelos ou fungos da madeira son presentados cuns textos de carácter divulgativo, que buscan pór de relevo tanto a múltiple variedade de especies existentes como o diferentes papeis que xogan no ecosistema. Nese senso, a mostra busca tamén que o alumnado, “coñeza outros fungos que non fosen só patóxenos de árbores forestais”. Con ese obxectivo, a mostra reúne diferentes especies de liques, que viven nas árbores pero non son parasitos destas, ou diferentes tipos de “fungos da madeira”, que en moitos dos casos, explica López de Silanes, medran “en especies xa debilitadas”.