DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores sénior de rugby gañan a Copa Xunta Seven 2019

Os equipos do campus despiden a tempada con bo sabor de boca

A categoría feminina de baloncesto remata a liga nun segundo posto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 21/05/2019

Os clubs de baloncesto e rugby do campus de Ourense disputaron esta fin de semana os últimos encontros pendentes desta tempada. A categoría sénior do Campus Universitario Ourense Rugby e a categoría feminina do Universitario Campus de Ourense de baloncesto foron os encargados de pechar as competicións deixando un bo sabor de boca polos resultados acadados no conxunto delas.   

O sábado 18 de maio o equipo sénior masculino do Campus Universitario Ourense Rugby proclamouse campión da Copa Xunta Seven 2019 disputada nas Pontes despois de gañar ao Kaleido Universidade de Vigo RC. Tras este logro, o club sinala como “esta tempada foi magnífica pola consecución da terceira praza na liga de división de honra B e por ser, unha vez máis, o mellor equipo galego en XV e en Seven”. Nesta valoración da tempada tamén recalcan como a participación por primeira vez na fase de ascenso á división de honra de rugby Liga Heineken foi unha “experiencia extraordinaria”.

Polo que respecta ao baloncesto, quedaba pendente o peche da categoría feminina, que disputou o Día das Letras Galegas o seu último encontro de liga contra o CB Culleredo, fronte ao que perderon por 59-67. Con este resultado remataron a liga no segundo posto da primeira división autonómica feminina. Desde o club quixeron dar a noraboa a xogadoras e equipo técnico “pola moi boa tempada realizada”. Tamén quixeron facer unha mención especial para tres xogadoras “que se retiran despois de dez anos representado da mellor maneira ao noso club”, como son Bárbara Lamelo, Cris López e Sara Dacoba. “Queremos agradecerlles a súa entrega e compromiso ao longo de todo este tempo porque demostraron ser grandes xogadoras e mellores persoas tanto dentro como fóra da pista”, recalcan desde o equipo. Os bos resultados nesta categoría súmanse aos acadados na masculina, onde o representante do campus conseguiu clasificarse na primeira división masculina para disputar unha praza para o ascenso á Liga Eba que finalmente non conseguiron.