DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 6 de xullo en modalidade virtual no marco do Congreso de Ingeniería de Organización (CIO)

Os investigadores novos de Enxeñaría de Organización Industrial danse cita nunha xornada formativa

Organizada pola asociación Adingor Joven, presidida pola investigadora da UVigo Mar Fernández

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/06/2022

A asociación Adingor Joven naceu en 2019 como un punto de encontro para aquelas persoas que comezan a carreira docente e investigadora no eido da Organización Industrial. Un ano despois poñían en marcha unha xornada virtual pensada para este colectivo de persoas novas, evento que agora chega á súa terceira edición.

Como nos anos previos, este seminario terá lugar no marco do Congreso de Ingeniería de Organización (CIO) que se celebra en Toledo. A xornada desenvolverase en modalidade en liña o 6 de xullo e contará con dúas sesións que tratarán de achegar o mundo da investigación ao da docencia e ao da transferencia. Mar Fernández, investigadora de posdoutoramento do Grupo de Enxeñaría de Organización da Universidade de Vigo está á fronte deste colectivo e explica que o programa desta xornada, aberta a calquera persoa interesada e de balde, “engloba tanto temas de investigación, como docencia e transferencia”, con dúas sesións orientadas a mozos e mozas que “se están iniciando neste mundo ou a persoas que, dende fóra, poidan ter certo interese por este campo, como estudantes de grao ou mestrado”. 

Unha xornada, dúas sesións

O obxectivo destas xornadas , como detalla Mar Fernández, segue sendo o mesmo co que naceron hai tres anos, “crear un espazo no que as e os investigadores españois poida adquirir novos coñecementos e compartir as súas experiencias, necesidades e inquedanzas”. Respecto dos contidos, nesta edición tratan de achegar o mundo da investigación ao da docencia e da transferencia. “O primeiro ano fixemos xornadas sobre orientación predoutoral, posdoutoral e sobre docencia; o segundo ano sobre os tres piares de Adingor (investigación, docencia e transferencia); e neste 2022 quixemos ir un paso máis aló creando dous obradoiros, un sobre a unión da investigación e a docencia e outro sobre a relación entre investigación e transferencia”. 

Así, a primeira sesión da xornada estará orientada a proporcionar datos imprescindibles sobre a unión da transferencia de coñecemento e a investigación da man de expertos e expertas cunha ampla experiencia en proxectos de transferencia con diferentes sectores como Alfonso Durán, Carlos Mataix, Jose Costas, Ana María Peco, Borja Ponte e Iria González. A sesión, que moderará a investigadora da UVigo Sara Riveiro, rematará con consellos sobre como publicar artigos sobre transferencia con empresas e entidades públicas.

O segundo taller permitirá ás e aos asistentes compartir consellos e estratexias para poñer en marcha metodoloxías activas de aprendizaxe nas clases ademais de achegarse á publicación de artigos didácticos en revistas indexadas. Nesta sesión participarán Virginia Ahedo, Rocío Alfaro, Maite Jaca e Karen Reina, coa moderación de Beatriz Andrés, da Universidade Politécnica de Valencia. 

Máis de 80 participantes

Dende Adingor Joven agardan poder superar as cifras de participantes das anteriores edicións destas xornadas. En 2020, recorda Mar Fernández, contaron cun total de 73 inscritos de 14 universidades e con perfís moi diferenciados, mentres que no 2021 foron 77 inscritos de 18 universidades tamén con perfís moi variados. De cara a esta nova cita esperan que en cada unha das sesións participen 70 persoas e poidan superar en total os 80 inscritos.

Aínda que esta xornada se enmarca dentro do congreso CIO 2022, non é preciso inscribirse no congreso para poder participar a xornada. As persoas que desexen asistir soamente deben cumprimentar un formulario de inscrición

Punto de encontro a nivel estatal

O colectivo Adingor Joven naceu no seo da Asociación para el Desarrollo de la Ingeniería de Organización, que dirixe o catedrático do Organización de empresas e márketing da Universidade de Vigo José Carlos Prado. O seu obxectivo é servir como punto de encontro para investigadores e investigadoras menores de 40 anos vencelladas á area de Enxeñaría de Organización e sen posición estable nas súas universidades. Na actualidade case todas as institucións académicas do Estado que imparten estudos relacionados con este campo da enxeñaría están representadas nesta asociación, de feito, a Universidade de Vigo ten catro membros: Iria González Romero, Sara Riveiro Sanromán, Alba Núñez Fernández e Mar Fernández, que a dirixe.