DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Programa de formación para estudantes de máis de 55 anos

Os maiores tamén van a clase

Aínda permanece aberto o prazo de inscrición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Lourdes Otero DUVI 27/09/2007

Que facer co tempo libre a partir dos 55 anos? Esta é unhas das preguntas que máis dun xubilado e prexubilado se fai ao chegar a esta etapa da vida. Como alternativa enriquecedora para encher as horas de ocio, a Universidade, a través da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, ofrece o Programa de Maiores. Trátase dun proxecto que, inserido nas Aulas de Formación Aberta, nace co obxectivo de promover o coñecemento científico e cultural nas persoas maiores.
Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, destacou, na presentación do novo curso académico do Programa, que “a inicitiativa vén dar resposta ao deber da Universidade de formar alumnos, independentemente da súa idade”. Ademais, para o vicerreitor “esta é unha oportunidade de relacionarse e socializar con outras persoas da mesma idade e cos xóvenes universitarios”.
A convivencia é tamén, para o o presidente da Asociación de Alumnos, Verísimo Pazos, o aspecto máis destacado do programa. Pazos destacou que a experiencia “serve para integrarnos cos demais e superar o medo a palabra universidade”, e continuou, “unha vez que estás aquí dáste conta que é doado integrase e que se forman verdadeiros grupos de traballo”.
Na presentación, o coordinador do proxecto no campus de Pontevedra, José María Gil, quixo remarcar a gran motivación e implicación de todos os alumnos que participan, xa que “fano de xeito voluntario, simplemente polo pracer de aprender e non por sacar un título”.
Outro aspecto a subliñar foi o o grao de satisfacción co que conta o Programa, “tanto por parte dos estudantes, como dos profesores e dos que o xestionamos”, sinalou Membiela

Programa

O programa está estruturado a xeito de diplomatura e licenciatura. A primeira, é o chamado “ciclo intensivo” no que, ao longo de tres cursos, se pretende dar unha visión cultural de xeito xeral, a través de materias como a xeografía de Galicia, a linguaxe dos medios de comunicación ou as novas tecnoloxías. O segundo ciclo, o de “especialización”, está constituído por dous cursos nos que os alumnos poderán cursar materias pertencentes ás diferentes titulacións da Universidade, ou ben, outras asignaturas do primeiro ciclo nas que non se matricularan.
No campus de Pontevedra, as clases comezarán o vindeiro 15 de outubro e desenvolveránse nas Facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes.
Aínda quedan prazas libres para matricularse, así que todos aqueles interesados en incribirse no Programa poderán dirixirse ao Servizo de Alumnado, situado na EUET Forestal, ou obter máis información na web http://apv.uvigo.es/programa_maiores/