DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha última sesión celebrada na Biblioteca Rosalía de Castro

Os Martes Saudables despídense ata o vindeiro cuadrimestre facendo fincapé no coidado integral da saúde

Nesta edición dedicaron especial atención á sexualidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/12/2018

Desde o pasado 16 de outubro os postos dos Martes Saudables, iniciativa destinada a fomentar a saúde integral da comunidade universitaria, percorreron os tres campus da Universidade de Vigo. Este martes, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolleu a súa oitava e última sesión deste cuadrimestre facendo un balance moi positivo do estado de saúde desta actividade da Área de Benestar, Saúde e Deporte.  

“Os Martes Saudables son unha actividade consolidada nos tres campus. Despois de tantos anos traballando por fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria xa o alumnado nos identifica e sabe a información e as actividades que ofrecemos nos postos dos Martes Saudables”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Alén da súa aplicabilidade directa na mellora dos hábitos de vida das persoas interesadas, desta iniciativa Rodrigo Alberte Pivida tamén destaca como é o marco que permite a realización de diferentes traballos de investigación sobre a saúde e os hábitos da comunidade universitaria, traballos que logo se materializan en publicacións e presentacións de resultados en diferentes foros.

Do peso aos métodos anticonceptivos

Á espera de ter os datos da sesión celebrada este martes, Guillermo Santos, coordinador dos Martes Saudables, sinala como a expectativa é achegarse á cifra de 300 participantes, media de cada cuadrimestre. Este dato, indica, refírese ás persoas que realizan todo o percorrido proposto polo persoal que atende os postos e cubre a enquisa de participación. “A esta cifra hai que engadir máis do dobre de persoas que se achegan aos postos a facer algunha consulta concreta pero que non fan todo o percorrido. Esas non as contabilizamos”, comenta. Sobre o tipo de usuario que fai uso desta iniciativa, Guillermo Santos sinala que “o que detectamos é que boa parte da xente que vén repite, para comparar os seus resultados dun cuadrimestre a outro”.

As persoas que se achegaron aos Martes Saudables tiveron a posibilidade de coñecer a oferta deportiva que teñen na Universidade de Vigo, para enriquecer a súa vida académica, o seu tempo de ocio e a súa saúde integral, e puideron realizar diversas probas de enfermaría, entre as que están a identificación do grupo sanguíneo e a medición da tensión, do índice de masa corporal e da capacidade respiratoria. Tamén puideron no apartado de alimentación analizar a calidade da súa dieta, como mellorala e se a súa autopercepción corporal se corresponde coa realidade, entre outras moitas cuestións. Sobre o tipo de consultas máis habitual, Santos indica que son as referidas ás medidas antropométricas, de peso e masa corporal. “Unha vez teñen o peso ou o índice de graxa o noso traballo é recomendarlles hábitos de diferente tipo, como alimentación ou deporte, que lle permitan mellorar a súa saúde”, indica o coordinador dos Martes Saudables.

Entre estes contidos, este cuadrimestre os Martes Saudables fixeron especial fincapé na temática da sexualidade. O educador social Álex Raposo foi o encargado de ofrecer información e aclarar dúbidas nesta temática a todas as persoas que se achegaron. “Chamoume a atención que moita xente aínda lle dá moita vergoña abordar estes temas, aínda é tabú”, comenta. Entre as cuestións sobre as que amosaron ter máis desinformación ou confusión as persoas que se achegaron aos Martes Saudables, este educador social sitúa o clítoris e a diferenciación entre identidade de xénero e orientación sexual. Entre os obxectos expostos relacionados coa sexualidade, engade, os que máis chamaron a atención do público foron unha nova copa menstrual que permite ter relacións sexuais con ela posta. “En todo caso nós non informamos só de métodos anticonceptivos, falamos tamén de pracer, de sexualidade e de conceptos como xénero”, sinala por último este educador social.