DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O punto de partida dos proxectos é un guión do tres veces gañador dun Goya Ángel de la Cruz 

‘Os mortos van á présa’ inspirará os videoxogos do alumnado de Ciencias Sociais e Enxeñaría de Telecomunicación

O director mantivo un coloquio cos participantes na iniciativa do grupo ComTecArt

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/10/2020

O guión de Os mortos van á presa, o primeiro que, hai preto de 25 anos, escribiu para unha longametraxe o guionista e director Ángel de la Cruz convértese este cuadrimestre na fonte de inspiración dos proxectos de videoxogo que idearán preto de 25 estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. No marco dun proxecto de innovación docente do grupo ComTecArt, alumnado de diferentes titulacións traballará, dividido en tres equipos, no deseño dun videoxogo e no desenvolvemento dunha das súas fases. Farano fundamentalmente, dada a situación xerada pola covid-19, a través de xuntanzas virtuais como a que este mércores mantiveron cun guionista gañador de tres premios Goya, ao que presentaron as primeiras ideas dos seus proxectos.

“Nunca se me ocorrera que puidese facerse un videoxogo do guión desta película. Polo menos no meu maxín, parece que outro tipo de historias máis heroicas e máis épicas préstanse máis a priori”, recoñecía De la Cruz, para quen a proposta de ComTecArt resultou “sorprendente, pero ao mesmo interesante, porque seguro de aquí sairán cousas imaxinativas”. Nese senso, o guionista de premiadas películas de animación como O bosque animado, O soño dunha noite de San Xoán ou Engurras recoñecía tamén a “ilusión” que supón que o alumnado vaia traballar “co que foi o meu primeiro guión orixinal para unha longametraxe”, e coa que sería, anos despois, “a primeira película que puiden dirixir con actores reais”.

Contorna virtual, mesma metodoloxía

Coordinada polos docentes de Ciencias Sociais e da Comunicación Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e Luis Fernández e polos profesores da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Montenegro, 17 alumnos e alumnas traballan conxuntamente nesta iniciativa. En equipos multidisciplinares, as e os estudantes da materia Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, centraranse na “parte narrativa” do proxecto, no deseño da historia, mentres que o alumnado da materia Tecnoloxía multimedia e computer graphics, do grao en Enxeñaría de Telecomunicación, será o responsable da programación dos xogos. Triade Estudios, Countdown Studio e Ki.Frame é o nome dos tres equipos dun proxecto que busca achegalos aos procesos de traballo nesta industria, e que contará a súa vez coa participación de sete estudantes da materia Comunicación alternativa, do grao en Publicidade e RRPP, responsables de definir e desenvolver as accións de difusión dos proxectos.

Deste xeito, esta iniciativa, como sinala Legerén, mantén o modo de traballo das súas tres anteriores edicións, nas que o alumnado ideou videoxogos inspirados nos libros A viaxe do elefante, en colaboración doa Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo; e Apocalipsis Z de Manel Loureiro, así nun relato inédito sobre o roubo do Códice Calixtino do escritor e profesor de CCSS e da Comunicación Miguel Anxo Fernández. “Sempre buscabamos obras literarias, a ser posible de autores galegos, pero hai moitos xogos que parten de películas”, salienta Legerén respecto da decisión de empregar nesta ocasión un guión como punto de partida.

Dada a situación xerada pola covid-19, o proxecto desenvolverase a través de Campus Remoto, coa excepción de dúas únicas sesións presenciais, no inicio e no remate do cuadrimestre. “A maneira de levar as materias vai ser a mesma, imos seguir traballando cunha metodoloxía áxil, scrum, e ir dándolles unha serie de tarefas”, explica Legerén. Tras presentar nesta xornadas as súas primeiras ideas, os tres equipos traballarán desde agora no desenvolvemento duns videoxogos para os que contarán cunha serie de assets (modelos tridimensionais) deseñados por Fernández. “Como o principal punto de conflito do guión é que unha camioneira se queda atascada nunha ponte, a idea do xogo que teñen que desenvolver será en torno a esa ponte”, explica Legerén. Ao remate do cuadrimestre, os tres equipos deberán contar cun primeiro nivel ou demo dos seus proxectos que, nunha xornada final, poderán ser probado polos seus compañeiros e compañeiras de xeito virtual, a través da plataforma Twitch.

A estrutura como pedra angular

Abordar como naceu e como se desenvolveu Os mortos van á presa, desde un primeiro guión para unha curta á posterior rodaxe da longametraxe estreada no 2009, centraron o inicio dun coloquio que De la Cruz centrou no seu método de traballo para a elaboración de guións. “Unha das cousas ás que máis importancia lle dou é a estrutura”, salientou o guionista e director, que puxo o acento na importancia que ten para el definir “claramente como comeza a historia, cal é o conflito principal e como resolvo ese conflito”, antes de comezar a traballar. “Primeiro confeccionas as pezas do quebracabezas e logo ármalo”, concluíu de la Cruz, que incidiu en que “aínda que todos os guións teñen a súa complexidade, ter un método facilita moito ás cousas”, co propósito de que esta reflexión sobre os seus procesos de traballo puidese servir de axuda ao alumnado, sinalou, á hora de “inventar unha estrutura para os seus videoxogos”.