DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito acolle unha conferencia sobre a Convención dos Dereitos do Neno

Os nenos e nenas son... de si mesmos

Jorge Cardona explicou os retos e desafíos pendentes neste eido

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 31/01/2020

A Convención dos Dereitos do Neno cumpre 30 anos e para facer un balance da súa aplicación e dos seus retos de futuro este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu unha conferencia de Jorge Cardona, catedrático de Dereito Internacional Público da Universitat de València e antigo membro do Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas. Nela, o experto lembrou como os nenos e nenas son “cidadáns hoxe, non cidadáns do futuro” e como son “suxeitos de dereito con plena dignidade”.

Durante a súa intervención, feita no marco do Curso de Actuación Xurídica da Facultade de Dereito, Jorge Cardona lembrou como en 1990 España ratificou e entrou en vigor a Convención dos Dereitos do Neno, que, apuntou “supuxo un cambio de paradigma fundamental cos nenos, nenas e adolescentes”. Tradicionalmente, detallou o catedrático, este colectivo era visto ata entón como “un obxecto de protección, algo que tiña que ser protexido”. Coa convención, indicou, “o neno pasa a ser considerado suxeito de dereito, xa non é algo que ten que ser protexido senón que é unha persoa por riba de todo e polo tanto titular de dereitos”. Comezaron así, lembrou o experto, 30 anos nos que se fixo “un longo camiño de avances” pero no que “aínda queda moitísimo por facer”. Para acadar eses avances Jorge Cardona apuntou a dificultade non só de cambiar marcos xurídicos senón tamén “mentalidades”, pondo de exemplo a proposta do pin parental. “Estamos vivindo estes días a polémica de se os nenos pertencen aos pais, ao estado... a lei di que os nenos pertencen a si mesmos, son cidadáns, nin os nenos nin os adultos pertencemos a ninguén, somos persoas con plena dignidade”, dixo o catedrático de Dereito Internacional Público.

Neste contexto, Jorge Cardona indicou que entre os retos e desafíos que hai no eido dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes “o primeiro é tomar conciencia do neno como cidadán, que implica o seu dereito a ser escoitado e a participar na familia, na escola, na sociedade”. Ese dereito a ser escoitados, detallou, non consiste en só ser oídos senón que se teña en conta o que din. “Isto non quere dicir que haxa que facer o que di o neno nin o que di o adulto senón que quen ten que tomar unha decisión tome en consideración a opinión do neno e se non a segue que diga o porqué”, explicou. No ámbito da xustiza, engadiu, esta consideración “é especialmente importante, pois temos leis en España que din que se escoitará aos nenos a partir de 12 anos”. Así, dixo o experto, “aínda nos atopamos que nos divorcios dos pais, o pai vai cun avogado, a nai vai con outro avogado e o neno é como a casa a repartirse. O neno forma parte dese divorcio e necesita a defensa dos seus intereses e ser escoitado non só a partir de 12 anos senón de cinco ou seis anos tamén”.

Dereitos fronte á violencia e á pobreza

No caso dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, o relator afirmou como “hai moitos retos en España e hai moitos retos globais”. Entre eles, situou un que no caso de España cualificou Cardona como “lacerante”, como é a violencia contra os nenos e nenas. “É un tema do que non se fala, segue sen estar no debate social e é un drama do que temos poucos datos pero os que temos son terribles, como que o 80% do abuso sexual de nenos realízase na contorna familiar”, denunciou. O Comité de Dereitos do Neno, afirmou o catedrático, “leva desde 2010 pedindo a España que aprobe unha lei integral de violencia contra a infancia equivalente á de violencia de xénero, que supuxo un gran cambio en España neste tema”. Así, o experto salientou como “é clave e fundamental unha lei que adopte medidas de sensibilización, concienciación, prevención, castigo e rehabilitación das vítimas desa violencia”, lembrando como a violencia non é só violencia física, senón tamén verbal e psicolóxica e como fronte á violencia “a mesma dignidade ten un neno que un adulto”.

Entre os retos globais Jorge Cardona citou o feito de que “seguen morrendo no mundo cada día 17.000 nenos menores de cinco anos por causas evitables” e como “hai nenos que están vivindo conflitos armados ou ambientais dos que non se pide ningún tipo de responsabilidade”. Neste contexto criticou como a comunidade internacional “non actúa como debería facelo”, pois, recalcou, “é insoportable que a día de hoxe morran 17.000 nenos por causas evitables”. No caso estatal tamén falou da inequidade, de como “en España temos case un 36% de nenos, un de cada tres, en risco de pobreza e exclusión”, con opcións moi diferentes segundo a comunidade autónoma de nacemento. “Nacer nunha comunidade autónoma ou noutra marca a vida de moitos nenos e nenas e iso non é aceptable”, dixo.

30 anos despois da entrada en vigor da Convención dos Dereitos do Neno, afirmou o catedrático, fai falta aínda moito desenvolvemento normativo, concienciación e un traballo constante na loita polos dereitos de nenos, nenas e adolescentes. “Os dereitos hai que conquistalos todos os días, non hai nada conquistado de todo, nin para os nenos, nin para os adultos nin para ninguén. Hai que estar sempre aí”, afirmou.