DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto dende hoxe luns ata o día 6 de outubro

Os obradoiros regresan con novidades e con Óscar Avendaño, de Siniestro Total, actuando en directo

Retómase o taller de costura e reciclaxe de prendas, despois do éxito do curso pasado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Teatro
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/09/2022

Uns novos, algúns con sorpresas e outros que retornan tras pandemia. A programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o primeiro cuadrimestre comprende unha oferta de dez talleres abertos á cidadanía que abordan diversas temáticas que van dende a música ao teatro, pasando pola agricultura e a alimentación e mesmo a costura. O prazo de matrícula está aberto dende hoxe luns ata o día 6 de outubro e os prezos dos obradoiros varían entre os 26 euros para a comunidade universitaria e os 32 euros para outros colectivos vencellados coa UVigo ata os 44€ do público en xeral. Ademais, para o alumnado tamén está contemplada a convalidación dun crédito ECTS por cada 30 horas de curso.

Catro alternativas musicais, con Óscar Avendaño como convidado

O eido musical é o que ten maior presenza na oferta de obradoiros para esta primeira parte do curso 2022/2023. Por unha banda, ofértase por primeira vez unha iniciación aos ritmos afrolatinos, que se desenvolverá entre o 24 de outubro e o 19 de decembro, e na que as persoas asistentes poderán coñecer a orixe, a súa base musical e os pasos básicos de estilos como salsa, bachata, kizomba, merengue ou cha-cha-chá. Para este curso recoméndase asistir en parella, xa que os ritmos afrolatinos están pensados para bailar.

Unha das sorpresas do cuadrimestre vén da man do obradoiro Miradas de música, que se vai centrar en entender a cultural pop no audiovisual e que terá como convidado a Óscar Avendaño, baixista de Siniestro Total. Este curso impartirase entre o 26 de outubro e o 21 de decembro e o seu obxectivo é coñecer en profundidade a historia, función e significado da música pop na súa relación con diferentes xéneros audiovisuais de ficción, documentais e videoclips dende a década dos 50 ata a actualidade. Avendaño interpretará en directo algúns dos temas que se aborden na parte expositiva do obradoiro, tanto en solitario como en colaboración co alumando que teña coñecementos musicais. 

Por outra banda, mantense na oferta o xa clásica aula de música tradicional, que inclúe tanto canto como percusión, gaita e baile tradicional galego. Este é un obradoiro anual ao que poden asistir tanto aqueles que queiran iniciarse neste tipo de música e baile como os que xa teñen coñecementos, dado que a finalidade é que, ademais de actuar en eventos ante o público, poidan exercer como axentes culturais. O curso arrancará o 11 de outubro e rematará o 27 de decembro.
Finalmente, a oferta musical complétase co obradoiro básico de ukelele, que despois de impartirse para un nivel avanzado o curso pasado, desta volta regresa co nivel básico, para aqueles que se queiran achegar por primeira vez a este instrumento. O curso desenvolverase entre o 14 de outubro e o 16 de decembro e as e os asistentes deberán levar o seu propio ukelele.

Na natureza, moito que aprender

A contorna natural é outro dos eidos, xunto coa música, que máis obradoiros concentra, abordando temáticas como a agricultura orgánica, a micoloxía ou as plantas silvestres.

Por exemplo, nestes próximos meses impartiranse dous cursos de identificación de cogomelos, en dous niveis diferentes. O obradoiro de nivel 1, do 11 de outubro ao 20 de decembro, centrarase en ensinar aos asistentes a apañar e transportar cogomelos para a súa identificación; coñecer as principais especies tóxicas, as intoxicacións habituais e os seus tratamentos e tamén as principais especies comestibles, ademais das súas propiedades nutracéuticas e tratamento na cociña. No nivel 2, que se impartirá entre o 13 de outubro e o 22 de decembro, o estudantado aprenderá conceptos avanzados en macromicoloxía, empregando diferentes ferramentas para a identificación práctica de cogomelos. Ademais, manexarán os reactivos químicos máis habituais na identificación de cogomelos e aprenderán a manexar un microscopio coa finalidade de identificar aqueles xéneros e especies máis complexos.

Outra das opcións para as persoas interesadas no mundo natural é o obradoiro de identificación de plantas silvestres comestibles, unha proposta que retoma despois da pandemia e que inclúe rutas para ver e para recoller diferentes especies que se dan na contorna para despois cociñalos. Polo tanto, a docencia, que terá lugar entre o 19 de outubro e o 12 de decembro, distribuirase entre unha a aula, unha cociña e o campo. O programa centrándose en ensinar ás e aos asistentes a coñecer e apañar sen medo e de forma respectuosa coa contorna as plantas e froitos e tamén se abordarán os motivos polos que é interesante introducir as herbas silvestres na dieta habitual.

Finalmente, tamén se impartirá un curso de agricultura orgánica, no que se abordará o deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta orgánica. Este curso terá lugar entre o 10 de outubro e o 12 de decembro e continuará no segundo cuadrimestre para aplicar os coñecementos sementando no horto universitario.

Teatro e costura

Máis aló da música e da natureza, a oferta de obradoiros de extensión universitaria para o primeiro cuadrimestre abre o abano a outras temáticas. Como todos os anos impartirase o curso de iniciación ao teatro, do 10 de outubro ao 30 de novembro, que no segundo cuadrimestre permitirá a posta en escena dunha obra que se representará dentro da programación da Miteu, Mostra Internacional de Teatro Universitario.

O catálogo de cursos complétase co obradoiro creativo de costura, unha proposta que permite ás persoas asistentes aprender a reciclar as súas prendas de roupa. Esta proposta ofértase por segunda vez, tras o éxito obtido o curso pasado, e desenvolverase do 13 de outubro ao 22 de decembro. A finalidade é que as e os asistentes aprendan a crear os seus propios accesorios e prendas e poidan gozar da satisfacción que produce crear algo coas súas propias mans. Para isto, aprenderán, tanto a man como a máquina, os diferentes tipos de patróns con teas recicladas, dándolles unha segunda vida.