DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con temáticas que abranguen desde como deixar de fumar ata a domesticación de cogomelos

Os obradoiros volven á palestra coa metade da súa programación renovada

O prazo de matrícula está aberto do 10 ao 24 de febreiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/02/2021

A programación de obradoiros de extensión universitaria no campus de Ourense correspondente ao segundo cuadrimestre xa está en marcha. Nesta ocasión ofértanse 14 talleres, a metade deles novidades, que abranguen unha ampla gama de temáticas, desde como deixar de fumar ou como facer unha presentación “e non morrer no intento” ata teatro ou observación astronómica. Como en anteriores ocasións, a matrícula está aberta tanto aos membros da comunidade universitaria como á cidadanía en xeral.

“Temos moitas novidades este cuadrimestre, pois sete dos obradoiros, a metade, son propostas novas”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. “Polo que estamos vendo, debido á pandemia, a xente está aproveitando o feito de estar máis tempo na casa para facer cursos on-line daquelas cousas que foi deixando porque antes non tiña tempo. Así que animar ás persoas interesadas a que se acheguen á nosa programación e proben con algunha das propostas”, comenta. Atendendo á situación provocada pola covid-19, a maior parte desta programación está adaptada á “nova realidade”, sendo nalgúns casos totalmente virtual, noutros parte virtual e parte presencial e noutros presencial pero con posibilidade de para pasar a virtual de ser preciso. A matrícula nos obradoiros, organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, estará aberta do 10 ao 24 de febreiro a través da plataforma Campus Activo da UVigo. O prezo é de 40 euros para público xeral e 26 euros para membros da comunidade universitaria. Os cursos están recoñecidos con un crédito ECTS por cada 30 horas de traballo. En total ofértanse 215 prazas.

Propostas novas

Entre as sete novidades deste cuadrimestre está un obradoiro para deixar de fumar dirixido por Manuel Isorna e que ten como obxectivo “promover o abandono do consumo de tabaco entre a poboación universitaria, fomentando o coñecemento en profundidade sobre esta substancia en calquera das súas formas e conseguindo que as persoas asistentes se convertan en axentes de saúde entre a súa contorna”. Outra nova proposta é un taller de introdución á programación neurolingüística, coordinado por Millán Brea e no que as e os inscritos achegaranse a esta “metodoloxía centrada no funcionamento dos nosos procesos internos, mentais e emocionais, e especialmente na influencia que a linguaxe ten na nosa programación mental e noutras funcións do noso sistema nervioso”.

No eido tecnolóxico, inclúese nesta edición unha formación sobre creación de contornas interactivas con H5P, dirixida por Iván Otero, que achegará ás e aos participantes a esta “nova ferramenta de creación de contidos e experiencias web interactivas de forma máis eficiente”. Tamén entra como novidade na programación un obradoiro titulado Como facer mellores presentacións e non morrer no intento, dirixido por Maruxa Álvarez. Nel afondarase dun xeito práctico en ferramentas “moi útiles” para facer “propostas ou presentacións que sexan visuais e efectivas”.    

Baixo o título de Usos das árbores e a dirección de María Cabaleiro, ofértase igualmente un taller que “pretende dar a coñecer diferentes especies de árbores e arbustos autóctonas e ornamentais, coas súas características básicas para identificación, as súas propiedades de interese, a súa importancia histórica e os seus potenciais usos”. Tamén por primeira vez se ofertará un obradoiro de Revalorización de residuos agroindustriais: avanzando cara unha economía circular, dirixido por Beatriz Gullón e que “pretende ofrecer unha visión xeral da economía circular, a través da valorización integrada de subproductos das industrias de procesamento de alimentos e mediante a aplicación de metodoloxías sostibles e verdes”. Por último, este cuadrimestre volve a incluírse unha proposta sobre micoloxía pero nesta ocasión centrada na domesticación dos cogomelos. Dirixido por Paula Estévez, “neste obradoiro o alumnado aprenderá os conceptos básicos sobre que son os fungos e os cogomelos, así como os mecanismos biolóxicos e as condicións que interveñen no seu crecemento e que se poden aproveitar para levar a cabo o seu cultivo ou domesticación de forma controlada”.

Propostas que continúan ou repiten

Entre as propostas que repiten este cuadrimestre está o obradoiro O viño: da esencia á emoción, dirixido pola profesora Mª Concepción Pérez. Nel ofrecerase “unha visión global do mundo do viño” e as e os participantes adquirirán “ferramentas expresivas” para poder valorar sabores e aromas de diferentes viños. Tamén repite o taller de introdución á observación astronómica, dirixido por José Ramón Salgueiro, e no que as e os asistentes achegaranse aos principais obxectos e técnicas de observación astronómica. Estes dous obradoiros impartiranse de xeito exclusivamente presencial. 

Un cuadrimestre máis volverán a impartirse as aulas de teatro e danza e o obradoiro de gaita do campus. As aulas de teatro estarán unha vez máis a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta. A aula de teatro Rosaura está aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia ás e aos que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña ás e os máis avanzados. Ademais, o campus conta cun Espazo Danza centrado na danza contemporánea e impartido polo grupo Traspediante. Por último, regresa o obradoiro de gaita galega ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega.