DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social da Universidade

Os Premios Crea recoñecerán as obras ideadas conxuntamente por estudantes de diferentes ámbitos

As propostas poderán presentarse ata o 18 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/04/2021

“Pór en valor o feito fundamental da innovación que xorde das novas ideas, saíndo dos percorridos predeterminados, procurando acadar novos produtos e producións orixinais” constitúe, como recolle a súa convocatoria, un dos obxectivos dos Premios Crea-Creatividade e Innovación, que no marco do proxecto de especialización do campus, a Vicerreitoría promove xunto co Consello Social da Universidade. Estes galardóns buscan recoñecer obras de carácter interdisciplinar, creadas por alumnado de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra. “É algo totalmente aberto a todo tipo de exploracións, non queríamos poñer límites”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, duns premios que se convocan por primeira vez no marco da colaboración entre a Vicerreitoría e o Consello Social e nos que se outorgarán tres premios, cunha dotación económica de 1500, 1000 e 500 euros.

“O que nos define como campus, o fío condutor de todas as súas facetas, é a creatividade, e o noso valor máis importante é, sen dúbida, o alumnado, polo que pensamos en facer algo diferente”, salienta Souto dun certame no que a “natureza da obra está totalmente aberta”, pero que si require, por outra banda, que está sexa realizada por cando menos dous estudantes de diferentes ámbitos. Concretamente, nos proxectos deberá estar representado alumnado de dous destes catro ámbitos: medio ambiente e natureza; arte, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; e deporte, saúde e benestar. Deste xeito, búscase “favorecer a colaboración interdisciplinar” promovendo o “achegamento entre estudantes de diferentes centros, o que pensamos que é tamén unha forma de favorecer a creatividade e a innovación”. Os Premios Crea buscan promover o desenvolvemento de “traballos e accións creativas e innovadoras interdisciplinares”, xa que, como engade Souto, trátase dunha convocatoria aberta a múltiples tipos de obras, “desde unha escultura ou unha fotografía a unha peza en vídeo ou o que se lles ocorra”, sempre e cando na obra “queden reflectidos diferentes ámbitos de coñecemento”.  

Aberto a todo o alumnado

Como recolle a resolución reitoral pola que se convoca a primeira edición destes Premios Crea, estes galardóns están abertos á participación de todo o alumnado da Universidade de Vigo, aínda que, co obxectivo de “potenciar o Campus Crea", os ámbitos definidos son os que se insiren no proxecto de especialización, explicou Souto.

Ata o 18 de xuño permanecerá aberto o prazo de presentación de proxectos na sede da Vicerreitoría do campus. Segundo recolle a convocatoria, entre a documentación que deberán entregar as e os participantes deberá figurar, ademais da descrición da obra, unha memoria explicativa do proxecto “que permita coñecer a cooperación entre as diferentes disciplinas implicadas”. Do mesmo xeito, deberá presentarse tamén a propia obra, de ser posible. A orixinalidade da peza, a súa “transmisión e aplicabilidade para achegar resolucións ou respostas a problemas, necesidades e demandas sociais da nosa comunidade” e o feito de que esta reflicta “o traballo cooperativo das áreas de coñecemento implicadas” serán os criterios que o xurado avaliará de cara á concesión dos tres premios, outorgados polo Consello Social. Así mesmo, está previsto que as obras seleccionadas se expoñan nos diferentes centros do campus, trala celebración dun acto de entrega de premios previsto para setembro.