DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na pasada edición destes galardóns, impulsados pola Unidade de Igualdade, presentáronse 40 traballos

Os premios Egeria buscan incentivar a investigación en xénero nos traballos fin de grao e de mestrado

O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/09/2021

Os premios Egeria naceron en 2014 co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación. Ano tras ano a cantidade e a calidade dos traballos fin de grao e fin de mestrado presentados son unha mostra de que na Universidade de Vigo hai interese en investigar con perspectiva de xénero e promover os estudos feministas. A oitava edición destes galardóns, que pretenden recoñecer, difundir e premiar os mellores traballos desas características realizados polo seu alumnado da institución académica viguesa, ten aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 30 de setembro.

Os galardóns, que levan o nome da escritora galega do século IV que acadou gran sona pola súa viaxe a Terra Santa e que relatou en «Itinerarium», buscan os mellores TFG e ps TFM realizados polo alumnado tendo en conta a perspectiva de xénero. 

En total convócanse tres premios para os TFG, para os mellores traballos da rama xurídico-social;  o eido das ciencias, as ciencias da saúde e a enxeñaría e arquitectura e a rama de artes e humanidades. Cada unhas das persoas premiadas recibirá 500€. No que se refire aos TFM, tamén se outorgarán tres premios correspondentes aos mesmos eidos do coñecemento, pero desta volta cun premios 600€ para cada un. En total repartiranse ata un máximo de 3300 euros.

Presentación de traballos ata o 30 de setembro

Para poder optar a un destes galardóns é necesario ter presentado o traballo fin de grao ou fin de mestrado oficial na Universidade de Vigo no curso 2020/2021 e obter unha cualificación mínima de 8. Así mesmo e debido as circunstancias excepcionais motivadas pola COVID-19, admitiranse nesta convocatoria as solicitudes de alumnado que superou o TFG/TFM nas convocatorias extraordinarias de setembro e decembro de 2020 e que non puido participar na convocatoria do 2019/2020, sempre e cando cumpra os restantes requisitos. 

O prazo de presentación dos traballos rematará o 30 de setembro de 2021. Xunto coa solicitude deberán presentar o TFG ou TFM en formato pdf así como un resumo, tamén en formato pdf, cunha extensión máxima de 500 palabras, que non poderá conter elementos identificativos sobre a súa autoría ou titoría pero si indicar a que grao ou máster oficial corresponde.

A avaliación dos traballos correrá a cargo dunha comisión composta polas profesoras Alma Gómez, enxeñeira informática e experta en xénero e STEM e Ana Bringas, filóloga inglesa experta en literatura decolonial e estudos feministas, xunto con Carmen Verde, traballadora social experta en políticas sociais con perspectiva de xénero. A selección dos proxectos atenderá principalmente á calidade do traballo presentado(30 puntos), así como á relevancia da súa temática e metodoloxía (25 puntos). Tamén se terá en conta a aplicabilidade das achegas feitas polo estudo (15 puntos), o uso da linguaxe inclusiva (15 puntos), a referenciación bibliográfica e fontes (10 puntos) e o uso da lingua galega (5 puntos).

40 traballos presentados na pasada edición 

Na pasada edición dos Egeria presentáronse 38 traballos de investigación entre todas as categorías e ramas. De entre todos eles, o xurado seleccionou na categoría de grao na rama de Artes e Humanidades a Laura García polo seu traballo Dicionario terminográfico da cuarta onda do feminismo; no ámbito xurídico-social outorgáronse dous premios para Nazaret Blanco Pardo polo seu proxecto sobre o Grado en Educación Social e a Sabela Pérez Martín por Unha realidade silenciada: A violencia machista institucional. No que se refire aos traballos fin de mestrado, resultaron premiados no ámbito xurídico-social Nataly Laura Alvarado Lujan polo proxecto Gestión de la igualdad de género a través del sistema de riesgos corporativos e Gonzalo Coello Vilariño por Tratamento didáctico do téxtil en Tecnoloxía, unha perspectiva coeducativa de materiais e circuítos en 3º de ESO. En artes e humanidades o galardón foi para Celia Rocha Táboas polo seu estudo sobre A neutralidade de xénero no galego: proposta de tradución para localización das marcas de xénero do videoxogo Undertale (2015).