DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premiadas das tres categorías debullan no Duvi as súas propostas galardoadas

Os Premios Egeria distinguen traballos que apostan por unha visión crítica e de xénero da historia e da sociedade

Abordan temas como o patrimonio arqueolóxico, a violencia obstétrica ou o oficio das lavandeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Investigación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/01/2025

Os Premios Egeria levan dende 2014 apoiando a inclusión da perspectiva de xénero e/ou feminista nos traballos fin de grao, fin de mestrado e teses de doutoramento na Universidade de Vigo. A última edición, correspondente ao curso 2023/2024, recoñeceu os traballos de oito mozas investigadoras, entre elas Andrea Mouriño, Laura Otero e Xoana Abraira, que obtiveron as mellores puntuacións en cada unha das tres categorías, e que debullan no Duvi os seus traballos e as súas sensacións tras saberse gañadoras.

Unha visión de xénero da prehistoria

Na categoría de mellor tese de doutoramento con perspectiva de xénero foron premiadas dúas investigadoras, Andrea Mouriño e Almudena Otegi, sendo a primeira a que acadou mellor puntuación por unha traballo sobre a difusión do patrimonio arqueolóxico no noroeste peninsular dende a perspectiva de xénero.
Mouriño explica que recibir este galardón é “unha honra inmensa e, ao mesmo tempo, unha gran responsabilidade, onde o activismo está implícito”. Estende o recoñecemento ao “esforzo colectivo de compañeiras que, antes ca min, loitaron por integrar as perspectivas feministas na arqueoloxía a diferentes niveis” e ás persoas que a acompañaron ao longo deste camiño, “especialmente á miña directora de tese e compañeira, Beatriz Comendador”. 

A investigadora valora “moi positivamente” a existencia de certames coma este, “fundamentais para recoñecer e promover a integración da perspectiva de xénero na investigación” e para poñer sobre a mesa a necesidade de “cuestionar os nesgos e desigualdades que a miúdo permanecen invisibles no coñecemento científico e no noso día a día”. Ademais, subliña o seu efecto multiplicador, xa que “inspiran a futuras xeracións” a incorporar “enfoques máis inclusivos nos seus traballos e romper barreiras estruturais que aínda existen na academia”. 

Na súa tese, Mouriño analiza como se constrúen as narrativas sobre un pasado concreto, o prehistórico, no noroeste peninsular, cunha atención especial ao contexto galego, dende unha perspectiva de xénero. “Examino que se conta e como sobre a Prehistoria en espazos patrimoniais, como museos e centros de interpretación, así como nas aulas, especialmente nos libros de texto e manuais universitarios, para avaliar como se integra e representa a dimensión de xénero”. Como ela mesma explica, a súa intención non era avaliar o grao de precisión histórica dos discursos, “senón comprender como se articulan, que imaxe ofrecen do pasado prehistórico e como representan (ou omiten) o xénero, tanto a nivel textual como visual”.  As conclusións que obtivo amosan que, con poucas excepcións, “predomina unha visión androcéntrica da Prehistoria. Esta énfase recae en temas como a destrución, a violencia e o poder, centrados na figura do guerreiro, mentres que aspectos fundamentais como os coidados, o mantemento e a socialización, esenciais para a supervivencia humana (tanto no passado coma no presente) permanecen nun segundo plano. No contexto galego, os discursos adoitan destacar tópicos como o progreso tecnolóxico, o control do territorio ou a arte rupestre, nos cales a dimensión de xénero está infrarrepresentada. A miúdo, a súa inclusión limítase a engadir figuras femininas como elementos secundarios ou ilustrativos, relegándoas aos marxes do relato”.

Ante esta situación, ao final da tese Andrea Mouriño propón unha serie de pautas para revisar e reformular estas narrativas dende unha perspectiva de xénero, a modo de guía, co obxectivo “non só revisar o relato senón tamén subvertelo, rompendo cos estereotipos e construíndo novos imaxinarios sociais que desnaturalicen as desigualdades de xénero”. 

Cambiar dinámicas para facer fronte á violencia obstétrica e neonatal

Laura Otero foi a única galardoada na categoría Traballo fin de Mestrado por un proxecto sobre a asociación Loita, que traballa na mellora das condicións na atención sanitaria das infancias e persoas xestantes. Recoñece que para ela foi “unha linda sorpresa” obter esta distinción, que valora especialmente porque contribúe a poñer o foco nun problema como o da violencia obstétrica e neonatal “que está sumamente naturalizado e invisibilizado”. Destaca que “cando traballas co propósito de concienciar sobre un tema tan difícil é fácil frustrarte, tes que entender que se trata de abrir conversas e plantar sementes, algunhas agroman e outras non. A Universidade é un terreo moi amable e fértil e agradezo que esta semente brotase”.

O seu TFM, co que pechou a súa formación no Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade, céntrase na identidade de marca e proposta de comunicación para este colectivo que, recoñece, “espertoume moitísima admiración”. Formado por mulleres pontevedresas, Loita céntrase en recoller testemuñas de familias de toda Galicia e reúnense coas autoridades para revisar os protocolos e avanzar cara un modelo de atención máis respectuoso. Otero investigou sobre “os estereotipos mediáticos do parto e a ma/paternidade e como estes inflúen no modelo de atención sanitaria” e explica que “está comprobado que as representacións na ficción e a publicidade moldean a nosa percepción destas experiencias, condicionan o que sabemos ou cremos saber sobre parir e nacer, sobre as nosas necesidades biolóxicas e psicolóxicas e sobre os nosos dereitos e isto afecta, por exemplo, ás nosas decisión de como e onde parir ou atender aos nosos fillos e fillas”. Co seu traballo trata de contribuír a mudar este contexto, porque como ela mesma indica, “é moi difícil cambiar esas realidades en tanto as e os profesionais da comunicación non entendamos a parte que nos toca”.

Unha reivindicación do oficio de lavandeira

Xoana Abraira, egresada de Belas Artes, recibiu un dos dous premios Egeria na modalidade traballo fin de grao (o outro foi para Antía Juiz), por un proxecto sobre o oficio de lavandeira a través das artes plásticas. Ter acadado este galardón é, como ela mesma recoñece, un fito “moi significativo posto que supón o recoñecemento dun proxecto co que xa establecín unha forte vinculación”. Ademais, engade, “resúltame aínda máis valioso tendo en conta o motivo do premio, que neste caso manifesta a importancia de introducir cuestións como a perspectiva de xénero dentro de traballos académicos. Penso que estes son aspectos que deberían de manterse presentes e poñerse en valor”.

O seu TFG, O oficio de lavar: unha cartografía sensible, configura “un achegamento ao oficio de lavandeira e ao labor de lavar a roupa, a través dunha relectura dos relatos sociais vixentes no noso territorio”. Emprega como punto central a posta en valor do traballo feminino, “comunmente relegado ao espazo do doméstico e dos coidados, e plantexa a necesidade de coñecer aquela parte da historia que debido ao xénero das súas protagonistas foi progresivamente quedando no esquecemento”. Deste xeito, Abraira emprega as artes plásticas para investigar “arredor da historia colectiva e individual”, achegándose ao arquivo a través do mapa e das fotografías antigas e adquirindo especial presencia no proxecto os tecidos, “debido á súa conexión directa co traballo de lavandeira”.

Outros tres galardóns ata esgotar o orzamento

A obtención destes galardóns supón para as premiadas unha achega de 1000 euros no caso das teses, 600 euros para os TFM e 500 euros para os TFG. Con todo, e dado que non se outorgaron todos os premios convocados en cada unha das categorías, o xurado decidiu esgotar o orzamento concedendo outros tres galardóns a Iria Seijas, Tamara Amorín e Daniela Barria, no tres casos polas súas teses de doutoramento. 

Todas as premiadas recibirán os seus galardóns o vindeiro día 28 de xaneiro no acto institucional de celebración do patrón da Universidade, San Tomé.