DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo celebrou este xoves o Foro Economía e Sociedade

Os Premios José Manuel Pérez Canal distinguen estudos sobre a influencia de Xogo de Tronos no turismo e a aplicación de programación lineal no sector enerxético

Nel entregáronse os galardóns aos mellores traballos fin de grao do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Académica
DUVI Ourense 26/11/2020

Un traballo sobre a influencia da serie Xogo de Tronos no turismo e outro sobre a aplicación de programación lineal no sector enerxético galego. Estes son os gañadores deste ano dos Premios José Manuel Pérez Canal que anualmente entrega a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense aos mellores traballos fin de grao do centro.

A facultade e o colexio celebraron este xoves a entrega dos galardóns no marco do seu Foro Economía e Sociedade, que contou cunha conferencia de Xosé Luis Reza, presidente de Markea e do Clúster de Comunicación de Galicia. Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Mª Montserrat Cruz, decana de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, participaron no acto de entrega de premios destacando a importancia de distinguir e incentivar o talento con iniciativas coma esta. Igualmente tiveron palabras de lembranza para José Manuel Pérez Canal, ex presidente da Confederación Empresarial de Ourense en memoria do cal se celebran estes premios.

Cinco traballos premiados

O primeiro premio para o mellor traballo no Grao en Turismo foi para Xogo de Tronos e a súa influencia no turismo, realizado por Andrea Jácome baixo a dirección do profesor Francisco Javier Sánchez Sellero. No seu traballo, explica a alumna, afonda en como “o sector do cine é en moitos casos empregado como unha ferramenta difusiva ou publicitaria dos diferentes espazos xeográficos ou culturais, que son tidos en conta polos turistas no proceso de selección dun destino”. Tras analizar o impacto desta coñecida serie nos diferentes espazos onde se rodou (España, Croacia, Islandia, Malta, Marrocos e Reino Unido), a galardoada conclúe que, en xeral, a serie tivo un impacto positivo neste lugares pero que algunhas zonas víronse afectadas por “un turismo masificado”.

O primeiro premio para o mellor traballo fin de Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para Programación lineal aplicada ao sector enerxético galego, realizado polo alumno Brais Martínez baixo a dirección do profesor Manuel Alfredo Mosquera. Nel, o estudante propón “medidas para aumentar a sostibilidade enerxética e reducir as emisións de CO2, reducindo así o impacto do cambio climático”. Tamén emprega “a programación lineal como unha ferramenta efectiva para a asignación de recursos, dando como resultado o fomento da enerxía eólica e medidas para a transformación enerxética do sector do transporte”.

No Grao en ADE concedeuse un accésit ao traballo titulado Medidas fiscais e laborais para o emprendemento, realizado pola alumna Rosa Mª Fernández baixo a codirección dos profesores Alberto Vaquero e Santiago Lago. Nel, explica a súa autora, “analizamos a política fiscal, centrada na análise das medidas orientadas a impulsar o emprendemento e a creación de novas empresas”. “Despois de anos de loita pedindo unhas medidas acertadas para potenciar as novas iniciativas emprendedoras e poder protexer á pequena e mediana empresa, aprobáronse importantes medidas fiscais e laborais, que non son suficientes”, indica Rosa Mª Fernández. Nesta categoría tamén se concedeu outro accésit ao traballo Análise das páxinas webs corporativas das empresas familiares téxtiles cara a sostibilidade, da alumna Ana Suárez e realizado baixo a codirección das profesoras Elena Rivo e Mónica Villanueva. “Unha vez analizado o contido dos informes de sostibilidade das empresas, cheguei á conclusión de que aínda queda moito camiño por andar; é dicir, o feito de que unha empresa elabore este tipo de memorias non é garantía de que contemple todos os aspectos económicos, medio ambientais e sociais”.

Por último, outorgouse un accésit no Grao en Turismo ao traballo Estudo das motivacións dos peregrinos do Camiño de Santiago nas últimas décadas realizado pola alumna Noelle Rodríguez baixo a dirección da profesora Mª Lorena Rodríguez. Tras realizar entrevistas en profundidade a hospitaleiros dos albergues do Camiño e enquisas in situ a peregrinos, no estudo conclúe que “os resultados indican que a principal motivación do peregrino na actualidade é espiritual, buscando unha experiencia máis auténtica, non só na súa viaxe a través do Camiño senón tamén como viaxe interior”.