DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co curso “Elaboración de guías docentes”

Os profesores do campus adaptarán as súas materias ao novo Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos

Todos os martes e mércores do mes de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 12/03/2008

Coa adaptación ao novo sistema marcado polo Espazo Europeo de Educación Superior, os alumnos non son os únicos que teñen que adaptarse ás novas ensinanzas que se van implantar, senón que os propios docentes tamén necesitan formarse ante este novo reto. Para isto, desde a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organízanse constantemente cursos para o profesorado, como é o caso do que se impartirá en Pontevedra sobre Elaboración de guías docentes. Da man da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Rosa Pino Juste, o obxectivo do seminario é dominar as estratexias básicas de elaboración de guías docentes adaptadas ao Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS).
Enmarcado dentro do programa de Formación Permanente do Profesorado, “as sesións serán prácticas, precedidas dunha breve introdución teórica, co fin de que cada alumno poida organizar a súa materia de acordo ás novas exixencias de Boloña”, explicou Margarita Pino. Desde a definición da metodoloxía docente ata as técnicas de avaliación, ao longo de todo o curso os profesores do campus de Pontevedra reelaborarán o enfoque das materias que imparten, pasando por unha selección dos contidos, dos obxectivos por competencias e a elaboración dun plan de traballo para cada caso.

Horarios e matrícula

O curso Elaboración de guías docentes vai dirixido a todos os profesores da Universidade e conta con 25 prazas que se asignarán por rigoroso orden de inscrición. Os interesados en asistir poden formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 31 de marzo na plataforma de xestión académica Bubela da Universidade.
As clases comezarán o 1 de abril e continuarán todos os martes e mércores dese mes en horario de 11.00 a 13.00 horas.

Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS)

O ECTS é un sistema que permite medir o traballo que deben realizar os estudantes para a adquisición dos coñecementos, as capacidades e as destrezas necesarias para superar as diferentes materias do seu plan de estudos. No número de créditos (entre 25 e 30 horas por crédito) inclúese o tempo dedicado ás clases, ao estudo, ás titorías, seminarios, traballos, prácticas ou proxectos, así como as horas necesarias para a preparación e realización de exames e avaliacións. O obxectivo deste programa é facilitar a mobilidade dos estudantes mediante a utilización dun sistema de créditos común en todo o Espazo Europeo de Educación Superior.