DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reigosa, López e Abalde reuníronse con Ana Pontón na sede do Parlamento galego

Os reitores e a portavoz nacional do BNG esixen o cumprimento “estrito” da lei ante a tramitación da universidade privada de Abanca

Defenderon a capacidade do sistema público para dar solución á demanda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/05/2021

Os reitores das tres universidades galegas mantiveron este luns unha xuntanza de traballo coa portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, na sede do Parlamento galego na que esixiron de maneira conxunta o cumprimento “estrito” da Lei Galegas de Universidades ante a inminente tramitación do proxecto de lei de creación da Universidad Intercontinental de la Empresa, a primeira universidade privada de Galicia e que está impulsada por Abanca. Neste senso, fíxose fincapé en que non só “preocupa” que se poidan duplicar titulacións –algo que non permite a lei galega, que especifica que estes proxectos deben ter un carácter complementario-, senón tamén a posible “perda de calidade” e a desvalorización do concepto de ensino universitario.

Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo;  Antonio López, da de Santiago de Compostela, e Julio Abalde, da de Coruña –que, por motivos de axenda asistiu de xeito telemático-  mantiveron nesta xuntanza unha posición común das tres universidades galegas na que se defende a capacidade do sistema universitario público para dar solución á demanda, tanto do alumnado como do tecido empresarial e profesional, e se recorda que as tres universidades están a traballar na mellora constante da oferta de titulacións, tanto de grao como de mestrado.

Nesta liña o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, fixo fincapé en que nestes momentos as tres universidades galegas, “públicas e as que poden acceder todos os galegos e galegas”, teñen un nivel de calidade “moi alto” e unha gran fortaleza, malia pasar por certas debilidades económicas que os reitores agardan que se poidan corrixir no seguinte plan de financiamento.

Forte oposición do BNG ao proxecto de Abanca

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou aos reitores das tres universidades a oposición do BNG á creación desta universidade privada, por considerar que non se pode facer negocio coa educación. “O Bloque non vai apoiar nunca que se especule co dereito á educación, nin que se faga da educación un negocio máis”, indicou a líder nacionalista, que insistiu nas “dúbidas” sobre a legalidade do proxecto, posto que a oferta anunciada polos promotores da iniciativa duplica grados e titulacións xa existentes, en casos con apenas unha diferencia na denominación, recalcando que a lei recolle expresamente que a oferta ten que ser complementaria e non pode ser redundante.

Para Pontón, “tras permitirlle un pelotazo coas caixas, agora o PP regálalle a Abanca unha universidade para que siga facendo negocio, con taxas que oscilan entre os 7.500 e os 11.800 euros anuais”, tarifas polas que a portavoz do Bloque interpela ao xefe do Executivo: “cantas familias poden pagar 30.000 ou 40.000 euros só en matrícula para que os seus fillos e fillas estuden na universidade?”, nunha Galiza onde os salarios están por debaixo da media do Estado, “e pregúntolle se pensa que debe formar parte das súas prioridades, en plena crise económica e social, lexislar para unha minoría cando hai tantos problemas que atender”.

“Preocupa especialmente” que se desvalorice o ensino universitario

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo lembrou o acordo que foi aprobado por todos os órganos de goberno da UVigo no que se se require que se cumpra “estritamente” a legalidade e, neste senso, indicou que as dúbidas que esperta esta proposta de universidade privada, “que son compartidas polas tres universidades”, xa foron trasladadas ao Consello Económico e Social, e agárdase “que se poidan corrixir aqueles aspectos que teñen que ver co cumprimento da lei galega, máis estrita neste senso que a lexislación estatal”. 

A maiores das cuestións legais, Antonio López, da USC, subliñou que “preocupa especialmente”, que o que se faga dende o ensino universitario privado teña a mesma calidade, tanto en docencia como en investigación, que o que vén facendo desde o sistema universitario público. “Non nos preocupa tanto ter que competir cunha iniciativa privada, pero si que se desvalorice o concepto de ensino universitario, si ese servizo se presta  nunhas condicións que non son equiparables ás que estamos facendo dende a universidade pública, xa que isto danaría de maneira grave o conxunto do sistema”, recalcou López, quen aproveitou este acto para demandar que “agora que tanto se escoita que hai que apostar pola ciencia e polo coñecemento” e hora de apostar máis que nunca polo sistema universitario público.

Fondos europeos e captación de talento

Durante a xuntanza tratáronse tamén algunhas cuestións de futuro, neste sentido Reigosa amosouse rotundo coa idea de que “a universidade galega ten e debe xogar un papel importante no desenvolvemento futuro do país, a través da investigación, o desenvolvemento e tamén da formación dos nosos egresados”, ao que engadiu que a sociedade galega vive un momento clave no que os fondos europeos, tanto Next Generation como outras convocatorias, van xogar un papel importante. “Nós pomos o sistema universitario a disposición da comunidade galega para poder ser máis fortes e atraer investimentos de futuro cara á comunidade”, subliñou Reigosa.

Outro temas que se abordaron durante a xuntanza foron os relativos á captación de talento.  Neste sentido o reitor vigués subliñou que as universidades agardan contar no futuro con algunha ferramenta que lles permita captar eses talento, tanto a nivel internacional como estatal. “Estamos entre as mellores universidades de España pero queremos competir dun xeito totalmente internacional e seguir fortalecendo o sistema público das universidades galegas porque estamos convencidos de que isto é o que máis lle convén a Galicia”, recalcou Reigosa.