DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade estrea este venres unha felicitación virtual deseñada por estudantes

Os trasgos espallan nos campus o espírito do Nadal

Esgotadas as entradas para o concerto da Orquestra Sinfónica Vigo 430 no Auditorio Mar de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 14/12/2018

O Nadal está á volta da esquina e con el multiplícanse as felicitacións e os desexos de feliz aninovo, tamén na Universidade de Vigo, onde este ano se contará coa axuda duns personaxes moi particulares, catro trasgos que serán os encargados de espallar o espírito destas festas entre toda a comunidade universitaria. Falamos da nova felicitación de Nadal, unha pequena animación elaborada por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación coa que encher de boas vibracións estes días.

“A nosa pretensión é enviar a toda a comunidade universitaria unha mensaxe de Nadal nun ton moi cálido e lixeiro, sen a carga habitual institucional nestas datas no mundo da academia”, apunta a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, quen explica que os catro personaxes que protagonizan a felicitación representan catro ámbitos do coñecemento: o humanístico, o xurídico-social,  o científico e o tecnolóxico. “Somos conscientes de que falta un ámbito, que, como está de garda, vaise incorporar un pouco máis tarde a esta campaña”, adiantou a vicerreitora, deixando entrever que a peza contará cunha segunda parte que se dará a coñecer dentro duns días. “Sen dúbida trátase de transmitir o espírito do Nadal dun modo animado en todo o amplo sentido do termo”, recalca a vicerreitora.

Detrás desta felicitación-que se vai divulgar a través da propia web da institución e das súas redes sociais- están os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas Ángel Bonet e Miguel Bianchi, que foron os encargados de materializar a idea que se lles propuxo dende a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Éxito de demanda do tradicional Concerto de Nadal

Ademais de con esta felicitación, a benvida oficial a estas festas na Universidade de Vigo será este sábado coa celebración do tradicional Concerto de Nadal. A cita será este ano no Auditorio Mar de Vigo e correrá a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430, que ofrecerá o concerto Symphonic Aysedeniz: a rock journey for piano and orchestra, un espectáculo para o que a comunidade universitaria xa esgotou todas as prazas dispoñibles, polo que se encherán as 1500 localidades da sala. 

A partir das 20.30 horas os máis de 50 integrantes da Orquestra Vigo 430, baixo a dirección de Carlos Rodríguez, acompañarán á pianista turca AyseDeniz Gökçin nunha actuación que xirará arredor de pezas froito do arranxo para orquestra de temas de bandas icónicas do rock das últimas décadas, como Coldplay, Muse, Queen ou Pink Floyd.