DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As propostas gañadoras coñeceranse o venres 26 nunha gala presentada por Tanxugueiras

Os V Premios Youtubeiras disputaranse este ano entre 35 finalistas

O xurado, do que forma parte Fernando Ramallo, destaca "o aumento da calidade técnica e de contido"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Cultura
DUVI 16/11/2021

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, xa teñen finalistas para as súas 12 categorías. En total, 35 propostas disputaranse os galardóns desta quinta edición e as persoas gañadoras daranse a coñecer o próximo venres 26 de novembro. Ese día, ás 20.00 h, a casa da cultura de Bertamiráns, en Ames, acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras, que presentará o grupo Tanxugueiras. Desta quinta edición dos galardóns, a organización destaca dous trazos fundamentais comúns dos vídeos e canles participantes nesta edición: un “notable aumento na calidade técnica e de contidos” e “unha importante ampliación das temáticas tratadas”. Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha “comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación”. Explicouno así Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, na rolda de prensa para presentar a gala e anunciar a relación de finalistas, na que tamén participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, e o grupo Tanxugueiras. 

Deliberacións do xurado

O xurado, constituído polo director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, reuniuse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalistas en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polos/as internautas nas redes sociais de Youtubeiras. Segundo a acta, o xurado valorou positivamente tanto “a cantidade como a calidade” das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega”. 

As deliberacións do xurado determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros, ademais, aspiran xunto a O Son das Ideas a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese whit Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua. Estes tres galardóns contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500. Para o Premio do Público, os finalistas son: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego; Amemos o noso,de Xabi Gómez, e El cuarteto de IBAI” - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA),Feat. Dani Piñeiro de Fica coa Bola

As propostas que acaparan o maior número de finalistas son as seguintes: Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade). A catro galardóns opta Neeumátiko (canle, youtubeira, calidade lingüística, impacto) e tamén Cousxs (youtubeira, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).  

Dobre protagonismo para o grupo Tanxugueiras

Pola súa banda, o grupo Tanxugueiras ten un duplo protagonismo nestes Premios Youtubeiras, xa que ademais de protagonizar o vídeo finalista de Couxas, presentará a gala de entrega do vindeiro venres 26 de novembro. Dende Tanxugueiras, sinalaron esta mañá ante os medios que a gala será neste 2021 eminente musical sen querer adiantar moitos máis detalles para sorprender o público que acuda á casa da cultura de Bertamiráns. Tanxugueiras unirase así a, Iria Ponheiro, Patricia de Lorenzo ou a compañía teatral A Panadaría na lista de artistas e formacións que nos últimos anos presentaron a gala dos Premios Youtubeiras,