DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo e Flucomp

Ourense acolle o Terceiro Encontro Ibérico de Fluídos Supercríticos

Conta coa participación de arredor de 80 especialistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 22/07/2024

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolle desde este luns 22 e ata o 24 de xullo o Terceiro Encontro Ibérico de Fluídos Supercríticos (EIFS2024). O evento está organizado polo Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo e por Flucomp (Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos de España) e conta coa participación de arredor de 80 especialistas, principalmente da península ibérica pero tamén doutros países.

O comité organizador está encabezado por parte da Universidade de Vigo polo persoal investigador Herminia Domínguez, Mª Dolores Torres, Noelia Flórez, Beatriz Díaz e Andrés Moure. Completa o panel organizador membros da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Coimbra (Portugal). Na súa inauguración, a cargo de Herminio da Sousa, José Ángel Vázquez, José María Labo, Ignacio Gracia e Hermina Domínguez, destacouse este luns a dilatada traxectoria investigadora do Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible e a relevancia da cita que estes días acolle a cidade de Ourense.

Diversidade temática

O obxectivo deste encontro é "a difusión da investigación científica de alta calidade realizada actualmente en España e Portugal sobre unha ampla gama de temas fundamentais e aplicados sobre fluídos e procesos supercríticos". Tamén pretende "reunir, fortalecer e crear novos lazos e colaboracións entre a comunidade investigadora ibérica e a industria que traballa nestes temas", así como apoiar ás e aos novos investigadores ibéricos deste eido. A cita abarca un amplo espectro de temas relacionados cos fluídos supercríticos en forma de sesións plenarias e presentacións orais/pósters seleccionados.

A diversidade de temas de interese é moi ampla e abrangue áreas como a termodinámica, equilibrio de fases e fenómenos de transporte; propiedades dos fluídos a alta presión; extracción, fraccionamento e secado e reaccións e biorrefinería de fluídos supercríticos. Tamén inclúe entre os temas de interese a produción de partículas; materiais e biomateriais; produtos e aplicacións (analítica, alimentación e nutracéutica, farmacéutica, biomédica, catálise, construción, petróleo e gas, etc.) e aplicacións industriais e escalado. A conferencia inaugural correu a cargo de Mª José Cocero, catedrático da Universidad de Valladolid, e nela abordou as contribucións á descarbonización da industria mediante a transformación de biomasa en produtos químicos.