DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Nanjinganthus dendrostyla' remóntase ao Xurásico temperán, hai 174 millóns de anos

Paleontólogos da Universidade participan no descubrimento en China dun fósil que adiantaría en 50 millóns de anos a orixe das flores 

José Bienvenido Diez e Manuel García participaron no estudo da nova especie

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 18/12/2018

A plataforma para a comunicación da investigación eLife publica hoxe An unexpected noncarpellate epigynous flower from the Jurassic of China (Unha flor inesperada do Xurásico en China), un artigo que dá conta do descubrimento en China de espécimes fósiles dunha flor denominada Nanjinganthus dendrostyla, que se remontan ao Xurásico temperán, hai máis de 174 millóns de anos, o que adiantaría a orixe das flores 50 millóns de anos antes do que se pensaba ata o de agora. O articulo de acceso aberto, froito dun traballo desenvolvido durante case tres anos, está coordinado polo investigador Xin Wang, da Chinese Academy of Sciences e asinado por outros 10 científicos, sete de centros de investigación asiáticos, un australiano, e polos investigadores do Grupo XM-3 Basan Group da Universidade de Vigo José Bienvenido Diez e Manuel García Ávila. Así mesmo, no traballo previo de datación palinoestratigráfica participou o doutorando Artai Antón Santos.

“O descubrimento de Nanjinganthus supón a necesidade de reformular a historia evolutiva das plantas. Clasicamente aceptábase que as primeiras anxiospermas aparecían a finais do Cretácico Inferior (arredor de 130 millóns de anos)”, explica Diez, que lembra que Darwin xa se refería a este fenómeno como “o abominable misterio”, pola diversificación que de xeito explosivo e nun curto período de tempo presentaban as anxiospermas. Aínda que ata o de agora se pensaba que as anxiospermas tiñan unha historia de non máis de 130 millóns de anos, con anterioridade ao traballo publicado hoxe algunhas autoras e autores xa apuntaran a posibilidade que agora o descubrimento de Nanjinganthus dendrostyla suxire. “Diversos traballos de bioloxía molecular propoñen que a orixe das anxiospermas podería remontarse a principios do Mesozoico. Ademais o descubrimento dun gran de pole de anxiosperma triásico (arredor de 240 millóns de anos) e a aparición de rexistros de insectos polinizadores desde o Triásico Superior redundarían na mesma liña”, apunta o investigador da Universidade de Vigo. 

Pola súa banda, o coordinador do artigo, o investigador do Instituto de Xeoloxía e Paleontoloxía de Nanjing, Xin Wang sinala que “a orixe das anxiospermas foi durante moito tempo unha dor de cabeza académica para moitos botánicos. O noso descubrimento impulsa o campo da botánica e permitirá unha mellor comprensión das anxiospermas”, explica Wang.

264 espécimes de case 200 flores conservadas en 34 bloques de rocha 

Nos tres anos ao longo dos que se prolongou o traballo o equipo estudou 264 espécimes de 198 flores individuais conservadas en 34 bloques de rocha da formación South Xiangshan, un afloramento na rexión de Nanjing en China, famosa por conter fósiles da época do Xurásico Temperán. A abundancia de mostras de fósiles utilizadas no estudo permitiu aos investigadores analizar e estudar algunhas delas con microscopía sofisticada, achegando imaxes de alta resolución das flores desde diferentes ángulos e con distintos aumentos, para logo empregar esta información detallada sobre a forma e estrutura das diferentes flores fósiles para reconstruír as características de Nanjinganthus dendrostyla

A reconstrución da flor permitiu atopar un recipiente en forma de copa e un teito ovárico, que en conxunto pechan os óvulos/sementes, unha característica que confirma o estado da flor como unha anxiosperma e, aínda que hai informes de anxiospermas das épocas do Xurásico Medio-Tardío no noroeste de China, hai características estruturais de Nanjinganthus que a distinguen doutros espécimes e suxiren que é un novo xénero de anxiosperma. Tras este achado, o equipo quere agora entender se as anxiospermas son monofiléticas, o que significa que Nanjinganthus, ou ben representa un grupo de que dá orixe a todas as especies posteriores, ou polifilética, polo que representaría un canellón sen saída evolutiva. “O traballo sempre é continúo e agora cómpre contextualizar e fixar, desde un punto de vista taxonómico e evolutivo os novos datos”, explica José Bienvenido Diez, que tamén incide na necesidade de revisar as coleccións e observar con outra perspectiva o rexistro coñecido e reformular a filoxenia das plantas con flor.

Unha colaboración entre China e Vigo que se remonta catro anos

A participación dos investigadores da Universidade de Vigo no traballo que hoxe se publica en eLife insírese na colaboración que desde hai a catro anos manteñen a institución académica viguesa e o Instituto de Xeoloxía e Paleontoloxía de Nanjing, materializada nun convenio asinado en setembro do ano 2014. “A partir dese intre comezamos unha serie de colaboracións para o estudo do rexistro fósil de floras mesozóicas, que xa se materializou en dúas publicacións, ademais de colaborar con estudos de campo, análises palinoestratigráficas, identificación de macrofloras e estudos ultraestruturais de cutículas e palinomorfos”, detalla Diez, que lembra que o coordinador do artigo que hoxe viu a luz, Xin Wang, realizou varias visitas e unha estancia na Universidade de Vigo.

Nos próximos anos a colaboración entre ambas institucións continuará con novos traballos con floras fósiles chinesas e españolas.