DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Álvaro López Mira publica unha edición ampliada de ‘Sistema político español e galego’

A panorámica do sistema político tralo “terremoto” que rachou co bipartidismo

O libro céntrase tanto nas institucións como nos axentes políticos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/06/2018

Tanto no conxunto de España como nun bo número de autonomías, os últimos anos viron marcados por “un terremoto no sistema de partidos” que rachou co bipartidismo e “que acaba traspasándose tamén á esfera institucional e ao goberno”, salienta o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 Álvaro Xosé López Mira, que fai balance destes anos de cambios nunha nova edición ampliada do seu libro Sistema político español e galego. Publicado por primeira vez no ano 2010, o manual co que este docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación trataba de achegar dun xeito accesible ao funcionamento das principais institucións e axentes do sistema político español e autonómico, aborda así mesmo na súa terceira edición os diferentes procesos electorais que tiveron lugar desde a súa última versión en 2015, “que non foron poucos”, ao igual que os cambios que tiveron lugar noutros actores máis aló dos partidos, como é o caso do sistema financeiro.

“A única comunidade autónoma onde se mantén un goberno monocorde con maioría absoluta é xustamente Galicia”, engade López Mira respecto desa “transformación case cataclísmica que houbo no sistema de partidos, propiciado sen dúbida pola crise económica, polo movemento dos indignados e todas as secuelas posteriores...”, e que como recoñece “merecía ser obxecto de especial atención” nesta edición ampliada do libro que publica Andavira Editora dentro da colección de ciencia política e da administración, que desenvolve co Observatorio da Gobernanza G3. Un libro que, explica, “nace en primeiro termo” co propósito de axudar ao alumnado do grao en Dirección e Xestión Pública, ante a “ausencia de materiais específicos” que engloben nun mesmo texto o funcionamento do sistema electoral, das institucións e dos actores políticos.

Articulado en catro bloques, Sistema político español e galego detense en primeiro termo na historia e na evolución do sistema político español, para logo abordar as súas institucións, Constitución e organización territorial. Un terceiro bloque trata a dinámica política e o sistema de partidos, xunto co modelo electoral e o papel de diferentes grupos de presión, mentres que a cuarta parte céntrase no caso concreto do sistema político galego, as súas institucións e actores protagonistas. 

Da teoría á realidade

“A ciencia política é a ciencia da realidade”, sostén López Mira, que no propósito de que o libro sirva para que o alumnado poida facerse “un mapa mental” do sistema político aborda tamén nesta publicación como “non necesariamente o que indica a Constitución, o que indica o Estatuto de Autonomía, o que indican en xeral as leis, é o que se plasma na realidade”. Como exemplo disto, o investigador incide en como a Constitución “di que o sistema electoral para o congreso é de tipo proporcional, pero no texto demostramos que é un sistema de tipo maioritario que beneficia claramente á forza política máis votada e infrarrepresenta ás sucesivas forzas políticas”. Do mesmo xeito, o volume tamén achega unha serie de datos fronte á idea de “que o poder lexislativo é o parlamento e que, polo tanto, debe ser o parlamento o que fai as leis”, xa que, indica, “o gran lexislador en España, e é tamén así noutros países”, é o poder executivo, o Goberno, a través dos decretos lei e da presentación de proxectos de lei, que nalgunha das lexislaturas analizadas no manual sumaban unha cifra dez veces superior ás proposicións lexislativas tramitadas polas cámaras que partían da iniciativa do propio parlamento. 

Análise do modelo autonómico

Nun libro que aborda desde aspectos históricos á política exterior, López Mira detense tamén no modelo territorial “e as causas polas que se producen movementos centrífugos como o que neste momento hai en Cataluña”, que recentemente abordaba tamén no monográfico que a Revista de Dereito Político que edita a UNED dedicou ao 40 aniversario da constitución. El modelo autonómico español como antídoto del federalismo é o título do artigo no que este investigador contrapón o modelo autonómico ao federalismo. “Entendeuse erroneamente que federalismo era equivalente a separatismo, cando como doutrina é xustamente o contrario. Entón, intenta paliarse cun modelo, que á volta dos anos se ve como absurdo, de café para todos, que intenta frear os ímpetos descentralizadores sobre todo de cataláns e vascos dándolle autonomía incluso a aqueles que non a pediron”, apunta López Mira que aborda así mesmo na súa análise como “desde o principio optouse por unha interpretación restritiva do estado autonómico” en lugar de por unha “de tipo federal”, o que o leva a concluír á que, coas excepcións de Euskadi e Navarra “onde si existen elementos confederais”, o modelo autonómico deu pé “máis a unha descentralización administrativa que política”.