DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso, dun mes de duración, ten a matrícula aberta ata o 4 de setembro

O PAS aprenderá a realizar publicacións dixitais profesionais

A docencia achegaraos ao deseño, autoedición e maquetación con Scribus

Etiquetas
  • PAS
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 30/06/2020

Scribus é un programa de software libre creado para o deseño de publicacións, a composición tipográfica e a preparación de arquivos para equipos de configuración de imaxes de calidade profesional. Para que o persoal de administracións e servizos da UVigo poida coñecer o seu funcionamento, no mes de setembro terá lugar un curso formativo de 20 horas en colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG).

O obradoiro permitirá ás persoas asistentes aprender deseño, autoedición, maquetación e diagramación con Scribus para realizar publicacións dixitais profesionais. O curso terá unha duración de 20 horas e desenvolverase entre o 14 de setembro e o 16 de outubro de xeito virtual. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o  4 de setembro e esta deberá realizarse a través da plataforma Bubela.

Catro bloques de actividades para iniciarse en Scribus

A actividade, impartida polo enxeñeiro informático Óscar Fernández, desenvolverase en liña a través da aula virtual Cixug e dividirase en catro bloques, comezando por unha introdución ao curso e ao software libre e non libre tratando temas como o creative commons, a obtención de recursos libres, os software DTP... A segunda parte do curso, xa enfocada a Scribus, fará fincapé en explicar aspectos como a inserción básica de imaxes ou de textos doutros documentos, os estilos de parágrafos, a xestión de ficheiros e proxectos, a inserción de novas páxinas, a configuración básica da contorna, os menús contextuais, os paneis de propiedade, o control de fluxo de textos, o traballo con capas, as formas xeométricas etc. O terceiro bloque abordará xa a maquetación avanzada explicando as xestións de cor, a creación de índices, as guías e táboas de maquetación, as formas complexas de traballar con polígonos e conversións a cadros de texto... Finalmente, no último apartado explicarase como facer unha exportación a pdf, a formatos de imaxe ou a outros formatos, ou distintas opcións avanzadas de impresión.

Realización mínima do 80% das actividades para recibir un certificado acreditativo

Unha vez rematado o curso, o alumnado deberá ter realizado certas actividades específicas e superado unha proba de aptitude para recibir o certificado acreditativo. Para iso, o obradoiro contará con diversas avaliacións ao longo da súa docencia que constarán dunha proba ao final de cada tema e un exame ao remate do curso. De non ter realizado polo menos o 80% destas actividades, a ou o participante será penalizado perdendo o dereito de ser admitido durante un prazo de seis meses a calquera curso que se convoque, agás no suposto de que queden prazas vacantes. Esta mesma penalización tamén se aplicará a aqueles que, unha vez admitidos ao curso pero que queiran renunciar a el, non avisen cunha antelación mínima de dous días hábiles á data de comezo.