DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos informes favorables dos responsables das unidades e do SPRL, respectivamente 

O PAS con cargas familiares e de grupos vulnerables poderá seguir desenvolvendo traballo non presencial ata mediados de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 26/06/2020

A poucos días de que se cumpra o final da terceira fase do protocolo que establece o retorno á actividade presencial na Universidade de Vigo, a Xerencia fai pública unha instrución con medidas aplicables ao persoal de administración e servizos (PAS) con cargas familiares ou pertencente a grupos vulnerables, que será aplicable a partir do 1 de xullo. Se o persoal da institución académica viguesa que non se atopa nalgunha destas dúas situacións se foi incorporando de xeito progresivo aos seus postos de traballo desde o 11 de maio e continuará facéndoo ata o 30 de xuño, o PAS con menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo e os que pertencen a grupos vulnerables  para a Covid-19 (diabetes, enfermidade cardiovascular e pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos) poderán seguir a desenvolver a súa actividade profesional de xeito non presencial, ata os tres meses posteriores á finalización da vixencia do estado de alarma en Galicia, é dicir ata mediados do mes de setembro.

Mentres as condicións aplicables ao PDI con cargas familiares ou que pertenza a un grupo vulnerable á Covid-19 estanse a negociar, o persoal de administración e servizos da UVigo poderá, no caso das persoas que teñan ao seu cargo menores de 12 anos ou maiores dependentes, desempeñar o seu traballo de forma non presencial, sempre que sexa posible, co informe favorable do responsable da unidade na que presta servizo, ata os tres meses posteriores á finalización da vixencia do estado de alarma. A instrución de Xerencia sinala tamén, que nos supostos en que este persoal, pola natureza das súas funcións, non poida prestar servizos a distancia, a persoa responsable do servizo deberá organizar as quendas, rotacións ou adaptación horaria dese persoal para facilitar a conciliación da súa vida familiar e laboral. 

A instrución, que apunta que se os dous proxenitores dos menores teñen a condición de empregados ou empregados públicos non poderán gozar desta medida simultaneamente, fixa que o persoal deberá presentar as correspondentes solicitudes ante a Xerencia, acreditando documentalmente as circunstancias concorrentes. Así mesmo, deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non hai outra persoa que poida facerse cargo do coidado do menor ou do maior.

Informe emitido polo SPRL para os grupos vulnerables

No caso do PAS incluído nos grupos vulnerables poderá prestar os seus servizos de forma non presencial, tras o correspondente informe do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e sempre que a natureza dos seus servizos o permita e ata os tres meses posteriores á finalización da vixencia do estado de alarma. Ademais, este colectivo poderá traballar de xeito presencial coas medidas recomendadas polo SPRL e co informe favorable do responsable da súa unidade, debendo comunicar á Xerencia a forma na que vai desenvolver as súas funcións.