DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro do profesor Alberto Ruiz de Samaniego afonda na obra do director e poeta italiano

Pasolini baixo o sol do deserto

O volume reflexiona sobre a influencia da pintura na súa linguaxe cinematográfica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cine
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/02/2020

“A súa achega estética, como poeta e como director de cine, é extraordinaria e moi singular, non ten nada que ver con case nada do seu tempo nin do de agora”. Deste xeito subliña o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego a relevancia do cineasta, poeta e ensaísta italiano Pier Paolo Pasolini (1922-1975), cuxa obra e traxectoria é analizada por este investigador, crítico e comisario no libro El lugar era el desierto. Publicado pola editorial Shangrila, o volume reúne tres ensaios nos que Ruiz de Samaniego reflexiona sobre a influencia da pintura na súa linguaxe fílmica, sobre a súa “poética cinematográfica” e sobre “a alegoría de carácter teolóxico-político” que trazou no filme Teorema.

“Pasolini é unha das figuras máis importantes dos últimos 50 anos”, defende o profesor de Estética, que reuniu neste volume tres textos independentes, pero que “comparten a mesma atmosfera”, vinculada con esa idea do deserto reflectida no título do libro. Idea coa que Ruiz de Samaniego fai referencia a un tipo de iluminación característica do seu cinema, á que o propio director se refería como “sol exipcio”. Asemade, esa idea do deserto alude tamén, dun xeito metafórico, a “unha proba extrema de habitar, que convoca toda a sensación de soidade, a sensación de camiñar polo deserto” dun “poeta que se amosa a si mesmo a través dos seus materiais” e que "foi visto moitas veces como un home intempestivo”. A pesares diso, lembra o investigador, “Pasolini observa xa nos anos 60 procesos de transformación brutais nos modelos de sociedade que se farán evidentes 30 anos máis tarde”. 

Do bosquexo cinematográfico aos planos pictóricos

Con prologo do investigador e cineasta José Manuel Mouriño e completado polas ilustracións que para cada un dos textos realizou o artista valenciano Miguel Borrego, o volume ábrese con El sueño de un film, un ensaio no que Ruiz de Samaniego analiza a estética cinematográfica de Pasolini a partires dos chamados “apuntes cinematográficos” do autor italiano. Nesta serie de pezas reúnense tanto gravacións de viaxes, como imaxes “apropiadas” de telexornais ou mesmo materiais “para un filme futuro que nunca se chega a facer”, que o propio cineasta vai comentando, exercendo como narrador dunhas pezas que “cuestionan o concepto de obra pechada, unitaria” e supoñen “a creación en certa medida dun novo xénero, que é o bosquexo cinematográfico”. 

Nun segundo ensaio, Ruiz de Samaniego pon en relación o filme e o libro Teorema cos acontecementos de maio de 1968, ano no que se estreou unha longametraxe “na que aparece referenciada dunha maneira moi clara todo o ambiente estudantil e rebelde, cunha visión bastante crítica”. O docente e escritor reflexiona neste ensaio respecto da “alegoría de carácter teórico-político” que Pasolini presenta nun filme que amosa as “perturbacións” que a chegada dun estraño, “dun ente anxélico”, produce nunha familia da alta burguesía milanesa. 

O volume péchase con Como si el objetivo se moviese sobre un cuadro. La Pasión pictórica de Pasolini, un ensaio que afonda na súa relación coa pintura. O cineasta, lembra Ruiz de Samaniego, “dixo en moitas ocasións que a súa verdadeira influencia, que a súa forma de entender a imaxe e o plano, viña determinada polos retablos do Trecento do norte de Italia”. O texto afonda así mesmo na influencia que para Pasolini, que exerceu tamén como crítico, pintou e debuxou, supuxo ser alumno de Roberto Longhi, “o historiador e crítico de arte máis importante de Italia no século XX” e cuxa forma de impartir as clases “é fundamental para entender o estatuto da imaxe en Pasolini”. Nese senso, Ruiz de Samaniego sinala no texto a filmes como Acattone, a súa primeira longametraxe, para pór o acento como en moitas ocasións os seus planos “son moito máis pictóricos que dinámicos” e como en diferentes ocasións pode observarse nestes “a influencia directa de obras de arte”.