DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será o xoves 13 de decembro

O Pavillón de Deportes acollerá unha Master Class Solidaria de Zumba

As persoas interesadas en participar teñen que doar un xoguete ou un quilo de alimentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 11/12/2018

A Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense e AQA Ourense organizan o xoves 13 de decembro unha Master Class Solidaria de Zumba. As persoas que desexen participar, sexan ou non membros da comunidade universitaria, só teñen que traer un xoguete ou un quilo de alimentos. A cita, aberta a todas as persoas interesadas, será no Pavillón de Deportes do campus de 20.00 a 21.00 h.

Segundo explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, a cita “é xa unha tradición nos últimos anos”. O seu obxectivo, apunta, é contribuír coas doazóns que se acaden á campaña de recollida de alimentos, xoguetes e libros que se organiza cada ano no campus de Ourense en colaboración co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. Dúas monitoras serán as encargadas de guiar a sesión na que desde a organización sinalan que agardan repetir o centenar de participantes de edicións anteriores. Para acadalo, desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte animan aos usuarios tanto dos seus servizos como de AQA Ourense como ao resto da comunidade universitaria e persoas interesadas a achegarse o xoves a esta actividade solidaria.  

Campaña de recollida de Nadal nos edificios

Para aqueles e aquelas que non se poidan achegar a participar nesta actividade pero que queiran colaborar coa campaña de recollida solidaria de alimentos, xoguetes e libros no campus, desde a Oficina de Voluntariado lembran como ata o día 14 de decembro, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral pode deixar as súas doazóns nos espazos habilitados á entrada de cada edificio universitario. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer.

As entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan aceite, leite, conservas, alimentos infantís e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas. Os puntos de recollida de ambos produtos están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro.