DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso da Área de Formación e Innovación Educativa, centrado en software libre 

O PDI formarase de xeito virtual na creación e tratamento de imaxes

A inscrición permanece aberta ata o 15 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 27/03/2020

Achegar as e aos participantes unha serie de nocións sobre edición e retoque de fotografías e creación de imaxes de mapas de bits é o obxecto central do curso virtual Creación e tratamento de imaxes, que a Área de Formación e Innovación Educativa promove no marco do Programa de Formación Permanente do PDI. Aberto a un máximo de 20 participantes, o obradoiro, que pechará o 15 de abril o seu prazo de matrícula, está destinado ao persoal docente e investigador, aínda que poderán tamén participar outras persoas interesadas no caso de quedar prazas libres.

Cun período de docencia dun mes, que comezará o 4 de maio, a actividade ten como obxectivo “achegar os usuarios á edición de fotografías e imaxes de mapa de bits, adquirindo habilidades básicas para retocar, mellorar, adaptar e crear composicións fotográficas dende cero”, como sinala o seu responsable, o enxeñeiro informático Óscar Fernández. Desta forma, o alumnado non só adquirirá nocións básicas sobre programas de edición, senón sobre aspectos concretos de retoque fotográfico. 

Traballo con programas como Gimp, Krita, Scribus e Inkscape

No curso, o alumnado traballará principalmente co programa de edición de imaxes Gimp, “un software potente, flexible e accesible, aínda que tamén se farán alusións a outros programas como Krita, Scribus e Inkscape, todos eles de software libre”, sinala Fernández. Con máis de 15 anos de experiencia na docencia relacionada coas TIC, o responsable de impartir este curso, destaca neste senso a importancia de que  “en centros de formación públicos como as universidades, debería ser imprescindible o uso deste tipo de software, xa que fomenta o coñecemento no seu máximo expoñente e, por outra banda, supón un aforro económico considerable”.

Grazas ao seu carácter virtual, esta actividade formativa non se verá afectada pola suspensión da actividade docente presencial decretada co propósito de frear a expansión do coronavirus. Levarase a cabo a través da plataforma docente da Universidade e estruturarase en varias unidades didácticas, que contarán, para a súa parte teórica, con documentos dixitais, vídeos e material complementario. “O curso comezará con tarefas básicas como aprender a corrixir os ollos vermellos nunha fotografía, endereitar e encadrar imaxes, realzar cores..., para pouco a pouco ir aumentando a complexidade dos traballos”, salienta Fernández. Tamén se abordarán outros aspectos como “a busca e obtención de imaxes, aprender a diferenciar entre imaxes de mapas de bits e vectoriais, saber cando usar unhas ou outras e como integralas nunha mesma composición, e incluso como transformar unhas imaxes dun tipo noutro”, engade o docente do curso. Así mesmo, co obxectivo de abordar as posibles dúbidas do alumnado, habilitarase un foro de discusión.

Un mínimo de dez horas de aprendizaxe

No relativo á avaliación, Fernández explica que cada tema contará cunha proba na súa parte final, ás que se sumará un exame final ao remate da formación. Porén, para a avaliación non se terán só en conta as cualificacións obtidas nestas probas, senón que tamén se medirá o tempo de conexión á plataforma de cada participante, que deberá ser cando menos de dez horas.