DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha mostra sobre estes xoguetes tradicionais

O peón, un mundo de amigos

Está organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/05/2019

O peón, un mundo de amigos. Con este título preséntase unha exposición didáctica sobre as buxainas organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que desde esta semana acolle a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. O seu obxectivo é dar a coñecer e valorizar este elemento da cultura popular aos futuros e futuras docentes que se forman neste centro.

Situada fronte ao Seminario da Paz, no segundo piso do Edificio de Ferro, a mostra consta de paneis explicativos nos que se ofrece abundante información sobre os peóns. A través deles o público pode coñecer as orixes históricas da buxaina, a súa presencia na antigüidade e nos diferentes países, a súa evolución desde a Idade Media ata a actualidade e a súa universalidade. As persoas interesadas tamén poden coñecer como se fabrican estes xoguetes, os tipos de peóns que hai, as diferentes formas de xogar con eles e ata a súa presenza en Internet. Completando esta mostra, no propio Seminario da Paz hai unha pequena selección de peóns tradicionais cos as persoas que visitan a mostra poden aprender a xogar.

A iniciativa, que se prolongará ata finais do mes de maio, enmárcase nas actividades que organiza cada ano o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, creado en 2004, e que teñen como obxectivo contribuír a recuperar, divulgar e revitalizar os xogos populares, neste caso os peóns. Como facultade na que se forman futuros profesores e profesoras, transmisores da cultura, desde o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo quixeron achegar esta mostra á Facultade de Ciencias da Educación aproveitando ademais o feito de que dous alumnos de Educación Social do campus están na actualidade a realizar as súas prácticas na entidade.