DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante de doutoramento Sofía Venzel é autora e ilustradora do libro infantil 'El Sur'

Perder o norte e atopar o sur

Está a traballar nunha tese sobre a literatura infantil rusa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI 18/06/2019

O sur, ese lugar no que o verán é eterno, ese destino imaxinario no que todo funciona do revés e ao que se chega tras unha viaxe dende o norte, un percorrido no que se corre o risco de perder as raíces na procura dun soño. Ese é o punto de partida do libro Al Sur, que asina e ilustra Sofía Venzel, estudante de doutoramento na Universidade de Vigo e integrante do grupo de investigación de Literatura infantil e xuvenil. 

O volume conta a historia dun neno que vive nunha illa do norte e soña con viaxar ao sur. Observando as aves migratorias que regresan no verán e escoitando as historias de mariñeiros que lle conta seu pai, agora responsable dun faro, imaxina e fantasea co sur como un lugar idílico. Explica Venzel  que o protagonista do seu libro “desexa emprender esa viaxe de regreso cos paxaros no outono, imaxinado que moi lonxe, no sur, todo é ao revés e a vida é distinta”. O libro fala das ilusións, dos soños cumpridos, pero tamén da perda das raíces, do arraigo e do risco de perder o norte buscando o sur.

As ilustracións do libro son obra tamén de Sofía Venzel, natural de San Petersburgo, que recoñece que leva debuxando dende ben nena, no marco dunha familia de artistas, cunha nai actriz e directora e un pai escritor e artista gráfico. A pesares de continuar cultivando esta vocación plástica, decantouse xa de adulta pola lingüística, eido no que agora centra a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo.

O libro será presentado esta semana, en Pontevedra mañá mércores día 19 de xuño ás 20.00 horas na Librería Paz e en Vigo o día 21 ás 20.00 horas en Librouro. No acto, a autora estará acompañada pola escritora Eva Mejuto, profesora asociada do Máster en Libro ilustrado e animación audiovisual na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

De Rusia a Galicia, unha viaxe ao sur

Venzel explica que Al sur (Thule edicións, 2019) ten formato de álbum ilustrado, é dicir, “unha historia contada a través do texto e das imaxes” e está destinado a nenas e nenos a partir de cinco años, aínda que avanza que “vai gustar tamén ao público adulto, xa que ten unha dobre lectura”. Para Venzel este é o seu primeiro álbum ilustrado, un proxecto “moi persoal” que, como ela mesma explica, “naceu aquí, en Galicia, no seo da Universidade de Vigo, e foi inspirado tamén por Galicia, cos seus faros, o mar, o vento...”. Pero Galicia é neste caso o sur e a autora plasma no libro a súa experiencia vital que a levou de Rusia a España. “Veño do norte, de San Petersburgo, no mar Báltico, e España para nós asóciase co sur e co verán eterno”. Pero neste periplo cara o sur, Venzel quedouse en Galicia, que moitas veces por clima e carácter, lémbralle á súa cidade natal. “O que para min era o sur, para os galegos é o norte”, do mesmo xeito que “para a xente de Siria, por exemplo, a costa sur de España ten que parecer o norte afastado”.

Pero Al sur, máis aló dunha viaxe xeográfica, fala tamén de viaxes interiores e de conceptos universais que “poden ser entendidos por xente de calquera parte do mundo”, recalca a escritora e ilustradora. 

Tese sobre a literatura infantil e xuvenil da etapa soviética

Venzel compaxina a súa tarefa de investigadora na Universidade de Vigo coa súa faceta de escritora, ilustradora e pintora. Estas facetas, explica, compaxínanse “á perfección” no álbum ilustrado, que permite combinar linguaxe verbal e visual. Por outra banda, recoñece que a investigación lle axuda “a coñecer mellor o campo da literatura infantil e amplía os meus coñecementos teóricos”. En concreto na súa tese de doutoramento céntrase na literatura infantil e xuvenil do pasado soviético e de como se representa a época comunista tanto no texto coma na imaxe. “Case 30 anos despois da caída da URSS, os escritores revisan, revaloran e escriben a historia do país que deixou de existir e parece moi afastado e inexplicable para os nenos”, aínda que os seus trazos “seguen visibles na sociedade de agora”. Explica tamén que aínda que moi poucos, téñense publicados libros infantís españois que tratan da Unión Soviética no contexto da Guerra Civil española, “cando máis de 3000 nenas e nenos foron evacuados á URSS para o que ía ser unha estadía de meses, que se acabou converten en decenas de anos nun país cunha historia tráxica”. 
Como parte práctica da tese, proporá outros álbums ilustrados que agarda que no futuro tamén sexan publicados.