DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ambos reitores asinaron un convenio de colaboración

O persoal investigador da UVigo poderá empregar os servizos e recursos da Cidade das TIC que proxecta a Universidade da Coruña

Destacan que a suma das capacidades das dúas entidades beneficiará a toda a sociedade galega

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
DUVI 05/05/2021

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron un convenio de colaboración que permitirá que o persoal docente e investigador da UVigo poida facer uso dos servizos e recursos da Cidade das TIC. Este novo polo investigador está sendo en marcha pola institución herculina nas instalacións da antiga Fábrica de Armas da Coruña e converterase no futuro campus de Pedralonga.

Deste xeito, a Universidade de Vigo suma o seu apoio institucional a este proxecto que ten como obxectivo a creación dun polo TIC e de innovación dixital, cun alto compoñente de intelixencia artificial. Este centro actuará como demostrador de tecnoloxías emerxentes e como punto de apoio ao tecido empresarial, facilitando a creación e instalación de empresas do sector e contribuíndo ao crecemento e dinamización económica galega.

Neste sentido e como unha mostra máis da colaboración público-privada, reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, valorou este acordo como “moi satisfactorio para as dúas universidades e para toda a sociedade galega”. Engadiu que “o sistema universitario galego é pequeno en comparación con outros pero xuntando capacidades somos máis fortes e poderemos competir mellor”, definindo este acordo como “un exemplo de colaboración institucional coa que todos gañamos”.

Pola súa banda, o reitor da Coruña, Julio Abalde, foi o encargado de concretar os aspectos deste acordo que permitirá “afianzar a colaboración académica e científica existente xa entre os grupos de investigación da Facultade de Informática e do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC), por parte da UDC, e da Escola Superior de Enxeñaría Informática e o centro atlanTTic, pola UVigo, nun desenvolvemento conxunto de servizos e infraestruturas da Cidade das TIC”. Deste xeito, no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC haberá información estable e permanente dos proxectos de investigación de ambas universidades. Tamén as empresas spin off viguesas poderán acceder aos recursos tecnolóxicos do campus de Pedralonga, mentres que as empresas asentadas na Cidade das TIC terán facilidades para achegarse aos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster e poderán ofrecer de forma máis doada prácticas ao alumnado de ambas institucións.