DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase este venres e sábado no recinto que se instalará na praza de España

O Pont-Up Store retorna combinando a proxección presencial de 40 empresas cunha nova plataforma virtual

Complétase cun programa integrado por unha vintena de actividades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/09/2021

Despois de que a covid-19 impedise o pasado ano o desenvolvemento das súas actividades presenciais, o Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo promove, a través do Campus Crea, coa Concellaría de Promoción Económica como patrocinador principal, retornará este venres e sábado á praza de España. Na carpa que se instalará neste espazo, 40 novas empresas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos ao longo dos dous días dun evento que completa o seu programa presencial cunha vintena de actividades. De xeito paralelo, a oitava edición do Pont-Up Store, unha iniciativa coordinada polo grupo de investgación G4+, membro de Ecobas, terá como principal novidade a posta en marcha do digital_pontup, un espazo virtual interactivo na que as empresas disporán de “stands virtuais” para dar a coñecer os seus proxectos.

O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, presentou este mediodía as novidades desta edición acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; o tenente de alcalde, Tino Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Fernández e o deputado provincial de Economía Carlos López Font. Como unha “festa do emprendemento”, que permite achegar á cidadanía o labor de persoas “que poden ensinarnos como traballar desde a innovación”, definiu Soto un evento que, como lembrou Blanco, “o ano pasado tivo que adiar a súa parte presencial”, desenvolvendo unicamente actividades virtuais, para retornar neste 2021 nese obxectivo de “seguir axudando ao emprendemento, sempre necesario”. López Font., pola súa banda, puxo de relevo a “importancia da confluencia” das diferentes institucións que colaboran nesta iniciativa, aspecto no que tamén incidiu Fernández, que destacou a importancia para o Concello de establecer sinerxías coa Universidade, “como un elemento vivo que impregna a cidade”.

Un escaparate para 40 empresas 

Nas xornadas de venres e sábado, 35 novas empresas presentarán os seus proxectos e servizos nos stands que se habilitarán no recinto, ao que cinco empresas sumarán tamén unha serie de “actividades demostrativas”. Entre os proxectos de empredemento seleccionados figuran “iniciativas de todos os ámbitos”, como apuntou Figueroa, que destacou a presencia de empresas ligadas á cultura, á moda, á enxeñaría, ao turismo ou á economía social. O director do Pont-Up Store recalcou así mesmo a “aposta” deste evento por promover actividades vinculadas ao “ámbito da igualdade”, ao que se suma o feito de que o 55% dos proxectos empresariais seleccionados “estean liderados por mulleres”. Así mesmo, máis do 40% das empresas proceden de múltiples puntos de Galicia “máis aló das sete grandes cidades”, o que amosa, sinalou, a “proxección” do evento no conxunto da comunidade autónoma. Do mesmo xeito, Figueroa destacou que os diferentes proxectos seleccionados “teñen como tema común a sostibilidade, ben nos propios produtos e servizos que ofrecen, ben nos principios do propio emprendemento”.

Por outra banda, entre as 40 startups galegas protagonistas deste encontro figuran tanto proxectos seleccionados na convocatoria de 2020 como unha ducia de empresas que iniciaron ou reorientaron a súa actividade no contexto da pandemia, seleccionadas na convocatoria extraordinaria aberta neste 2021 polo comité organizador.

Novo espazo virtual

Máis aló da volta a presencialidade, esta edición abrangue tamén o lanzamento dun espazo virtual interactivo, o digital_pontup, unha “ferramenta que vai estar activa todo o ano” e que permitirá non só realizar visitas virtuais aos diferentes stands, senón tamén organizar outra serie de actividades, explicou Figueroa. Esta nova plataforma foi desenvolvida pola empresa Xeométrica, cuxo responsable, Roberto Cabeceira, membro do comité organizador do Pont-Up Store, explicou que naceu coa idea de ser “unha réplica da feira”, marcada pola “integración da realidade e virtualidade”. A través de diferentes ferramentas, esta plataforma permitirá facer “visitas interactivas ás contornas de traballos” destes proxectos empresariais ou aos seus “stands virtuais”, nos que será posible contactar cos emprendedores e emprendedoras, á vez que coñecer os seus produtos e servizos e como adquirilos.

Unha vintena de actividades

“O obxectivo desta edición era facer o que non fixemos o ano pasado”, salientou Figueroa do programa de actividades que completa o Pont-Up Store e que se desenvolverán tanto no propio recinto como noutras localizacións. Entre as propostas que se insiren nun evento, que é o resultado “do traballo de voluntarios e da colaboración de 40 institucións e patrocinadores”, figuran este venres unha xincana educativa, organizada por A Redeira; unha mesa redonda sobre mulleres nas TICs, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; un almorzo networking; unha actividade dirixida a buscar sinerxías entre os participantes; un encontro sobre “aventuras emprendedoras” e unha sesión de networking sobre emprendemento en feminino, promovida por AJE-Pontevedra. Por outra banda, tanto venres como sábado Ticket 2 Europe promoverá actividades vinculadas á moda sostible. A estas propostas súmanse as actividades organizadas polos propios expositores, como a presentación do conto ilustrado Laia, obradoiros de ecoestampación, construción de asubíos de buxo e de cabaliños de pau, unha demostración de cestaría ou miniconcertos na tarde do sábado.

Dada a situación sanitaria, o recinto dotarase de medidas como control de temperatura no acceso, establecerase un percorrido predeterminado e non se poderán tocar os obxectos expostos a menos que o permitan as persoas responsables de cada stand.

Unha asociación reunirá á comunidade emprendedora do Pont-Up

Por outra banda, esta edición servirá tamén para presentar a Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, nacida cos obxectivos de “aproveitar a experiencia e os valores” promovidos por este encontro ao longo das súas oito edicións, contribuír á súa continuidade e “apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes”, constituída por preto de 300 iniciativas empresariais de diferentes puntos de Galicia, como lembrou Figueroa nesta presentación.