DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos recollidos polo grupo G4+ para o Observatorio Efecto PO2 

Pontevedra cumpre o 99.9% das directrices da OMS sobre a calidade do aire

A cidade conta tamén cunha “boa” auga potable, que consume o 50% da poboación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/01/2021

Ao longo de 2019, Pontevedra cumpriu nun 99,9% as directrices establecidas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a calidade do aire, só superándose os niveis establecidos en materia de contaminación en tres horas do ano. Do mesmo xeito, seguindo o índice establecido pola Unión Europea para avaliar a calidade do aire, esta cualifícase como “boa” ou “moderada” en 310 dos días do pasado ano, un 71%, mentres que seguindo a metodoloxía aplicada por Meteogalicia, a calidade da aire foi “moi boa” o 87% dos días. Así mesmo, a cidade conta cunha auga potable de boa calidade que consume preto do 50% da poboación. Estes son algúns dos datos recollidos polo Observatorio Efecto PO2, un proxecto impulsado pola Concellaría de Promoción da Cidade, que leva a cabo o grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A concelleira Anabel Gulías, o coordinador do grupo, Pedro Figueroa, e o investigador Daniel Gallego presentaron este xoves, nunha rolda de prensa virtual, os primeiros datos deste observatorio, relativos á auga e á atmosfera. En ambos campos, salientou Gulías, os datos recollidos e referidos ao ano 2019, presentan resultados “moi positivos e alentadores” sobre os efectos do modelo urbano da cidade. Como explicou Figueroa, esta iniciativa, enmarcada no Observatorio Urbano de Pontevedra, naceu co obxectivo de servir como unha “ferramenta de apoio” ao proxecto Efecto PO2, da Concellaría de Promoción da Cidade, dirixido a reunir e estruturar unha “información útil para a toma de decisións por parte dos axentes públicos”. Estruturado en 37 variables e 186 indicadores, o observatorio compila tamén información sobre residuos, mobilidade e territorio. 

Aire de boa calidade e máis de 200 días sen chuvia

Os datos reunidos no apartado de atmosfera e clima foron presentados por Gallego, que sinalou que a cidade cumpriu nunha porcentaxe do 99,9% as directrices establecidas pola OMS respecto dos niveis de partículas grosas, partículas finas, ozono, dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre no aire. Como explicou, “estes contaminantes mídense cada hora de cada día” e das 8760 medicións realizadas o pasado ano, superáronse os límites referidos a partículas grosas en tres das horas. De feito, nos rangos que establece a lexislación para esta serie de contaminantes, a cidade situouse “no limiar máis baixo posible” en todos eles, coa excepción das partículas grosas, “que se atopan no segundo chanzo". Así mesmo, segundo a metodoloxía para definir a calidade do aire da UE, esta foi “boa ou moderada, os dous mellores escenarios posibles”, en 310 dos días, á vez que non alcanzou en ningunha xornada do pasado ano “os rangos de peor calidade”, os que a clasifican como “perigosa ou moi pouco saudable. De acordo coa metodoloxía aplicada por Meteogalicia, a calidade do aire cualifícase como “moi boa” en preto do 87% das xornadas. 

No referido á contaminación acústica, Pontevedra mantén uns valores medios inferiores aos 65 decibelios desde 2015, situándose o “valor de fondo natural” nos 30 decibelios. Por outra banda, no aspecto meteorolóxico, Gallego resaltou que a análise dos datos dos últimos 20 anos amosa que o municipio contou con máis de 2060 horas de sol ao ano e con máis de 215 días sen chuvia. 

Auga de calidade e cada vez máis consumida

Pedro Figueroa, pola súa banda, foi o responsable de presentar os datos referidos ás diferentes fases do ciclo da auga. No referido ao seu consumo, salientou a “boa calidade” da auga potabilizada, “de moi débil mineralización”, así como aumento da porcentaxe da cidadanía que a consume, que pasou do 36% en 2017 ao 49% en 2019. Cada habitante, así mesmo, gasta unha media de 114 litros de auga ao día, 24 menos que a media galega.

Previamente, Figueroa detívose tamén nos cambios rexistrados nos últimos anos en materia de captación, xa que en 2019 o subministro que se presta tanto ao Concello como a outros municipios limítrofes procedeu nun 50% do encoro de Pontillón do Castro, fronte ao 18% de 2017. Por outra banda, no referido á rede de abastecemento, os datos do observatorio sinalan que esta dá servizo a preto do 84% da poboación, mentres que a rede de saneamento cobre ao 95% da cidadanía, cun “feito importante", que no 99% dos casos trátase dunha “rede separativa”, na que “para entendernos, as augas limpas e sucias van por vías separadas”, explicou. Figueroa sinalou así mesmo que os prezos, tanto no caso do abastecemento como de saneamento, mantivéronse sen cambios nos últimos anos.