DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola UVigo, o Concello e as federacións española e galega, terá lugar en outubro

Pontevedra será sede dun dos congresos sobre piragüismo “máis importantes do mundo”

Trátase da oitava edición dun foro internacional nacido en Catoira en 2004 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 13/06/2022

Entre o 28 e o 30 de outubro, Pontevedra será sede “dun dos congresos de piragüismo máis importantes do mundo”, segundo salientou este luns o presidente da federación española deste deporte, Javier Hernánz, na presentación do VIII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, II Congreso Internacional de Adestradores Slalom e I Congreso Internacional de Adestradores de Kaiak Polo. Nacido en 2004 e de carácter bienal, trátase dun foro que ten como principal obxectivo aumentar a preparación dos técnicos e profesionais deste deporte que ata a data desenvolverase en Catoira. Despois de que a covid-19 obrigase a adiar ata este 2022 a súa oitava edición, esta terá como nova sede o Pazo da Cultura de Pontevedra e contará coa participación como conferenciantes de adestradores de España, Alemaña, Portugal, Eslovenia, Inglaterra, Hungría, Bélxica, Australia e Italia.

Organizado pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Concello de Pontevedra e a Federación Galega de Piragüismo, a oitava edición deste congreso, que ten á fronte do seu comité organizador ao profesor Manuel Isorna, presentouse nun acto conducido polo director en funcións da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, Alfonso Mandado. Nel interviñeron Óscar García, decano da facultade; Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Javier Hernánz, presidente da RFEP; Alfredo Bea, presidente da federación galega e Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes.

Potencia en resultados deportivos, non en investigación

Tras agradecer á organización “que contase coa nosa facultade dunha maneira máis intensa”, Óscar García puxo de relevo nesta presentación a importancia de congresos como este “para resolver o paradoxo que, na miña opinión, ten o piragüismo”, que é, como lembrou “o deporte que máis éxito nos deu nos Xogos Olímpicos”, pero que á súa vez ten “un impacto económico, social e nas bases que non se corresponde con ese éxito”. De aí que expresase o seu desexo de que con iniciativas como esta “poidamos comezar a equilibrar a balanza e atopar estratexias de formación de adestradores” que permitan “seguir mantendo ese elevado nivel competitivo”, pero lograr tamén que eses éxitos se reflictan “na base e no impacto” deste deporte. Nesa mesma liña, o presidente da RFEP atribuíu os éxitos logrados neste deporte “á capacidade, espectacular talento e mentalidade” das e os piragüistas, xa que, en termos de investigación e formación ligada a este deporte, España “sempre estivo por detrás dos países punteiros”.

Nesa mesma liña, Tino Fernández destacou que Pontevedra quere situarse “a vangarda no que se refire á investigación, desenvolvemento e mellora tecnolóxica” ligada ao deporte de alto nivel, mentres que Gorka Gómez puxo de relevo a importancia que “ten no mundo de deporte unha formación continua de calidade”. Nese mesmo aspecto incidiu Alfonso Mandado, que destacou ademais do "alto nivel" dos técnicos e deportistas que participarán como relatores, o feito de que este congreso, que conta co apoio da International Canoe Federation (IFC), poña o foco “no tema máis importante para a Universidade, que é a formación”.  

Un congreso que “se consolida” e suma unha terceira modalidade

Ademais de resaltar “un feito importante, como é que o congreso pase de Catoira e Pontevedra e estea máis preto da Universidade”, Daniel Benavides destacou que este congreso “non só se consolida” na súa oitava edición, “senón que crece” incorporando unha nova modalidade deportiva, o kaiak polo, á súa análise. Faino con catro conferencias centradas nesta disciplina, que podería converterse proximamente en olímpica como xa o son as de augas tranquilas e slálom. “Todas estas modalidades entran no congreso por unha simple razón, a demanda de coñecemento dos nosos técnicos”, subliñou Alfredo Bea, que destacou que “poucos congresos poden aglutinar tanto coñecemento dunha modalidade olímpica” como o que se desenvolverá en Pontevedra, cuxa importancia vese referendada, lembrou, pola participación como conferenciante do presidente da ICF, Thomas Konietzko.

Cos avance técnicos e tácticos que puideron verse nos Xogos Olímpicos de Tokio como eixo temático de boa parte dos seus relatorios, o programa deste congreso abrangue por unha banda 15 conferencias e mesas de debate centradas na modalidade de augas tranquilas. Nelas, especialistas de diferentes países, entres os que se atopa o adestrador, médico e campión olímpico Tim Brabants, afondarán en aspectos como os novos modelos de planificación do adestramento, o papel da muller no piragüismo, a preparación física e psicolóxica dos deportistas olímpicos, a incidencia do ciclo menstrual no rendemento deportivo de atletas de elite ou o adestramento de altitude simulada

A estes relatorios súmanse outros seis centrados na modalidade do slálom, que se aborda por segunda vez, e catro conferencias que poñen o foco en diversos aspectos da preparación das e os deportistas de kaiak polo. Por outra banda, o programa inclúe tamén dous talleres sobre exercicios específicos para a mellora dos xesto técnico e monitorización do adestramento, así como a presentación de comunicacións e pósters, para as que o prazo de presentación de resumos manterase aberto ata o 30 de setembro.